VERBAS

Por Espiñeira

ENXEÑO

O conxunto de calidades ou dotes naturais que posuía unha persoa para a creación era o que en latín conformaba o chamado ingenium. No Brasil o engenho fai alusión ao cultivo da cana de azucre e, por extensión, ás terras onde se cultiva e máis ás instalacións enxeñadas a tal efecto. O mesmo que ocorre no ingenio de Cuba e doutros países de América. O termo enxeñeiro é hoxe unha derivación por metonimia daquel primixenio significado orixinal latino.

Desde a época de Nebrija, o humanista sevillano que foi autor da primeira gramática da lingua castelá, a primeira gramática escrita en Europa dunha lingua “vulgar” -como se chamaba daquela ás linguas non clásicas-, o termo engeño adquiriu o significado de ‘máquina de guerra’. O construtor desas máquinas de guerra era o engeñero, parente achegado do noso enxeñeiro, así como do italiano ingegno ou do inglés engineer, construtor das máquinas de guerra ou engines, enxeños.

Nebrija, Elio Antonio de Nebrija, localidade preto de Sevilla -agora mudada a Lebrija-, pasou á historia como autor desa primeira Gramática castellana publicada en 1492. Hoxe obviamente aquela gramática foi superada, pero non así as clarividentes palabras do prólogo coas que o autor dedica a súa obra á raíña Isabel a Católica “Que después que vuestra Alteza metiesse debaxo de su iugo muchos pueblos bárbaros y naciones de peregrinas lenguas: y con el vencimiento aquellos ternían necessidad de recebir las leies: quel vencedor pone al vencido y con ellas nuestra lengua”. Todo un pequeno tratado de sociolingüística. Cada palabra merece un subliñado e varias anotacións. Só para interpretar o contido nesta cita un erudito manual universitario precisaría na actualidade non menos dun cento de páxinas.

Todo un clásico este Nebrija, con dotes naturais, auténtico enxeñeiro sociolingüista que foi quen de acuñar pensamentos dunha forza que racha: “que siempre la lengua fue compañera del imperio”. Cambiaría o mundo, ata Nebrija cambiou a Lebrija, pero non cambiou esta idea. Un clásico.

A verdade é que o enxeño de Nebrija debeu sobardar os seus salientados dotes para o humanismo, a gramática e a sociolingüística –daquela non existía nin o nome-, debeu atinxir aspectos íntimos da súa propia vida e deixounos perlas de enxeño como esta luminosa confesión: "quiso la fatalidad que la incontinencia me precipitase en el matrimonio”. Interpretalo cumpriría outro manual máis. Enxeñeiro!

Enxeño

O galego tamén ten as súas gramáticas


Verba seguinte: ERVELLA // Verba anterior: ENCHER // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com