MUXIR
Dun verbo do latín mulgere chegouse doadamente ao noso muxir, ou munguir, que ademais conserva o mesmo significado de ‘extraer o leite dos tetos das femias de animais como as vacas’. Muxir, a man ou a máquina, coa muxidoira. A acción e tamén o verbo fíxose tamén familiar, con poucas mudanzas, no portugués mungir, no catalán munyir, no italiano mungere, ou no romanés mulge.
Emulsión e outros derivados manteñen a mesma raíz latina, de emulsus ‘muxido’. A emulsión é unha dispersión dun líquido noutro co que non é miscible, é dicir, co que non se mestura. O que ocorre, por exemplo, ao botarmos auga en aceite, non son miscibles e quedan pingas dispersas. Esta dispersión é o que se chama emulsión. Como aditivos alimentarios empréganse emulsionantes. Emulsionar é hogano un termo moi socorrido no eido da restauración, a química da alta cociña.
Tamén se dá unha especie de emulsión léxica en situacións de contacto lingüístico: hai individuos –elementos- que ao falaren producen dispersións dunha das linguas na outra. Son falantes emulsionantes.
Muxindo a man nunha corte galega no ano 1978
Verba seguinte: NÉBOA // Verba anterior: MURAR // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |