ERVELLA
Ervella ten no seu significado a acepción tanto da planta da familia das fabáceas como a das súas sementes; é comestible –de feito cómese- nas dúas presentacións, tanto a ervella enteira, a planta coa súa vaíña, como unha parte dela, só as sementes. A nosa ervella, como a do portugués ervilha ou a do catalán ervella, deriva do latín ervilia, voz que pola súa beira xorde por derivación interna de ervum ‘chícharo’.
Chícharo, forma moi popular en galego como testemuña a cantiga pop “Arroz con chícharos, patacas novas,/ repolos de Betanzos e mais cebolas”, provén do latín cicere, con palatalización inicial do c-. Esta mesma verba úsase tamén en terras de Cuba, onde din “no tira un chícharo” no sentido de que ‘non traballa ou non fai nada’. O gran mestre da oratoria e literato romano que coñecemos por Cicerón, Marco Tulio Cicerón (106 aC – 43 aC) herdou o cognome ou alcume de Cicerón porque debeu ter algún antepasado que ou ben tiña nariz de chícharo ou vendía neles. Da prosa de Cicerón pódense extraer moitas ideas, algunhas moi actuais aínda hoxe máis de dous mil anos despois de morto, como a que contén un sabio consello, maxistral: “Se queres aprender, ensina”.
Prosa e ideas, vaíña e sementes, saborosa e nutricias. Outro sabio, Albert Einstein, reformulou a Cicerón de xeito moi gráfico. Dicía Einstein: “non entendes realmente algo se non es quen de llo explicar á túa avoa”. Agora, o problema é se o neto non sabe o que son ervellas ou chícharos.
Ervellas con xamón
Verba seguinte: ESCOITA, meu // Verba anterior: ENXEÑO // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |