Indice de Exercicios

VERBAS

Por Espiñeira

MORNO

Nin frío nin quente, morno. A temperatura do benestar. Morno, tépedo, temperado. Ten unha orixe etimolóxica descoñecida. Morno foi relacionado co vocábulo do latín vulturnus ‘vento do sudoeste’, o mesmo étimo do que deriva bochorno. Desde logo mal se pode ignorar a contigüidade de significacións que hai entre estes dous termos, morno e bochorno, así como tamén unha contigüidade semántica destes coa verba modorra, a preguiza tan querida do benestar morno. Unha leva a outra.

Auténtica raíña da morna foi a cantante caboverdiana Cesária Évora. No arquipélago atlántico descuberto polos portugueses no século XV, Cabo Verde, rexístranse varios xéneros musicais autóctonos, un deles coñecido como “a morna” é unha sorte de música que se ten relacionado co fado, co tango e co blues; en fin, unha marabilla para os ouvidos. Na república de Cabo Verde, Cesária Évora é a raíña da morna. E raíña que aínda reina despois de morrer. Tamén nestoutra morna hai incerteza sobre a orixe. Para uns estudosos, podería existir unha relación desta morna coa expresión do inglés to mourn, ‘laiarse ou chorar polos mortos’; para outros, coidan máis ben na hipótese dunha fonte formal no francés morne, o nome que se dá ao morro ou outeiro nas Antillas francesas, onde estaría localizada a xénese musical. Con todo, máis verídica semella, sen máis, outra hipótese: a que sinxelamente fai da morna -feminino de morno- unha alusión á música que se compón de finas e suaves melodías. Simplemente morna. Nin fría nin quente.

Morna

A area desta praia debe estar morna e acolledora


Verba seguinte: MURAR // Verba anterior: MOL // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com