VERBAS

Por Espiñeira

FEBLE

Deuse unha notable mudanza semántica na orixe desta verba feble. Orixinouse sobre o adxectivo do latín flebilis, pola súa beira formado sobre fleo ‘chorar’. Nun principio significaría ‘que fai chorar ou merecente de mágoa’, mais logo quedou sen máis en ‘débil’. Vencelladas co noso termo feble están outros elementos léxicos doutros idiomas, como o italiano fièvole, o francés faible ou mesmo o inglés feeble. E non lonxe está a forma do alemán faible, co significado de ‘fraco’. Significado polo xeral asociado, se ben o que está fraco non ten por que estar feble, nin viceversa.

Na numismática, a parte da arqueoloxía que trata das moedas, ao xeito de Indiana Jones pero sen tanta secreción de adrenalina, utilízase este termo cun sentido ben especial na expresión “permiso en feble”. Fai referencia á mingua que se dá entre o peso que lle corresponde ter a unha moeda e o peso efectivo que realmente ten a moeda. Esa mingua está consentida por debaixo dunha porcentaxe: o permiso en feble. Os estudosos ou coleccionistas numismáticos adoitan catalogar as súas pezas conforme o estado de conservación que presenten. Naturalmente, a mellor conservación teñen máis valor. Deste xeito, a apreciación dun papel moeda pode ir dende o estado óptimo, “flor de cuño”, para as pezas sen circulación e de perfecta conservación, ata a ínfima valoración de pezas que presentan mutilacións ou con problemas de lexibilidade das lendas, as de “mala conservación”, desgastadas polo uso. Xusto ao revés, cara e cruz, do que soe acontecer coas linguas que polo xeral teñen mellor estado de conservación e son menos febles canto máis se usan.

Feble

Pezas para coleccionista numismático


Verba seguinte: FEITIZO // Verba anterior: FACE // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com