ESPAREXER
Úsase o verbo esparexer co significado principal de espallar ou diseminar, como xa se usaba no latín clásico -o galego dos romanos- spargere. Ten correspondencia noutras linguas con significantes afíns e significados emparentados, como o portugués espargir, o catalán espargir, o italiano spàrgere, o provenzal esparzer ou mesmo o español esparcir.
Do elemento verbal esparexer deriva o substantivo esparexemento e pouco máis; é unha familia ben cativa, con poucos membros; secasí, o lexema que está na base de esparexer presenta recursividade noutras derivacións menos obvias. Da mesma raíz temos aspersión, que é un xeito de rega ou de extinción de lumes mediante o esparexemento de pingas de auga; e asemade temos dispersar ou dispersión. Seica a dispersión vai ser unha das características do futuro. Fronte á concentración, dispersión. O saber amplíase, as informacións multiplícanse e a atención dispérsase. O individuo ten que estar á espreita decote perante un mundo mutante e ir facéndolle fronte cunha enxurrada de datos, moitas veces inconexos ou mesmo contraditorios. Na sociedade da información interesa todo e nada á vez. Á marxe quedan os auténticos especialistas, os que adoitan chegar a saber case todo de case nada. A verdade é que unhas pingas de esparexemento e dispersión non veñen mal a ninguén. Todo é cuestión de medida, mesura. Dicía Lezama Lima, o escritor cubano, que se ten por lunático a alguén que pasa a tarde ollando cara un punto fixo da parede, pero tense por xenio a alguén que pasa toda a vida fitando o mesmo punto.
É en por si o esparexemento unha nova forma de coñecemento? É este esparexemento a nova roupaxe do humanismo? Máis aló, pode hoxe acadarse unha visión humanista do mundo no vello sentido renacentista? Unha inscrición gravada no frontispicio do templo de Delfos di “nosce te ipsum”, coñécete a ti mesmo. Como interpretación apónselle coñécete a ti mesmo e serás quen de coñecer o universo. Reparando na identidade propia, na idiosincrasia de cada un, os ollos poden atravesar a parede. Do diverso ao universo.
Galleta ou forca para esparexer herba, esterco etc.
Verba seguinte: ESTRADA // Verba anterior: ESCOITA, meu // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |