VERBAS

Por Espiñeira

LAR

Nun principio Lares era no latín o termo que facía referencia ás divindades romanas, entre as que se achaban os ‘deuses do fogar’, os lares domestici. Os lares loci tiñan a encomenda de velar pola protección do espazo que ocupaba a casa familiar e protexían tanto a casa como o campo. Tanta era a veneración que os romanos lles profesaban a estes lares que mesmo lles facían ofrendas e rezaban. Aquela advocación proviña xa dunha vella tradición fetichista e relixiosa que practicaban os etruscos alá na Etruria, a súa terra, na actual Toscana. Para realizaren as ofrendas e orárenlles colocaban as figuras que representaban os lares nuns pequenos altares que foron chamados lararia. A nosa lareira, a pedra chá onde se fai lume para cociñar, vén ser tamén o altar dos nosos lares. E aínda queda moito daquel arroubo místico perante o altar na contemplación do lume a arder como unha fuxidía deidade nunha lareira. Talvez o alento dos lares prenden a chama do arroubo.

Este é o significado primixenio de lares, deidades. E co mesmo sentido consérvase en español o cultismo lar, ‘deus do fogar’. Ben preto tamén se encontra o llar do leonés co sentido de ‘cadeas do fogar onde se penduran os caldeiros’ Só de xeito figurado se empregou no latín o vocábulo lares para designar non os deuses protectores do lar ou fogar senón, por extensión semántica, o fogar mesmo protexido, o noso lar. O lar que aviva a saudade de Rosalía de Castro:

“Dígoche este adios chorando
desde a beiriña do mar.
Non me olvides, queridiña,
si morro de soidás...
tantas légoas mar adentro...
¡Miña casiña!,¡meu lar!”

Notorias semellanzas formais e semánticas teñen outros nomes equivalentes ao noso lar, como o éuscaro laratz, o francés lare ou o inglés lar. Cómpre telo á vista, e mantelo, como os romanos tiñan á vista as súas veneradas figuras que representaban os lares.

Lar

Calorciña do lar con moderna estufa


Verba seguinte: LECER // Verba anterior: HOMADAS // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com