VERBAS

Por Espiñeira

MURAR

Tense sinalado o verbo murar como un dos mellores exemplos de concisión formal, unha das voces máis concisas e máis expresivas de todas as linguas románicas. Murar ten o significado ben matizado da acción que consiste en ‘estar o gato a cazar ratos ou andar asexando para a súa caza’. Non se pode dicir máis con menos. Gato e rato, á espreita. E o gato é quen mura, o que anda aos múridos, aos ratos.

Efectivamente, no latín mus, muris significa ‘rato’, de onde chega a denominación común desta familia de roedores, múridos. Como diminutivo de mus existía xa no latín a voz musculus, que polo tanto tiña o significado de ‘ratiño’ e, ademais, gañou outro significado novo, o que actualmente temos en músculo, adoptado pola semellanza que presentan algúns músculos ao se contraeren co corpiño dun rato pequecho, ratiño.

Con base nesta mesma orixe etimolóxica de mus temos derivados como musaraña, de mus araneus, semellante a un rato, mais co fociño máis longo; tamén se coñece co nome de muraño. E de mus tamén vén o noso morcego, composto ben descritivo xa no latín a partir de mus muris caecum, é dicir, ‘rato cego’. Agora ben, se estas e outras voces cognadas remiten cara mus, de onde virá o nome rato? Sinálase como posible unha hipótese onomatopeica, a do termo rattu do latín vulgar -o vello latín falado nas provincias do imperio romano- que vén denominar o roedor polo ruído que fai precisamente cando roe ou rabuña; rato rato.

Hoxe, ademais de aludir ao roedor, emprégase o substantivo rato para o dispositivo que reemprazou algunhas funcións do teclado nos aparellos informáticos. Inicialmente este rato lembraba a forma do roedor e, igual ca ten ocorrido co inglés mouse -da mesma familia léxica- axiña adquiriu esta nova acepción semántica. Claro que os ratos de ordenador non son múridos, de igual maneira que os gatos mecánicos ou os gatos hidráulicos tampouco son felinos.

Un emprego que se debe evitar é o da locución castelanizante “pasar o rato”, a non ser que se queira facer brincar a alguén co animaliño roedor. Se non é por brincadeira, mellor é empregar “pasar o tempo”. Para un anaco de tempo ou un intre non cómpre ningún “rato”, aínda que haxa quen non viva sen ter o rato na man.

Hai moitas ocasións nas que se pon diante unha disxuntiva, a de ter que escoller entre “rabo de gato” ou “cabeza de rato”. Cal é mellor? Ben quedar como o derradeiro dos mellores -rabo de gato-, ben ser de entre os peores o primeiro -cabeza de rato-? Dilema. Mellor cabeza de gato.

Murar

Rato para computadora


Verba seguinte: MUXIR // Verba anterior: MORNO // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com