Vitoria Ogando Valcárcel//Anxo González Guerra catedráticos de galego xubilados

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. ABAU


Exames de 2023

Xuño -- Xullo


XUÑO 2023

O exame consta de 6 preguntas de 2,5 puntos cada unha, das que poderá responder un MÁXIMO DE 4, combinadas como queira. Se responde máis preguntas das permitidas, só se corrixirán as CATRO primeiras respondidas.


TEXTO

Unha casa sen balcón é hoxe en día unha froita con becho no mercado inmobiliario, tamén aquela á que non lle toca a luz do sol. Esas cousas, que sempre importaron, agora importan moito máis e, diante da ameaza dun novo confinamento ou unha nova pandemia, a xente quere terra que pisar. Con todo, eu, que vivo xa na aldea, que decidín hai ben de anos ter espazo e luz e terra abonda, non sei ben que pensar. Porque para min o período de confinamento fíxome reflexionar tamén sobre ese modelo de cidade difusa, de améndoa de núcleo urbano no que moitas de nós nos embarcamos alá polos finais dos noventa e a primeira década dos dousmil. Decateime, neses días cara adentro, eses días de ocupar con plena consciencia o espazo doméstico, da impostura deste rural que estamos construíndo.

Para min, de procedencia urbana, o campo, a natureza, foi sempre, antes que nada, paisaxe. Eu o que quería era vivir nunha contorna fermosa, alimentarme da beleza malia non saberlle o nome aos paxaros nin as herbas, non ter nin idea dos ciclos lunares nin das épocas de semente e de colleita. Tampouco me importaba saber moito sobre a veciñanza, nin a igrexa nin os santos, nin as familias nin as súas historias, esas manchas de aceite que perviven e trazan mapas invisibles. Habitar a aldea como moitas de nós fixemos e continuamos facendo é un simulacro, un coma quen. Porque, en realidade, a présa, a impersonalidade, o individualismo trouxémolos canda nós ao vir habitar aquí. Vivimos na aldea como se vivísemos nun espazo residencial, nun barrio desa cousa que se denominou cidade-xardín, pero que, é importante subliñalo, non chegou nunca a implementarse de verdade. Os que vivimos na contorna rural das grandes cidades galegas sabemos ben que habitamos un espazo híbrido, un frankestein sociolóxico, que non é quen de crear un concepto cabal de comunidade.

Rexina Vega. Tempos Novos. 10/02/2021 (adaptación).

PREGUNTA 1. Comprensión do texto de Rexina Vega

1.1. Indique en dúas liñas como máximo o tema do texto. (0,5 puntos)
1.2. Explique o significado que teñen no texto as seguintes expresións: “froita con becho”, “simulacro”, “espazo residencial”, “frankestein sociolóxico”. Non son válidas as respostas só con sinónimos. (1 punto)
1.3. Localice no texto dous conectores distintos e indique o tipo. Propoña en cada caso outro conector de significado similar. (1 punto)

PREGUNTA 2. Produción textual (sobre o texto de Rexina Vega)

2. Redacte un texto no que exprese as súas preferencias polo tipo de lugar e vivenda para residir, aducindo os motivos das súas eleccións. (Extensión aprox. 200-250 palabras) (2,5 puntos)

PREGUNTA 3. Funcionamento da lingua (sobre o texto de Rexina Vega)

3.1. Analice morfolóxica e sintacticamente as catro formas que en vermello no texto. Copie e identifique o tipo de cláusula ou oración que cada unha delas introduce. (1 punto)
3.2. Indique cinco palabras que pertenzan ao campo semántico de casa e outras cinco ao campo semántico dos paxaros (non é preciso que aparezan no texto). (1 punto)
3.3. Localice no texto dúas perífrases verbais, cada unha dun tipo distinto. Copie o enunciado no que aparecen e indique o tipo e valor concreto de cada unha. (0,5 puntos)

PREGUNTA 4. Lingua e sociedade
Escolla un dos dous apartados.

4.1. Localice dous tipos de formas non estándar que aparezan neste texto, extraído de “A nosa fala” (culturagalega.org) e explique brevemente os criterios polos que non son aceptados na variedade normativa. (Ext. aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)
Informante: De vrau, ó acabar o curso, normalmente sempre traballo. Este ano tuvemos, este ano pasao tuven traballando no, no Servicio de Estinción de Incendios Forestais; o ano pasao, limpiando nas plaias, e os últimos dous anos na, na costrución. A ver este ano en que lle toca.
Entrevistador: E que facedes no, no das plaias?
I: Pois limpiar a, sacar a merda que deixaban os turistas o día anterior, e mais o que trae o mar, botes, botellas e as algas. Os botes metíamolos nunha bolsa de plástico e pa papelera. Pero as algas enterrábamolas todas. Despois, ás veces tamén viña unha pala do aiuntamiento, que che, xa che enterraba el todo.
E: Que iba decir eu? Que horario tíñades no da plaia?
I: Ó primeiro empezamos con horario de sete a doce da mañá. Sete había que tar alí. Parábamos ás nove pa tomar o bocadillo. Tíñamos media hora, pero normalmente era unha hora, e ás doce parábamos.

4.2. Analice esta viñeta, utilizando os conceptos técnicos de estereotipo e prexuízo lingüístico. Explique como cambiaron os prexuízos cara ao galego a raíz do proceso de normalización lingüística. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)

imaxe

PREGUNTA 5. Educación literaria
5. Contextualice historicamente o seguinte poema e identifique e analice dúas características literarias do seu autor presentes nel. Indique outros dous poetas desta mesma época pero de movementos literarios diferentes e explique brevemente en que se basea esta diferenza. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)

¡Irmáns! ¡Irmáns galegos!
¡Dende Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!

Que vexa a Vila podre,
coveira da canalla,
a Aldea que traballa
disposta pra loitar.

Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns galegos!
que corra o sangue a regos
dende a montaña ó mar.

¡Ergámonos sin medo!
¡Que o lume da toxeira
envolva na fogueira
o pazo siñorial!

Xa o fato de caciques,
ladróns e herexes, fuxe
ó redentor empuxe
da alma rexional.

Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra a sangre a regos
dende a montaña ó val.

Ramón Cabanillas. “Himno de Acción Galega”. Vento mareiro (1915)

PREGUNTA 6. Educación literaria

6. Contextualice o texto de X. L. Méndez Ferrín na época e movemento literario correspondente e identifique e explique dúas características representativas da súa narrativa, recorrendo sempre a exemplos tirados do propio texto. Sinale e explique brevemente outras dúas obras representativas de autores diferentes deste mesmo período. (Ext. aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)

“Iste foi unha merda de día. Naturalmente púxenme vermello ao topar a Eusebia Cons na Ferradura. Ela olloume fixamente, cunha ollada de uranio. Debeulle contar o de onte a tódolos sancristáns e mais tódalas vellas da cidade. Entrei nunha eirexa pra me cerciorar. Botáronme as beatas con ollos de uranio. Hai unha clas de mulleres que teñen ollos de uranio. Cómo será o uranio? Un día distes perguntareillo ao meu pai que foi chaufer do Rector. Xa está. Xa vexo claro. Todo é unha manobra do meu pai. Pra me reventar. Fun direito á miña habitación. E non había medo ningún. Pero deseguida principiei a ver a mitade das cousas e comezou a doerme a testa. Sabía que algunha cousa ocurrira na habitación porque fedía a chinches. Dende logo non era a causa dos chinches. Sería unha interpretación moi doada. Alí cheiraba ao meu pai. O meu pai estivera na habitación e fumara os meus pitos e andivera metendo o fuciño nos caixóns e probablemente descobrira aquelas roupas íntimas de muller, brancas e puras, que eu merquei un día. Acendéronseme as cores de vergoña profunda. Meu pai descobrírame o segredo. Meu pai sabía xa, ou supuña, que eu acostumaba a beixar, en soedade, aquelas prendas. Sobre todo cando levaba chovendo máis dunha somana. Ou cando viña de me amputar un dedo. Metín a testa embaixo do cabezal e sudei vermello, vermello.”

