|
ogalego.eu - ogalego.gal son Vitoria Ogando Valcárcel // Anxo González Guerra, catedráticos de galego xubilados |
Tema anterior | ogalego.gal | Tema seguinte: Educación literaria |
Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Lingua e sociedade, ABAU, tema 3. O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.
Exame: 2 imaxes ou textos (escoller un) e pregunta sobre eles.
No ano 1975 morre Franco e tres anos máis tarde as Cortes democráticas aproban a Constitución: cooficialidade de galego e castelán en Galicia. En 1981 no Estatuto de Autonomía, establécese que “a lingua propia de Galicia é o galego” e que “ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua”. No ano 1983 entrou en vigor a Lei de Normalización Lingüística, que regula o seu uso nas diversas administracións e servizos.
O galego convértese na lingua oficial da administración autonómica: da Xunta de Galicia e todas as súas Delegacións e do Parlamento. Con excepcións a lexislación cúmprese. O seu ensino é obrigatorio nos niveis de ensino Primario e Secundario, onde se establece tamén que polo menos dúas materias máis deberán ser impartidas nesta lingua. No ensino universitario xa non rexen estas normas. En setembro de 2004 o Parlamento galego aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega: 445 medidas destinadas a potenciar o galego. En setembro de 2005 o Consello de Europa recomenda que en Galicia o ensino sexa “principalmente en galego”. No curso 2007-2008 entra en vigor o decreto que establece que en Primaria e ESO polo menos o 50% das materias sexan en galego. En 2010 un novo decreto reduce a presenza do galego no ensino ata un máximo do 50% e pretende introducir como lingua vehicular do ensino o inglés.
Cualitativamente está hoxe presente en ámbitos anteriormente impensables: é moi utilizado nas actividades políticas, institucionais, universitarias e culturais. Mesmo parece que o seu uso comercial comeza a ser economicamente rendible e prestixia certos produtos. Cada vez un maior número de profesionais liberais o utiliza normalmente. Neste século XXI temos que ter en conta o seu uso na internet pois a lingua que quede fóra dela non ten futuro. Hai moitas webs, foros, chats, blogs nos que é frecuente o galego. Temos tradutores, correctores ortográficos en galego, ademais de Android, Windows, Facebook, Twitter... As compañías de telefonía móbil ofertan algúns terminais en galego.
Mais a perda do número de falantes segue acelerándose. Nos últimos anos coñecéronse datos moi negativos que crearon unha grande repercusión na prensa. Todas as enquisas indican que o uso decrece segundo é menor a idade dos entrevistados (Instituto Galego de Estatística en 2019 e 2024). Ata hai pouco tempo era a lingua exclusiva no ámbito rural, pero xa non o é. Nas pequenas e grandes vilas, así como nas cidades, cada vez é máis minoritaria.
Na busca dunha norma escrita, entramos na fase do galego estándar; ao haber un estudo sistemático da lingua pódese fixar con maior coñecemento unha norma culta, da que se van eliminando dialectalismos, arcaísmos e hiperenxebrismos, seguindo o camiño xa emprendido na etapa anterior, ao tempo que se adapta á nova situación social (máis ámbitos de uso) e académica (vehículo para outras materias).
En 2022 o Galego ocupaba por número de falantes o posto 160 entre as linguas do mundo, o 59 por uso na Internet, o 53 por páxinas na Wikipedia e o 37 por peso a nivel mundial! Está claro que se queremos, podemos, malia as dificultades!
Mirando cara adiante, é a sociedade galega a responsable do futuro da súa lingua:
-Escoller un proceso de recuperación como están a facer en Cataluña e Euskadi grazas aos seus serios proxectos de normalización.
-Deixar que a lingua siga esmorecendo, perdendo falantes e mantendo o seu uso nas clases de galego e en determinadas situacións e funcións sociais:
Nun estudo publicado en 2021 na mocidade de arredor de 16 anos, case o 44% dos informantes responderon que eran bilingües iniciais, o 36,1% declarouse castelanfalante inicial, e só o 18,1% galegofalante. En canto á lingua do uso diario, case o 70% respondeu que fala única ou preferentemente o castelán, mentres que 30% se declarou galegofalante habitual.
Tres cuartas partes da poboación censada en Galicia fala galego, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Algo máis do 30 % fano sempre neste idioma, unha porcentaxe similar a do catalán en Cataluña e dez puntos superior a do éuscaro no País Vasco. Así, o galego é a lingua maioritaria para algo máis da metade da poboación —hai un 21,5 % que din que o empregan máis que o castelán no día a día—
Segundo unha enquisa de Sondaxe de marzo de 2022: Máis castelán que galego no día a día de Galicia. Eses son os datos que revela o barómetro trimestral de Sondaxe, onde a porcentaxe de falantes que priorizan o castelán fronte ao galego é maior tanto na vida persoal como no eido laboral e educativo. Aqueles que escollen de forma maioritaria o castelán coa familia son un 40,9 % (case un 21 % do total só usa esa lingua), fronte a un 38,4 dos que prefiren expresarse en galego (o 22,5 son monolingües). Entre os demais falantes, o 17,8 di que se expresa por igual en ambos idiomas, o 1,2 usa outros e o resto preferiu non responder.
En 2021 por primeira vez na historia o castelán supera o galego como a lingua máis falada na Galiza. O número de mozos e mozas que fala español multiplica por catro aos que o fan en galego e das persoas menores de 20 anos case 8% recoñecen que non poder falar "nada" de galego e outro 22% di que o fala "con dificultade " (fonte: INE). E o galego fálase nas cidades galegas máis que o catalán en Barcelona ou o vasco en Bilbao, así que é posible normalizar o seu uso.
En 2024 o Instituto Galego de Estatística certifica que segue a baixar o uso do galego e a subir o uso de castelán (lingua máis falada na Galiza) sobre todo entre a xente máis nova. Só tres cidades aumentaron o uso do galego nos últimos anos: Santiago, Pontevedra e Ourense. Se é posible en tres por que non no resto?
Tema anterior | ogalego.gal | Tema seguinte: Educación literaria |
2005-2024 |
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional. |