VERBAS

Por Espiñeira

ESCOITA, MEU

Como o noso escoitar, o portugués escutar, o francés écouter, o italiano ascoltare ou o catalán escoltar, todos estes termos proveñen do latín auscultare, que ademais mantívose como cultismo no auscultar de uso especializado da linguaxe médica.

Teñen á vez a mesma orixe ca escultismo, calcado do inglés scouting onde significa ‘explorar’ e que deu base á denominación do movemento scout. O lema desta organización mundial, prohibido por Franco e tamén na vella Unión Soviética, é “be prepared” ‘estade preparados’. Claro que, para que estean preparados, cómpre estaren á escoita.

O feito de escoitar e a orella parece que están intimamente vencellados, máis alá da aparente relación órgano-función, orella-oído-oír-escoitar. Teñen unha relación formal, pola forma, claro. Segundo semella, o latín auscultare puido derivar de auris, de onde veu orella e outras verbas hoxe afíns á nosa, como as do portugués orelha, a do catalán orella, a do provenzal aurelha, ou a do francés oreille. Por esa mesma vía, dunha orella pequecha, unha orelliña, o que era no latín auricula, chegou a nós como cultismo o derivado auricular.

Hai moitas persoas que confunden escoitar con oír. “-Fálame máis alto, que non te escoito” “-Pois escoita meu, que se non tanto ten que che fale alto ou baixo”. Escoitar é voluntario; oír non. Por iso nas emisoras de radio os locutores prefiren ter xente atenta e moitos deles din “radioescoitantes” na vez do máis tradicional “radiooíntes”. Ocorre nesta parella escoitar/oír o mesmo que se dá no binomio mirar/ver. Haberá tamén que dicir, a carón de televidentes, “telemirantes”?

Auricular

Auriculares


Verba seguinte: ESPAREXER // Verba anterior: ERVELLA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com