X. L. Méndez Ferrín. “Diario”. O crepúsculo e as formigas (1961).


XUÑO 2023

CONVOCATORIA ORDINARIA CRITERIOS DE AVALIACIÓN LINGUA GALEGA E LITERATURA II (Cód. 02)

SÓ CORRIXIMOS AS CATRO PRIMEIRAS PREGUNTAS CONTESTADAS (e non riscadas). Se alguén contesta a 4.1 e a 4.2., só se corrixirá a primeira opción respondida.

Pregunta 1. Comprensión do texto de Rexina Vega.

1.1. (0,5 puntos)

Tema do texto: valórase que o alumnado sexa quen de captar a esencia da temática do texto.

1.2. (1 punto).

0,25 puntos cada palabra / expresión adecuadamente definida.

1.3. (1 punto).

0,25 por cada conector ben identificado (Con todo; Porque; Pero).

0,25 por cada conector ben analizado.

Exemplos:

- Con todo = opositivo (porén, non obstante, etc)

- Porque = causal (así pois, por iso, etc)

Pregunta 2. Produción textual (sobre o texto de Rexina Vega) (2,5 puntos).

Acéptase que traten das súas preferencias persoais, así como das que manifesta a autora do texto. Valórase a capacidade para producir un texto de opinión coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente.

Os 2,5 puntos desagregaranse do seguinte xeito:

1. Construción textual (contido e estrutura). Coherencia. 1 PUNTO. Valórase:

- 1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns), como a “orixinalidade gratuíta”. Débense evitar as paráfrases do texto.

- 1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, así como non introducir contradicións. O adecuado emprego dos signos de puntuación.

- 1.c) A organización da información e a súa división clara en parágrafos (exemplo: introdución, desenvolvemento, conclusións).

- 1.d) Uso pertinente de diversidade de conectores.

2. Adecuación léxico-gramatical e cohesión. 0,75 PUNTOS.

Valórase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade (coloquialismos) e dos textos espontáneos e non planificados, como os que amosan un requintamento afectado, así como as palabras comodín. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos, é dicir, evitar as repeticións mediante o emprego dos procedementos de cohesión (gramaticais e léxico-semánticos).

3. Corrección lingüística. 0,75 PUNTOS.

Débense aplicar os mesmos criterios que na valoración lingüística xeral.

Observación: No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación de acordo cos criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta. Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.

Pregunta 3. Funcionamento da lingua (sobre o texto de Rexina Vega).

3.1. (1 punto). 0,25 por cada “que” ben identificado (0,15 por clase de palabra + 0,1 por función sintáctica).

Que (liña 2): pronome relativo. CI. Introduce unha cláusula de relativo / subordinada adxectiva.

Que (liña 2): pronome relativo. Sux. Introduce unha cláusula de relativo / subordinada adxectiva.

Que (liña 8): pronome relativo. CD. Introduce unha cláusula de relativo / subordinada adxectiva.

Que (liña 17): conxunción. Nexo. Introduce unha cláusula subordinada substantiva / completiva.

3.2. (1 punto). 0,1 cada palabra correcta.

Como a pregunta é moi aberta, admitimos tanto hipónimos (dormitorio, cociña, baño… / andoriña, paspallás, gaivota… / peteiro, á, pluma, pata, ollo, …), como cohipónimos (piso, apartamento, chalé… / insectos, anfibios…); pero só palabras aceptadas no galego normativo.

3.3. (0,5 puntos). 0,25 cada perífrase ben identificada. Canto ao tipo e valor, é suficiente con que demostren que comprenden o significado que achega a perífrase.

Exemplo: Estamos construíndo: Aspectual imperfectiva, central, media, durativa, acción non acabada…

Pregunta 4. Lingua e sociedade (2,5 puntos).

4.1.

1 punto cada tipo de forma non normativa localizada (teñen que ser de distinto tipo). Exs.:

- Dialectalismos, como vrau (pola terminación).

- Castelanismos, como tuvemos, limpiando, plaias, metíamolos, enterrábamolas, parábamos, aiuntamento, papelera, iba, decir, tíñades.

- Coloquialismos ou vulgarismos, como pasao, pa, estinción, costrución, vrau (pola elisión vocálica).

