VERBAS

Por Espiñeira

FICAR

Fito -como nome común– vén do latín fictus, participio que pola súa vez remite cara fixus ‘fixo’ e provén dunha primitiva forma fincar, que é o mesmo ca chantar, cravar ou espetar unha cousa; dende aí faise co senso de manter firme, afirmar, e  mesmo, de se manter firme con insistencia, teimar ou cismar. Con todo, fito é un adxectivo que perdeu rendibilidade no uso cotián fronte á forma fixo. Non obstante, só a súa mención trae a lembranza de topónimos como Pedrafita, a do Cebreiro e outras máis de trinta que cando menos deixaron pegada onomástica na xeografía de Galicia. Pedra fita é, xa que logo, pedra fincada, pedra chantada, como un menhir, verba que en bretón significa literalmente ‘pedra’ men ‘longa’ hir. Pedras longas, pedras chantadas, pero non calquera, senón as pedras prehistóricas que foron ergueitas nas primeiras construcións da humanidade.
Fincar co sentido de chantar deu paso tamén a unha expresión xurídica que vén a indicar a noción do prezo que está pendente de pagamento polo debedor e que se sinala cunha chanta; de aquí a finca só houbo un choutiño, un pequeno salto. Na súa orixe, pois, finca ten certas concomitancias co termo subhasta, conforme o costume romano de sinalar mediante unha hasta ou lanza os bens embargados, as fincas, que logo habían ser obxecto de poxa pública.
Menos transparencia na orixe e evolución morfolóxica presentan outras verbas que asemade pertenceron historicamente á mesma familia, como fibela, ‘peza para suxeitar o cinto’, igual ca fivela no portugués, fivela no provenzal ou fibule no francés. Todas –e tamén fibula no inglés, aínda que neste caso co significado de ‘peroné’- teñen en común idéntico substrato etimolóxico ca fibula, diminutivo dun arcaísmo fivo, o cal viría daquela a ser o mesmo ca figo –como nome común- e polo tanto non deixa de referir a función para a que serve unha fibela: fixar.

Da forma verbal fincar chegouse a ficar ‘quedar’, termo común en galego e portugués, que tamén existe no provenzal, ficar. Este derivado verbal é produtivo na formación de compostos como petrificar, de petra ficar, ou codificar, de códex ficar. Aínda que máis afastada morfoloxicamente, tamén quedou como unha derivación máis a expresión do francés affiche, ‘fixado’, cun emprego semellante ao do termo inglés poster, baseado en to post ‘fixar’ e que a pouco de reparar na súa formación remite, de novo, ao latín postis,is, ‘poste’. Así e todo, á beira do póster e do afiche ben podemos e debemos lembrar os carteis e as notas. E se xa non somos quen de o lembrar haberá que fixar un post-it.

Zoco

Zocos amalloados con fibela


Verba seguinte: FIESTRA // Verba anterior: FEITIZO // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com