VERBAS

Por Espiñeira

NOITE

Mil primaveras máis para a nosa lingua, pedía Cunqueiro. E mil e unha noites máis, mentres haxa contos e quen os conte.

Con parentesco léxico e con proximidade gráfica e fónica, a nosa noite, que vén da nocte dos tempos romanos, faise noite en portugués, nit en catalán, notte en italiano, noapte en romanés, nuit en francés ou night en inglés.

Da mesma fonte léxica ca esta noite proceden termos como nocturno, pernoctar, noctívago ‘que vaga pola noite’, e demais formas derivadas por vía culta, sen mudaren a forma etimolóxica. Asemade, por vía romance, romanceadas, formadas sobre a noite, pero sen nocturnidade, temos noiteboa, anoitecer, trasnoitar e outros moitos vocábulos.

No grego o nome equivalente a noite era niktós, sobre o que se formou o adxectivo nictálope ‘que ve na noite’. As curuxas, por exemplo, son animais que gozan dunha moi boa agudeza visual na escuridade, teñen gran capacidade para captaren a luz. De feito esta ave rapaz ten hábitos nocturnos e, precisamente por mor da súa vantaxosa visión nocturna como nictálope, caza de noite; Na noitebra, de noite, a curuxa caza e así pode pasar o día aniñada, agachada, acuruxada.

Non hai día sen noite nin noite sen día, reza o dito. Día e noite, vida e morte. Pero tamén hai bocanoite, luscofusco, noitiña, esa rexión do tempo na que o día e a noite se dan a man e se confunden. Isto non é vida, quéixase o pesimista. Mais tamén pode facerse a noite en pleno día, pola sombra dunha garota na praia de Copacabana, di o letrista. Álvaro Cunqueiro deixouno dito mellor ca ninguén:

Eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terrenal, da patria que son a terra e os mortos, haxa estoutra patria que é a fala nosa. Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: "eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis".

Mil primaveras máis e mil contos máis e, como no de Sherezade, mil e unha noites. Non podemos vivir sempre acuruxados, sempre de noite. Xa como pobo temos sufrido unha longa noite de pedra. Somos animais, mesmo podemos ser moi animais, pero non nictálopes, non imos ficar sempre na boca da noite.

Noite

Ao chegar a noite cumpría arroupar o becerriño


Verba seguinte: NOME // Verba anterior: NÉBOA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com