(6 anos)
Isto sucedeuche, Aldán, en Trasar no tempo dos avós dos meus avós.
Xa che contara noutro conto que Moncho e Natalia tiñan unha irmá que se chamaba Loliña e que quería ser amiga de Conchiña, outra nena de Trasar.
-Porfa, Conchiña, déixasme ser a túa amiga?
-Eu deixo pero tes que me gardar un segredo moi secretísimo e son a túa amiga.
-Claro que cho gardo, dime!
-Pois unha vez puxen un ovo coma se fose unha galiña. Non o contes eh! E dentro dunha semana somos amigas.
Pero Loliña estaba falando con Natalia, que se sabía un segredo, que se era moi raro raro, que se... e non se deu aguantado e contoullo, pero para facelo aínda máis incrible díxolle que Conchiña poñía un ovo cada vez que facía anos. Cando a súa mamá lle preguntou a Natalia se pasara algo raro ese día, Natalia dixo que non llo podía contar, que era un segredo, pero se prometía gardalo... e para que fose aínda máis raro díxolle que Conchiña poñía un ovo cada día, coma unha galiña. A mamá tampouco foi capaz de gardar o segredo e contoulle a papá que a Conchiña poñía un ovo cada día, pero de chocolate, ela non se resistiu a aumentar a cousa. O pai para facerse famoso foille contar ao alcalde que Conchiña poñía un ovo cada día, pero para darlle máis valor díxolle que poñía un ovo de ouro coa casca de chocolate. O alcalde pensou que tal fenómeno tiña que sabelo o rei e alá llo foi contar. O rei estrañouse que tal cousa acontecese no seu reino sen el sabelo, co que a el lle gustaba o ouro. Que mandasen chamar a esa tal rapaza dos ovos. Polo que Conchiña acudiu á chamada real para saber se era certo que poñía un ovo de ouro cada día coa casca de chocolate. Conchiña dixo que nada de nada, monada. O rei chamou o xefe de policía para que investigase e sóubose toda a maraña. Mirade logo como Conchiña se deu de conta que Loliña non era capaz de saber gardar un segredo. Aínda así Conchiña díxolle a Loliña que cando aprendera a gardar segredos, que volvese onda ela para seren amigas, as mellores amigas de Trasar.
Creo que aínda non vos falei do irmán máis pequeno de Moncho, Natalia e Loliña. Era o Rauliño, de sete anos, que non sabía ler nadiña, que daquelas se aprendía a ler máis tarde, e mesmo había moita xente que nunca aprendía a ler e escribir, eran os analfabetos.
Rauliño facía recados repartindo froita, gañando unhas pesetas que lle daba o froiteiro. Un día o froiteiro mandoulle levar 12 mazas á casa da Señora Manuela. Meteunas nun cesto cun papel que poñía: 12 mazás, 12 pesetas. Pero o Rauliño polo camiño tiña fame e comeu unha e non dixo nada. A señora Manuela contou as mazás e dixo, pero seguro que comiches unha, ah, pequeno ladrón. E como o sabe señora?, pois porque o papel o di moi claro: 12 mazás, 12 pesetas. Maldido papel chivato, pensou Rauliño.Outro día mandárono levarlle 12 peras ao señor Manuel. Polo camiño volveulle dar fame e papou dúas peras pensando que o papel só sabía contar mazás, non peras, e non ía dicir nada. Pero Manuel dixo: ah, pequeno ladrón, comiches dúas. E como o sabe? porque o papel o di ben clariño: 12 peras e só veñen 10. Maldito papel, pensou, este conta todo o que ve, sexan peras ou mazás, chivato! E na semana seguinte mandáronlle levar unha cesta de laranxas á señora María. E outra vez no camiño lle volveu dar a fame, pero viu alí na cesta o papel e deulle reparo. Mais as laranxas estaban tan bonitas e apetecedoras que o Rauliño parou no camiño, meteu o papel nun burato, tapouno con terra e comeu tres. Por se acaso enterrou as cascas noutro burato e tapou con terra. Para que o papel non vise nada. Volveu coller o papel do burato, limpouno e meteuno no cesto, pensando que como non vira nada, o papel non ía dicir nada. Ala, a señora María contou as laranxas e volveu dicir, ah pequeno ladrón de froita, que me dás nove laranxas e o papel di ben clariño: 12 laranxas, 12 pesetas!
Maldito papel, berrou o Rauliño, vas saber ti agora o que é bo, vouche calar a boca para sempre. E meteu o papel no lume da lareira, que ardeu nun instantiño.
Como non sabía ler e escoitaba á señora... o papel di... o papel di...o Rauliño pensaba que o papel tiña ollos e falaba.
Eran todas cousas que pasaban no tempo dos avós de meus avós. Agora xa non pasan desas cousas, así que o conto está acabado, Aldán.
(contos populares adaptados a Trasar)
Este conto foi estreado na biblioteca da Escola Plurilingüe A Pedra de Bueu o 22 de abril de 2022, celebrando o Día do Libro, con Aldán e as súas compañeiras e compañeiros de 1º e 2º de Primaria
2005-2022 |
![]() ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional. |