Os contos do avó Anxo para o neto Aldán


Natalia 2
(8 anos)

Esta Natalia era a neta da famosa Natalia Mataogros, da que que che falei noutros contos, Aldán. E tamén era moi intelixente e valente, que herdara da súa avoa.

O caso é que a profesora organizou unha excursión para que as nenas e nenos viran o mar. Alá foron nun autobús e pararon en Bueu. Baixaron e achegáronse ao porto. A profesora díxolles que xa estaban diante do mar. Natalia protestou, que non podía ser certo, que ela escoitara que no mar se podía mirar para adiante sen ver terra ningunha, todo auga e alí en Bueu, aquilo parecía un río máis ancho do que nunca viran, pero do outro lado había terra e montes. Aquilo non podía ser o mar. Pois, a ver, con coidadiño que alguén baixe por esa escaleira, meta un dedo na auga e que o leve á boca, dixo a profesora. Prestouse Natalia e ao meter o dedo na boca berrou: pero esta auga está salgadísima. Claro, dixo a proferosa, porque é auda de mar. O que pasa é que aquí en Galicia o mar métese un anaco na terra coma se fose un río, son as rías, e nós estamos nunha das Rías Baixas. Mirade, detrás desa grande illa, a illa de Ons, xa está o mar aberto, non se ve terra ningunha.

Alí ao lado había unha praia e a rapazada pediu ir mollar os pés. Pero non puideron porque un policía os avisou de que había uns días que estaba atacando un grande tiburón, algo nunca visto, atacaba e desaparecía, os pescadores non o daban pescado. Os outros nenos dixéronlle ao policía que a avoa de Natalia xa matara un ogro, tamén podería matar un tiburón a neta. O policía chamou o alcalde e este apareceu axiña porque estaba moi preocupado polo asunto do tiburón. Natalia pediulle agardar ata o día seguinte para pensar. E quedaron todos a durmir en Bueu, que estaban en festas. Á mañá seguinte pediulle ao alcalde un manequín dunha tenda de roupa, unha botella de cristal, a pólvora dos fogos da festa e un anaco de carne de vaca. Despois encheu o manequín de pólvora, meteu dentro a botella cunha mecha longa acendida, pechou e refregou ben a carne por fóra do manequín para que o manequín cheirara a carne. Puxeron o manequín na beira da auga e escaparon correndo. Axiña o tiburón cheirou a figura que semellaba unha persoa e viuse como aparecía e chapaba o manequín dun bocado. A xente que miraba ao lonxe empezou a dicir que Natalia fallara. Pero de alí a un pouco escoitouse unha explosión na auga e apareceron anacos de peixe flotando. O manequín estoupara no bandullo do grande tiburón. A xente de Bueu quedou moi agradecida e o alcalde deulle a Natalia un diploma que dicía: Agradecemento de Bueu a Natalia matatiburóns.

Un día despois seguiron a excursión ata A Guarda para ver o castro de Santa Tegra. A xente do lugar recomendoulles vivamente que antes da noitiña baixasen do castro porque despois de escurecer escoitábanse uns brados estarrecedores, que veñen sendo uns berros moi grandes que meten moito medo. Ninguén sabía o que era nin se atrevían a ir mirar porque se dicía que igual eran as almas dos antigos poboadores do castro ou de algún bicho maligno. Había moito medo na xente. Xa chegara a fama das Natalias avoa e neta alí e pedíronlle axuda. A primeira noite puideron escoitar os brados estarrecedores e vaia se metían medo. O curioso é que todas as noites desaparecían cousas que alguén esquecera fóra da casa. Iso deulle que pensar a Natalia. Na noite seguinte levou un contedor de lixo ao castro, fíxolle uns buratos para respirar e ver, meteuse dentro e agardou. Xa de noite apareceu un señor, traía unha pota grande de barro cun burato por onde metía a punta dun funil, empezaba a berrar e a pota facía de altofalante polo que se escoitaba en toda a vila. Despois como a xente estaba metida nas casa chea de medo, daba unha volta e roubaba todo o lle interesaba. A noite seguinte Natalia pediulle ao alcalde dous policías e dous contedores máis, díxolles que levasen as pistolas cargadas. Metéronse nos contedores os tres e cando veu o lampantín e empezou a soltar os brados, Natalia e os policías saíron dos contedores e empezaron a berrar, a polo ladrón, a polo ladrón... e os policías veña a disparar ao aire. O lampantín botou a correr a todo dar e debeu caer ao mar na fuxida que nunca se soubo máis del nin quen era aquela persoa. Toda a vila quedou moi agradecida a Natalia e déronlle un diploma que poñía: agradecemento da Guarda a Natalia que nos librou dos brados estarrecedores.

Rematada a excursión volveron a Trasar. Nada máis chegar xa souberon a nova, estaban todos asustadísimos porque despois de cen anos volvera o lobo da xente. Había unha lenda en Trasar segundo a cal cada 100 anos nacía nunha noite de lúa chea un lobo moi feroz e grande que atacaba as persoas, por iso lle chamaban o lobo da xente. A xente non se atrevía a saír soa facer os traballos, sempre en grupo e armados con gadañas, fouciños e machadas. Os cazadores non o daban pillado porque era moi escurridizo. Ai, Natalia, dixéronlle, quen nos dera que aínda vivise a túa avoa, seguro que nos salvaba. Natalia pensou e pensou que faría a súa avoa para cazar o lobo. E entón lembroulle a poza das Hortas, o lavadoiro grande onde a xente do lugar lavaba a roupa. E escoita, Aldán, o que ideou. Fixeron ao lado da poza un pequeno acubillo ben cuberto de pólas de árbore e silvas e toxos. Alí meteuse de noite Natalia e tres cazadores coas escopetas cargadas. No medio da poza cravaron unha grande estaca, un pao gordo, e atada á estaca unha ovella viva. Despois cubriron a auga cunha capa de fentos e follas de xeito que non se notase que aquilo era unha poza. Chegou a noite, eles caladiños no acubillo e a ovella a berrar, mee, mee... E de pronto aparece un grande lobo, dá un salto para papar a ovella pero cae na auga e empeza a intentar nadar todo asustado. Nese momento berra Natalia, fogoo e os cazadores empezan a disparar. O lobo malamente consegue escapar deixando un rastro de sangue polo camiño. Debeu morrer que nunca máis se soubo del. Pero os máis vellos do lugar din que cando pasen outros cen anos, seguro que volve o lobo da xente.

E Natalia, a neta da Natalia mataogros, tamén foi chamada Natalia matalobos. Vaia familia valente a das Natalias, Aldán!

NOTA: esta versión do conto xa ten incorporadas suxestións do propio Aldán


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.