0,5 pola explicación: abonda con que indiquen que non se admiten porque son consideradas dialectalismos, castelanismos ou coloquialismos e que expliquen estes fenómenos.

Posible explicación: A variedade estándar ou normativa é creada para servir como “vehículo expresivo común e válido para todo o pobo galego”, tal como se recolle nas propias normas. Con este fin ha de ser continuadora da lingua falada pola comunidade, pero evitando dependencias do castelán (castelanismos). Das diferentes alternativas dialectais, escóllense aquelas con máis extensión xeográfica e demográfica, así como as que contan con tradición literaria. Dado que se trata dunha variedade destinada ao rexistro formal, tamén quedan fóra dela os coloquialismos de calquera tipo.

Nesta pregunta aceptamos unha resposta de extensión menor (arredor das 150 palabras).

4.2.

1, 5 puntos: Cómpre que o alumnado defina os conceptos de estereotipo e prexuízo baseándose na viñeta:

1 punto: Se é quen de explicar a relación deste prexuízo co proceso de normalización lingüística.

PREGUNTA 5. Educación literaria (2,5 puntos):

Breve contextualización histórica (1 punto):

Cada característica literaria ben indicada 0,5 puntos (total 1 punto).

Exs.:

- Neste poema observamos unha das liñas temáticas fundamentais na poesía de Cabanillas, como herdeiro de Curros: a cívico-social. De feito, este poema constitúe o Himno do movemento agrario citado e, como tal, anima os galegos a loitar contra os caciques. Anímaos á rebelión, a liberarse da escravitude dos foros.

- A nivel formal, neste poema encontramos unha métrica e rima tradicional, que predomina na obra do autor, continuísta da poesía do Rexurdimento.

Outros dous poetas desta mesma época pero de movementos literarios distintos e breve explicación (0,25 puntos cada un). Se só indican os nomes de dous poetas, 0,15 por cada un.

Exemplos:

- Antonio Noriega Varela. Poesía tradicional, con temática paisaxística e costumista. Pon en valor nos seus poemas os elementos máis humildes da natureza.

- Amado Carballo. Vangarda (hilozoísmo). A diferenza de Cabanillas, non se centra na temática social, senón que crea poemas impresionistas coa natureza personificada como centro.

- Manuel Antonio. Vangarda plena. Poesía moi distina á de Cabanillas, tanto na forma (versolibrismo), como no contido (interpretación da paisaxe -o mar- desde un enfoque novo, moi persoal).

PREGUNTA 6. Educación literaria (2,5 puntos):

- Contextualización na época (0,5 puntos) e movemento literario (0,5)

- Dúas características (0,5 cada unha).

Exemplos:

- Ruptura da acción lineal, como se aprecia neste texto cando o narrador, a raíz da palabra “uranio”, pensa en preguntarllo ao seu pai e pasa a falar deste, para retomar o fío do discurso máis adiante.

- Este fragmento está próximo a técnica narrativa experimental do monólogo interior, pois un narrador en primeira persoa vai contando os seus pensamentos de xeito desorganizado, con desviacións a raíz de diferentes asociación de ideas, como ocorre no caso do “uranio”.

- Mestura desacougante entre a realidade e o mundo onírico, que se manifesta neste fragmento no estado obsesivo do narrador protagonista, que se sente perseguido, polos “ollos de uranio” das mulleres beatas e polo seu pai. Contribúen á sensación onírica o “fedor a chinches”, que asocia ao pai, ou o suar “vermello”. Tamén crea esta sensación de irrealidade a unión de elementos aparentemente inconexos, como o gusto do protagonista polas roupas íntimas de muller coa chuvia persistente, de “máis dunha somana”, ou a amputación dun dedo.

- Ambientación en espazos urbanos, sen concretar localizacións: neste fragmento fálase explicitamente da cidade, unha cidade calquera, e a acción sitúase nesta e no interior dunha habitación (que imaxinamos dun edificio).

- Presenza de situacións violentas, que vemos neste fragmento na “amputación dun dedo” ou no “suar vermello” (que remite ao sangue). Incluso a “ollada de uranio” de Eusebia Cons e o resto de beatas resulta moi agresiva para o narrador protagonista. Ademais este tamén transmite unha relación co seu pai moi negativa, obsesiva, dura e tensa (séntese ameazado por el).

