VERBAS

Por Espiñeira

MOL

O étimo do latín molli significaba ‘flexible’ e con ese mesmo ou outros significados parellos a ‘suave ou brando’ achamos descendentes léxicos como o noso adxectivo mol, o catalán moll, o italiano molle, o romanés moale, o provenzal mol, o francés mol e molle, ou mesmo o moll (co significado de ton menor) e mollig do alemán. Mesmo o parentesco abrangue o inglés mollify e outros derivados semellantes. Pola súa beira, no español a forma correspondente é muelle.

Mulido, mulir son membros desta mesma familia léxica. Un mulido é un tecido brando, para limpar ou para enrodiciar e pór sobre a cabeza e portar unha carga. Mulir é sinónimo de amolecer e amolentar, obviamente creados á vez sobre a mesma voz mol. Amolar co sentido de ‘enfastiar, aborrecer’ tamén ten base nesta mesma fonte etimolóxica. E unha pedra de amolar é aquela pedra que serve para afiar ferramentas ou instrumentos.

Outros elementos emparentados lexicalmente con mol son o cultismo emoliente ‘que abranda ou amolece’, moleza ‘brandura’ ou molicie ‘preguiza’. E aínda sen saír desta familia pódense relacionar outros elementos que se cadra non teñen unha relación tan evidente pola menor semellanza formal. Bemol serve agora para distinguirmos o semitón máis baixo dunha nota musical, pero na súa orixe o be mol definía be -na gama antiga equivalía á nota si- mol –suave, brando-. Mol en por si tamén é calquera molusco -do latín molluscus- creado a súa vez a partir do grego malakós ‘brando’ e con influxo de musculus, o noso músculo, que de feito vén ser diminutivo de mus ‘rato’, é dicir, ratiño ou rato pequeno, que foi chamado así por mor da semellanza física. Baixo a pel do bíceps, por exemplo, semella agocharse un ratiño.

Sobre o mesmo mol foron creados tamén derivados verbais, primeiro xa no latín molliare, co significado de ‘amolecer’, que hoxe gardan harmonía formal nas diversas linguas: o galego mollar, o catalán mollar, o portugués molhar, o provenzal molhar ou o francés mollir. Remollar e outras palabras derivadas por afixación comparten, naturalmente, a mesma orixe.

Un chisco de publicidade: para limpar, pedramol, mestura de po de pedra e auga, amolece calquera superficie e non deixa lixo. Pedramol é o nome comercial co que se vende un produto de limpeza, pero tamén verdadeiro material poético tallado na lingua, pedra mol.

Desde antigo veuse relacionando co étimo latino mollies, particularmente coa forma comparativa mollior ‘máis mol’, a suposta orixe etimolóxica de muller. Así e todo, non se pode acreditar nesa relación. Máis ben, trátase dunha hipótese machista que vencella a presunta relación etimolóxica do termo muller con outras expresións igualmente machistas como “sexo débil”. Muller, en realidade, está lonxe de mol ‘brando’. Tan lonxe como 6.02 x 1023, o número de Avogadro que se emprega en química para expresar cantidade e que tamén se coñece co nome de mol. Vaia potencia, 6.02 x 1023, muller.

Polbo

O polbo é un molusco


Verba seguinte: MORNO // Verba anterior: MEXER // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com