VERBAS

Por Espiñeira

GORXA

Unha gárgola é un cano de pedra por onde verquen as augas do tellado. Regurxitar é botar pola boca sen vómito. Que poden ter en común gárgola e regurxitar? Pois que nos dous casos se produce unha saída por medio dunha canle ou gorxa. O que teñen en común é a orixe, ambos termos remiten a unha forma gurges que no latín ten o significado de ‘torbeliño de auga’ e de ‘gorxa’. Da boca para fóra, egurxitar. O contrario, de fóra para dentro, ingurxitar.

Gorxa emprégase tamén para referir un paso estreito entre montañas, igual ca foz, neste caso por extensión semántica dende a primeira referencia anatómica, estreito polo que pasan os alimentos, cara á referencia xeográfica, estreito que serve de paso entre dúas montañas. Este noso gorxa ten viva equivalencia en numerosos elementos alóctonos que gardan notable semellanza formal: entre outros, o catalán gorja, o provenzal gorja, o francés gorge, o inglés gorge ou mesmo o alemán curgel. Pola súa beira, tamén no español chegou a formarse a voz gorja, de onde viñeron derivados como gorjeo, o chilreo dos paxaros e quebro da voz humana.

Algo máis lonxe, pero aínda emparentado lexicalmente con estes nomes comúns alusivos a gorxa, áchase o termo xerga, que fai referencia ao modo lingüístico propio dun grupo social ou profesional. Xerga ou xiria coma o barallete, aquela fala encriptada empregada entre si polos afiadores ourensáns. Neste caso, xerga é o que sae da boca para fóra.

E por se tratar dun órgano que intervén na fonación, é ben natural que con base en gorxa se produzan moitas voces imitativas. A función crea o órgano. De feito xa garganta, hoxe moi estendida como sinónimo de gorxa, ten en por si orixe onomatopeica, como tamén gargarexar ‘manter un líquido na gorxa sen tragar’ ou gargallada ‘risa forte’. Gargallo é a flegma que se expulsa pola boca. Con base na mesma fonte, guirigai expresa certo desprezo polas verbas estrañas que non se entenden e semellan balbordo. O desprezo polo que non se entende agroma noutras voces que arremedan falas alleas, desprezadas tan só porque son descoñecidas. Algarabía, en principio al-arabiyya 'o árabe, a língua arábiga’ pasou logo a significar pexorativamente boureo ou balbordo de calquera fala que non se dá comprendido. Non se entende. É a soberbia que nace da ignorancia. A mesma ignorancia da que xurdiu o nome da lingua norteafrincana bereber, unha fala que cando non se comprende soa algo así como ber ber. Ou a soberbia etnocentrista que deu orixe ao termo bárbaro, usado primeiro polos gregos e máis tarde polos romanos para designar os pobos estranxeiros que empregaban unhas falas inintelixibles, algo que lles soaba así como bar bar. O que sae pola boca e non se entende adoita desprezarse. Con todo, pode darse unha viraxe cara un valor positivo, de gabanza. Bárbaro!

Gorxa

Os romanos abriron unha gorxa, unha canle para o Sil en Montefurado


Verba seguinte: GRADE -GRELLA // Verba anterior: GOLPE // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com