VERBAS

Por Espiñeira

FURAR

Furar é abrir buracos, como esburacar é abrir furados. Da acción de furar ou facer furos vén, naturalmente, furado. Como é obvio, este substantivo é sinónimo de burato, coa variante buraco. Posiblemente tiveron a mesma orixe no lexema furar, aínda que algúns fundamentan a xénese de burato e buraco nalgunha ignota voz de orixe prerromana.

O termo do grego póros ‘burato’ serviría de fonte para a creación no latín do equivalente, foro, e logo do verbo forare, que despois chega a nós como furar. Existe igualmente furar en portugués e tamén se atopa con fasquía ben semellante no francés o termo forer, así como forare no italiano ou foradar no provenzal.

Un furafollas é nome dun paxaro e, por extensión, tamén designa unha persoa que non dá acougado ou que é moi buscavidas. O punzón de aceiro que serve para facer buratos no ferro chámase furafrío.

Este mesmo elemento léxico con preposición aposta deu perforar, un resultado que con poucas variacións tamén se pode rexistrar noutras linguas románicas. E con apoio nesta mesma base léxica, furar,  orixinouse o nome da adega dunha vivenda que de xeito ocasional fai de taberna para ofrecer, sobre todo, o excedente de viño propio: furancho. Asemade, como é costume anunciar os furanchos mediante un ramallo de loureiro na porta de entrada, nalgures estas tabernas efémeras son coñecidas polo nome de “loureiros”. Así e todo, furar furar, o que se di furar, nos furanchos só furan as pipas de viño.

Cando de cativos o balón se pon en xogo, adóitase oír do que fai de porteiro unha regra preventiva: “non vale furar”. A balón parado. Fóra diso, ben que vale furar.

Fuso

Un fuso pode servir para furar


Verba seguinte: FUSCO // Verba anterior: FOL // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com