VERBAS

Por Espiñeira

MEXER

Terán algo en común remexido e promiscuo? Pode haber algunha relación entre misto e mestizo? Claro que si, hai entre esas parellas un mesmo sema común. Abonda con reparar un intre no significado deses termos. Remexer é dar voltas a algo, normalmente dentro dun recipiente; promiscuo adóitase empregar na acepción que caracteriza a quen ten relacións sexuais con distintas persoas, pero tamén ten outra acepción, primaria, aínda que hoxe postergada no uso cotián, a de ‘mesturado’. Un misto, como ben se sabe, é o pauciño con cera que serve para acender lume. Un mestizo é fillo de pais que teñen diferente raza. Polo tanto, en todos estes termos subxace o sema común de ‘mesturar’ que se herdou directamente do vebo do latín miscere.

Igual ocorre con miscelánea, literalmente ‘mestura’, que tanto serve para se referir a un prato combinado como para denominar a peza literaria que contén en por si varios xéneros. Algo de mestura tamén hai en inmiscir, a mestura que resulta de ‘intervir’ ou entremeterse nalgún asunto alleo. Obviamente, co mesmo significado básico ca mixto ‘mesturado’. E, curiosamente, esta mestura miscelánea promiscua chegou ata ao alemán na forma mischen.

De volver a mesturar, no latín remiscere, sae remexer, sinónimo que foi desprazando ao sinónimo sinxelo mexer.

A verdade é que as relacións léxicas aquí expostas están feitas grosso modo, non para quen se poña mexeriqueiro, é dicir, afectado ou melindroso de máis. As persoas que así sexan cómpre que saiban que no fondo tamén elas –mexericas- son produto promiscuo de mexer afectación con afecto.

Mexer

Este pauciño con gallos é un enviñador, para remexer e calcar o bullo dentro da cuba


Verba seguinte: MOL // Verba anterior: MELLOR // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com