ENCHER
A base do noso encher áchase no latín implere; de tal pau tal acha. Ten correlato noutras linguas como o italiano empire, o provenzal emplir, o francés emplir, o romanés umple, ou o catalán omplir; resoa tamén no vocábulo do inglés implement, hoxe tan calcado nos nosos cotiáns implemento e implementar. O español aínda hoxe en día conserva un equivalente no verbo henchir, empregado en expresións cultas e de uso literario como “henchido de gozo”. Porén, no galego a forma encher é forma popular e de uso corrente, recorrente por máis que ten sinónimos como acugular, atestar, completar, entullar ou cubrir.
Obviamente, hai unha clara relación entre este termo encher e a forma cheo, o resultado romance do latín plenus, á súa vez conservado como cultismo en pleno. Polo xeral, os cultismos teñen significados máis abstractos cós seus correspondentes patrimoniais. Deste xeito, o pleno dunha corporación é a reunión de todos os concelleiros dun municipio e mais o alcalde, quen exerce de presidente. Pola contra, non se pode definir tan doadamente o cheo dunha corporación, aínda que habería abondosos exemplos que se poden pór dos cheos dalgunhas corporacións. Na maior parte das linguas da nosa contorna tamén se mantivo por vía culta este elemento léxico e así no italiano pieno, no catalán ple, no romanés plin, no provenzal plen ou no francés plein. Acadou resultados tamén fóra da Romania? Pois si, por exemplo, no inglés á beira de full, existe replenish. E tamén plenum.
Plenario, plenipotenciario, plenitude, repleto, así como termos de formación menos transparente como suplir, ou suplemento, cultismos da mesma familia léxica, son derivados con presenza común nestas e noutras linguas. Desta mesma fonte latina plenus existe unha derivación intermedia, entre a culta pleno, sen evolución, e a patrimonial cheo; trátase do constituínte no composto preamar, suba da auga do mar pola atracción que exercen nela o sol e, sobre todo, a lúa. Como é que se di preamar en castelán? Habería que agardar o composto plenamar, con mantemento do -n- intervocálico, pero en castelán dise pleamar porque este é un empréstimo tirado do portugués prea mar no século XVII. No portugués, pola súa beira, o resultado popular de plenum engadiu unha vogal epentética /i/ entre as vogais medias, cheio.
Curiosa é a relación que se dá co valor semántico doutro significante emparentado pola súa etimoloxía con estoutros elementos cos que imos enchendo, e non só de gozo, ao amable lector. Trátase de ripio, do latín replum, á vez relacionado con replere ‘reencher’. Un ripio vén a ser o cascallo ou entullo que se utiliza para encher os ocos dunha parede ou muro, por exemplo. Tamén é un ripio o refugallo que se tira do liño para deixalo limpo. E asemade, nun senso figurado, emprégase en literatura ripio para definir a verba ou expresión inútil que se pon para encher. De aquí colle sentido a frase feita “non perder ripio” aplicable a quen non deixa escapar nin o máis superfluo. Dicía o escritor uruguaio Horacio Quiroga que "un conto é unha novela libre de ripios". Por suposto, este Quiroga –de apelido galego- escribía contos, era contista, non novelista. Non escribía por escribir, encher por encher.
Esta homenaxe de Polo Correo do Vento a María Victoria Moreno enche unha parede pontevedresa
Verba seguinte: ENXEÑO // Verba anterior: DEUS // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |