VERBAS

Por Espiñeira

FIESTRA

Boa proba de que non temos unha cultura ensimesmada senón aberta e cosmopolita, do local ao universal, é que en galego non só abrimos ventás, abrimos xanelas e abrimos fiestras. Aberta, cosmopolita e moderna, como a obra que fixo o rianxeiro Rafael Dieste, o autor de “A fiestra valdeira”. Esta fiestra nosa remite á fenestra latina, con mudanzas ben cativas; tamén noutras linguas se obtiveron resultados de fasquía semellante, fiestra no portugués, finestra no catalán, finestra no italiano,  fenestra no provenzal, ou fenêtre no francés. Pola súa beira, o castelán perdeu cara o século XVI a derivación que dera esta raíz nunha forma que hoxe resulta arcaica, hiniestra.

Como latín cru, como cultismo, defenestrar mantense nas linguas mencionadas e noutras máis. Literalmente, significa guindar pola fiestra. Unha defenestración histórica moi coñecida tivo lugar en Praga cando os protestantes checos guindaron pola fiestra aos católicos dos Habsburgo, episodio que causou a guerra dos Trinta Anos no século XVII. Nun senso figurado, non literal, defenestrar ten significados diferentes, por exemplo cando se usa como botar a alguén dun cargo. Podemos defenestrar a nosa fiestra? Unha cousa é abrilas e outra é vivir de portas para fóra.

Fiestra

Fiestra en casa vella


Verba seguinte: FOL // Verba anterior: FICAR // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com