VERBAS

Por Espiñeira

GAIOLA

Como diminutivo de cavus ‘oco’, caveola tiña xa no latín o significado específico de ‘gaiola’, igual cá nosa gaiola.  E a mesma orixe con semellante fasquía atópase, entre outras, na catalá garjola, na francesa geôle ou nas inglesas gaol e jail ‘cárcere’. Do substantivo gaiola formouse o verbo engaiolar, empregado tanto de xeito literal ‘meter dentro dunha gaiola ou cativar’ como no senso metafórico de encantar ou enfeitizar. Gaioleiro dise do que é atraente e mesmo que chega a ser embaucador.

Curiosamente da mesma orixe ca este gaiola veu a forma chabola, aínda que indirectamente porque esta chabola foi construída sobre o elemento do éuscaro txabola, como ‘cabana, choupana ou alpendre’, case unha gaiola.

Doutra beira, con estes teñen evidente parentesco léxico outros termos que se cadra semellarían máis afastados hoxe. Por exemplo, gabia ‘foxo, canle ou rego fondo’ e outros afíns a este noso que existen noutros idiomas, como o catalán gavia, o italiano gabbia, o provenzal gabia, o francés gabie ou tamén o inglés cage. Todos estas expresións son transformacións derivadas en última instancia da forma latina cavea ‘gaiola’. Facer gabias no patrimonio inmaterial, gabiar no tesouro da lingua, é certamente engaiolante.

Gaiola

Gaiola para pillar paxaros (ponse millo debaixo, o paxaro move o pau e cae a trampa)


Verba seguinte: GOLPE // Verba anterior: FUSCO // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com