LENE
Que significa lenitivo? Un galego culto hoxe en día teno que saber. Un galego. Non un gallego. E lenidade? O mesmo. Sábeo quen sabe galego. Non o gallego que vive alienado e menospreza o propio.
Estes dous termos, lenitivivo e lenidade, existen tamén en castelán e, con forma significado semellantes, atópanse igualmente en italiano, en catalán, en inglés e noutras linguas. Derivan en ambos os dous casos de lene ‘doce, suave’, adxectivo que comparten galego e italiano e que xa tiña este mesmo uso e valor significativo no latín clásico lenis.
Os galegos deberiamos medrar con isto e con moito máis xa aprendido, coa vantaxe do atallo herdado cara a cultura universal que constitúe termos a ponte dunha lingua propia. Unha ponte cimentada sobre esteos latinos e levantada día a día, ao longo de moitos séculos de vida, pedra a pedra, verba a verba, por todas as xentes do pobo. Só algunha grave patoloxía social debeu terse inoculado en nós ao longo da historia para que algúns galegos, doentes, gallegos, padezan de autoxenreira, fobia e rexeitamento cara á herdanza común, cara á súa historia e cara á propia identidade colectiva. “Dame pan y llámame gallego” é un refrán que encerra un ruín pensamento que mesmo algúns dos nosos dirixentes deciden acoller e defender con pragmático entusiasmo. Pensan que pensan estes, gallegos eles. E logo non ha valer queixarse da acepción que se dá de “gallego” nalgún dicionario. A doenza é grave, ben grave, de prognóstico reservado. Non chega con lle aplicar algún lenitivo, ‘que suaviza’ a dor e os síntomas; é grave e non abonda con andar a facer que se fai con lenidade, con ‘frouxeza ou brandura’. Cómpre tan só que vivamos como galegos. Gallego, o último.
Este candil de gas deitaba unha luz lene
Verba seguinte: LONGA // Verba anterior: LECER // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |