Indice de Exercicios

VERBAS

Por Espiñeira

FUSCO

No latín fuscus significaba ‘escuro, tirando a negro’. Que ía significar, se non, con dous /u/. O mesmo significa hoxe en día fusco no idioma galego. Aquel étimo deu resultados parellos ao noso no catalán fosc, no italiano fosco, ou no provenzal fosc. Saíndo fóra da Romania, tamén se acha no inglés o termo fuscous.

Con máis que evidente relación de parentesco léxico-semántico usmos formas derivadas de fusco como ofuscar e ofuscamento. E existe unha tea opaca que se emprega en lugar de persiás e que se coñece co nome de foscurit. Esa tea lévanos cara á mesma noción de escurecer, o efecto que precisamente se procura co foscurit. No fondo, é a mesma idea que subxace no substantivo fuscallo, que alude a brétema ou néboa. Á mesma familia pertence o verbo enfoscar, derivado dun latín infuscare ‘escurecer’, que hoxe se usa co significado de tapar os buratos nunha parede, ocultándoos.

E, finalmente, o mesmo lexema áchase noutra expresión, entre lusco e fusco, que fai referencia ao período de tempo que vai entre o día e a noite, na tardiña, canda o solpor, literalmente entre a luz do día e o escuro da noite. Entre lusco e fusco, como o estado en que din que se atopa a vizosidade da nosa lingua. A nosa propia cultura, a cultura propia máis nosa, en fin, a supervivencia como pobo entre lusco e fusco. A realidade é o que percibimos. E que se pode ver entre lusco e fusco? Depende da ollada, o día e a noite. Non hai que se ofuscar.

Fusco

O dono (pontevedrés) chamoulle Fusco, pola cor da pel


Verba seguinte: GAIOLA // Verba anterior: FURAR // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com