VERBAS

Por Espiñeira

CULLER

Chamamos culler ao utensilio que principalmente serve para levar alimentos líquidos á boca. Culler ten que moito que ver con caracol. Provén dun vocábulo grego, kochlías, que chegou ata o galego por medio das formas latinas cochlea e cochlear, ‘culler’. Din colher en portugués e en brasileiro ou, se se prefire, no portugués de Brasil, así como no brasileiro de Portugal. A relación semántica que hai entre a culler e o caracol baséase na semellanza formal da cunca do utensilio coa cuncha do molusco. Calquera Robinson Crusoe nunha illa pódese valer doadamente dunha cuncha de caracol como culler. Feito o emprego, feita a metáfora.

En realidade a culler como utensilio xa é coñecida dende a época do paleolítico. Daquela utilizaríanse precisamente as cunchas, ou anacos de madeira, como primitivas culleres. Os romanos distinguiron dous tipos de culleres con cadanseu nome: a maior, lígula, e a menor, cochlea. Esta última tiña un mango en forma de agulla que tamén facía as veces dun rudimentario garfo. A lingua galega tamén permite diferenciarmos a culler máis pequena, culleriña, da culler meirande, o cullerón. A porción de alimento que cabe na culler é a cullerada.

En anatomía úsase hoxe en día o termo científico cóclea, como sinónimo de caracol, para describir a cavidade do oído interno que, obviamente, ten a forma dunha cuncha de caracol, en espiral; con feitura semellante á dun parafuso ou á dunha hélice, é dicir, cocleariforme.

As culleres, polo demais, non só serven para comer, tamén son útiles como instrumentos musicais. Son idiófonos, é dicir, producen o son pola vibración do instrumento enteiro, sen partes como membranas ou cordas. A xente cando quere facer música, quere, faina. Fai música co que sexa e, se non hai instrumentos musicais, tira proveito do que teña máis á man. Calquera cousa pode valer. Todos os instrumentos son instrumentos musicais, en sabendo tocalos, tanto ten sachos como serróns; o pobo fai música mesmo co refugallo, tanto ten latas de pemento como botellas de vidro labradas. E se non ten nada á man, fai música coas mans. Axeitados idiófonos do espírito luthier do pobo, como as cunchas e as culleres.

Culler

Culler


Verba seguinte: DEUS // Verba anterior: COXA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com