- Narrador en primeira persoa protagonista: pronome “me”, verbos en primeira persoa, posesivos de primeira persoa...

- Dous autores e obras representativas: 0,25 cada un.

Aceptamos calquera do período denominado Nova Narrativa (entre 1954 e 1969, ou incluso ata 1980): Carlos Casares, María Xosé Queizán, Camilo Gonsar…

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA

Ademais dos contidos de cada pregunta, tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, que se aplicará a todas as preguntas, excepto a 2. Polo tanto, sobre a cualificación global poderase descontar ata un máximo de 2 puntos por erros.

Estes poderán ser:

Moi graves: Desconto 0’2 puntos c/u. Solucións alleas ao sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colocación dos clíticos...).

Graves: Desconto 0’1 puntos c/u. Solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y), acentuación diacrítica…

Leves: Desconto 0’05 puntos c/u. Solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Contraccións non realizadas.

IMPORTANTE: Na liña de “iluminar” ben os exames e co fin de facilitar o proceso de revisión, recoméndase marcar as faltas de ortografía localizadas de acordo coa seguinte convención:

- Faltas leves: subliñadas. Exs.: corazon, silla, hasta.

- Faltas graves: rodeadas cun círculo/óvalo. Exs.: pe

- Faltas moi graves: inseridas nun rectángulo. Exs.: He comido Te botarei de menos


XULLO 2023

O exame consta de 6 preguntas de 2,5 puntos cada unha, das que poderá responder un MÁXIMO DE 4, combinadas como queira. Se responde máis preguntas das permitidas, só se corrixirán as CATRO primeiras respondidas.

TEXTO

Dende que teño memoria, sempre sentín apego polos obxectos, non tanto polo seu valor en si mesmos, senón polo que nos lembran ou representan. Neste sentido, o apego polos obxectos é o contrario do materialismo, que busca unha acumulación e desbote na que todo vai perdendo sentido. Estes días de Nadal que acabamos de pasar nos que se agarda dar e recibir agasallos fascíname quen o ve todo como un acto de consumo e de “quedar ben” sen máis. Tamén, a xente que non agasalla nunca con nada (e, insisto, o agasallo pode ser tempo, ou unha comida, ou cousas que non custan diñeiro) e xa que dicir deses homes que, no Nadal, “delegan” calquera compra nas mulleres, coma se o asunto non fose con eles, amosando como adoito unha irresponsabilidade emocional que sobrecarga a outras e da que por suposto non se preocupan nin ocupan en absoluto, non vaia ser. Elas, nosoutras, a mercar para todo o mundo e a miúdo tamén a sermos as únicas que non atopamos nada no zapato a menos, claro, que o merquemos, empaquetemos e poñamos nel nós mesmas. Eles con compartir o gasto, se tal, xa dan por cumprida a misión. Todo en (des)orde. Penso que moitas destas persoas esquecen que facer un agasallo, sexa este material ou doutro tipo, implica unha atención pola outra persoa, coñecela e preocuparse por buscar algo, grande, pequeno, importante ou trivial, que sabemos que lle vai gustar. Eu crecín nun contexto no que se nos aprendeu que agasallar é atender a quen nos rodea e celebrar a súa presenza. Por iso cando regreso a Vigo cada ano despois do Nadal veño sempre cargada de obxectos que me rodean de afecto e que me acompañan ao longo de todo o ano. Dende os tés, o aceite ou o mel que vou consumindo aos poucos ata prendas de roupa, maletas, elementos domésticos, adornos, xogos, aparentes trangalladas que para min teñen valor infinito. Neles está contido o afecto das persoas. Por iso me resulta logo tan difícil desfacerme de calquera cousa e coido todo ata que cae en anacos. Este ano, ademais, o Nadal foi tamén un tempo de , de recoller o armario da miña mai e as súas cousas. Entre elas, moitas que meu irmán e mais eu, a miña curmá e curmán e outras, lle foramos agasallando ao longo do tempo. Coa dor do retorno imposible, agora son os obxectos os que gardan a súa presenza de modo material e concreto. Na ausencia do seu corpo, dos nosos corpos, serán eles os que queden. Procuremos, logo, enchelos de afecto.

