VERBAS

Por Espiñeira

FEITIZO

Feitizo ten asento etimolóxico no latín facticius, un adxectivo que nun principio significou artificial, por oposición a natural. O galegoportugués feitizo, con dúas acepcións, encanto e meigallo, pasou ao francés onde se acomodou como fétiche, que logo se foi espallando con éxito en moitas linguas, entre elas, xa de volta, na nosa propia lingua. Unha palabra búmerang. Guindámola ao francés como feitizo e volveu cara nós como fetiche. De feito fetiche é agora un galicismo que fai referencia a calquera obxecto ao que se lle atribúe algún poder máxico. Tamén conservan esta mesma raíz o italiano feticcio, o inglés fetisch e mesmo o alemán fetish. En todos os casos mantense o f- inicial latino, mantemento característico do idioma galego, feitizo, fronte á perda que se deu noutros idiomas, como o castelán hechizo.

Do latín factio,-onis, facción, tomou pé o termo inglés fashion, anglicismo innecesario hoxe imposto como barbarismo pola moda, pola moda do barbarismo. Deste xeito celébrase a Madrid Fashion Week, dende logo moito máis rimbombante e fachendosa cá Semana da moda e, por non quedar atrás, non imos ficar recuados, tamén temos entre nós a Galicia Fashion Week. Non se trata só de simples casos de colonialismo cultural. Logo veñen moitas queixas pola perda da identidade. Son esixencias do mercado, dirán algúns. Pero non son máis ca simples exemplos de diglosia: unha nova diglosia inglés/español, que está a sobreporse a carón da vella diglosia español/galego. Trátase novamente dun exemplo de cipaio na historia -sepoy se se quere no inglés- o nativo da India que facía de soldado ao servizo do exército colonial. Nada máis oposto ao natural, feitizo.

Feitizo

A natureza, a nosa paisaxe feiticeira


Verba seguinte: FICAR // Verba anterior: FEBLE // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com