Os contos do avó Anxo para o neto Aldán

Avó e neto

(5 anos)

 

Aldán, tería eu uns 5 ou seis anos cando un día me dixo omeu avó.
-Anxiño, hoxe voute levar á feira mercar un paxaro e imos ir no cabalo. Sabes como se lle di ao cabalo para que ande.
-Claro, ARRE, e para que pare XOO
-Pois ala, sube á besta, ti vas montado e eu a pé guiando.
Montei e díxenlle arre!

Cando levabamos un anaco e despois de escoitar cucar un cuco apareceu un corzo grande que nos dixo
-Quieto parado, parade o cabalo!
-Xoo! E vostede como sabe falar, señor corzo?
-É que eu son un mago disfrazado de corzo que vos vou facer unha proba, para que poidades seguir tedes que acertar esta adiviña: Que é unha cousiña cousa que está se hai sol e, se non hai sol non está?
-Iso é moi doado, señor mago, aquí mesmo a ten detrás do cabalo, é a sombra.
-Moi ben, podedes seguir pero moi mal por como ides, o neno vai todo descansado no cabalo e pobre avó que é vello ten que ir andando, desde logo que moi mal, o neto é o que ten que ir camiñando.
-E como facemos, avó, para poder seguir sen que nos critique o mago?
-Pois mira neno, mellor logo vou eu no cabalo e ti vas a pé, como dixo o mago.
Baixei eu, montou o avó e arre!

De alí a un anaco e despois de escoitar rular unha rula aparece un moucho que nos dixo
-Quieto parado, parade o cabalo!
-Xoooo! E logo que se lle ofrece señor moucho, outro animal que tamén sabe falar.
-Son un mago disfrazado de moucho, para poder seguir tedes que acertar esta adiviña: Que cousiña será para adiviñar, que ten orellas coma o gato, pés coma o cato, rabo coma o gato, ollos coma o gato e gato non é?
-Esta tamén a sabe o meu neto que lla teño dito eu moitas veces. Dilla neno.
-É unha gata, señor moucho.
-Correcto. Podedes seguir, pero vexo que ides, mal, moi mal, o vello vai todo sentado na besta e o pobre do neno que está medrando vai todo canso. Non me gusta nada como ides cara á feira.
-Non entendo nada avó, agora tampouco vale como imos, mal se vou eu sentado e mal se vas ti. Que facemos?
-Pois mira, Anxiño, vai ser mellor logo que vaiamos os dous no cabalo para que non cansemos ningún.
Montamos os dous e arre!

E cando levabamos un anaco tranquilos e despois de escoitar cacarexar unhas galiñas chegou un oso que nos dixo
-Quieto parado, parade o cabalo!
-Xooo! Que quere vostede, señor oso, que hoxe atopamos moitos animais que falan?
-Pois eu son un mago disfrazado de oso e dígovos unha adiviña, se a sabedes podedes seguir: cucorico non ten ollos, cu nin bico e os fillos de cucorico teñen ollos cu e bico.
-Esa tamén a sabemos que hoxe imos mercar un paxaro cantor. É un ovo, señor oso.
- Certo e podedes seguir. Pero vexo que non me gusta nada como ides, pobre cabalo, como abusades del, os dous enriba, vaia peso que leva, meu pobre, non tedes dó ningún do animal.
-Avó, eu non entendo nada, pois que podemos facer, se vas ti mal, se vou eu mal, se imos os dous a cabalo mal.
-Pois, mira neno, só nos queda irmos os dous a pé para que descanse o cabalo. Asín non hai crítica posible.
Baixamos os dous e arre!

E cando levabamos un anaco e despois de escoitar asubiar unha merla apareceu un lobo que dixo
-Quieto parado, parade o cabalo!
-Xoo! O que nos faltaba hoxe, un lobo falador, e non terá unha adiviña para nós?
-Eu son un mago disfrazado de lobo. E si que vos vou dicir unha adiviña para que poidades seguir: Teño catro pés e non son animal; bríllanme os ollos na noite e sen beber non podo andar
-Claro que a sabemos que esa nola dixo a nós a profesora, é un coche.
-Pois moi ben, podedes seguir o voso camiño, aínda que me parece que sodes un burros, non digo cabalos, digo burros e parvos, mira que irdes vós camiñando e o cabalo libre e descansado, que os cabalos están moi afeitos a ir cargados con xente.
-E que facemos avó, se vou eu subido mal, se vas ti mal, se imos os dous mal, se non vai ningún mal. Só nos falta que vaia o cabalo enriba de nós e non vexo como facelo.
-Pois imos chamar o mago, a ver, dicimos os dous á vez os nomes dos disfrazados.

-corzo, moucho, oso, lobo, volvede!
E presentouse un mago todo vestido de verde, con rabo e un nariz de Pinocho
-Eu son os catro animais, son o mesmo mago que lle fago probas aos camiñantes. Que queredes?
-Eu e o meu neto queremos saber como temos que facer para ir á feira co cabalo, que fagamos o que fagamos sempre nos criticas. Estamos perdidos de todo.
E vóuvolo dicir se me respondedes a unha adiviña: Os meus moitos botóns non son de camisa, mais se apertas un subirás ou baixarás rápido!
Aí levounos un bo anaco pensando en que animal sería ata que nos decatamos que era o ascensor e dixémosllo.
Vouvos explicar o asunto facéndolle preguntas ao neto. A ver, neno, dime:
-Debemos facerlle sempre caso ao que nos din as mamás? -Eu: si.
-Debemos facerlle sempre caso ao que nos din os papás? -Eu: si.
-Debemos facerlle sempre caso ao que nos din as avoas? -Eu: si.
-Debemos facerlle sempre caso ao que nos din os avós? -Eu: si.
-Debemos facerlle sempre caso ao que nos din as profesoras? -Eu: si.
-Debemos facerlle sempre caso ao que nos din os descoñecidos aínda que sexan magos? -Eu: si, se son magos.
-Pois non, Anxiño, aos descoñecidos non lles facemos caso por moi magos que sexan. E aí tes a explicación. Eu marcho, que cho acabe de explicar o avó.
Escoitouse un flashhhh e o mago desapareceu.
-Mira meu neto, está claro que o mago nos quería axudar para que aprendamos unha cousa, a quen temos que facerlle caso e a quen non importa o que digan se nos critican ou non. Así que imos facer o que mellor nos parece. Camiñamos un anaco e o cabalo vai descansado e cando cada un de nós se vaia cansando vai subindo ao cabalo. Que che parece?
-Pois moi ben, avó que xa lle dixen ao mago que aos avós hai que facelles caso.
Pois dixémoslle ao cabalo arre! e o cabalo falou así...

Versión para o Samaín na EEI C. Crespo Rivas (Vídeo)

2005-2022
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.