María Reimóndez. Nós Diario. 12/01/2022.

PREGUNTA 1. Comprensión do texto de María Reimóndez

1.1. Elabore un breve resumo coa información máis relevante do texto. (1 punto)

1.2. Explique o significado que teñen no texto as seguintes palabras: apego, materialismo, delegan, dó (en vermello no texto). Non son válidas as respostas só con sinónimos. (1 punto)

1.3. Localice no texto dúas palabras comodín e propoña outras que as poidan substituír. (0,5 puntos)

PREGUNTA 2. Produción textual (sobre o texto de María Reimóndez)

2. Redacte un texto no que indique se está de acordo ou non coa autora e no que exprese a súa propia opinión persoal sobre o tema tratado. (Extensión aprox. 200-250 palabras) (2,5 puntos)

PREGUNTA 3. Funcionamento da lingua (sobre o texto de María Reimóndez)

3.1. Analice morfolóxica e sintacticamente os seguintes pronomes subliñados e en letra grosa no texto: fascíname; non fose con eles; nós mesmas; que me acompañan. (1 punto)

3.2. Sinale a que clase de palabra pertence cada unha das que conforman o seguinte enunciado do texto: “Coa dor do retorno imposible, agora son os obxectos os que gardan a súa presenza”. (1 punto)

3.3. Localice no texto un hiperónimo e indique dúas palabras que se poidan incluír nel (aparezan ou non no texto). Localice tamén dous cohipónimos, pero doutro campo semántico distinto. (0,5 puntos)

PREGUNTA 4. Lingua e sociedade

Escolla un dos dous apartados:

4.1. Analice o prexuízo lingüístico que se denuncia na viñeta de Pepe Carreiro e sinale dous exemplos da historia da lingua galega que demostren as súas consecuencias na práctica. Indique se este prexuízo se mantén dalgún xeito na actualidade, argumentando a súa resposta tamén a través dalgún exemplo concreto. (Ext. aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)

Socio

4.2. Sitúe o texto de Rosalía de Castro na época correspondente da historia da normativización e indique dúas características lingüísticas do galego escrito nela, sempre a partir de exemplos do propio texto. Explique se se manteñen na actualidade e, de ser así, en que contextos son máis frecuentes. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)

“Mais naide ten menos que eu teño as grandes cualidades que son precisas pra levar a cabo obra tan difícile, anque naide tampouco se pudo achar animado dun máis bon deseo pra cantar as bellezas da nosa terra naquel dialecto soave e mimoso que queren facer bárbaro os que non saben que aventaxa ás demais linguas en dozura e armonía. Por esto, inda achándome débil en forzas e non habendo deprendido en máis escola que a dos nosos probes aldeáns, (…) atrevínme a escribir estos cantares, esforzándome en dar a conocer como algunhas das nosas poéticas costumes inda conservan certa frescura patriarcal e primitiva, e como o noso dialecto doce e sonoro é tan apropósito como o pirmeiro para toda clase de versificación.” Rosalía de Castro. Prólogo a Cantares Gallegos (1863).

PREGUNTA 5. Educación literaria:

5. Contextualice o texto na época literaria correspondente e identifique e explique dúas características da obra, recorrendo sempre a exemplos tirados do propio texto. Sinale e explique brevemente outras dúas obras representativas de autores diferentes da mesma época literaria que Vicente Risco. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)

“Pois, don Celidonio veu de Castela, de mancebo do Baldomero García, onde botou moitos anos curtindo os sabañóns, enzoufado no aceite e no bacallau. Tamén Baldomero García viñera de Castela, vendendo queixo de pé de mulo polas portas, cunha blusa azul curta, cirigolas e chapeo coma o dos charros de Salamanca. Era pequeno, feito de cordas e sarmentos, e tiña a gadoupa enguruñada, adoito para apaña-las cadelas.” Vicente Risco, O porco de pé (1928).

PREGUNTA 6. Educación literaria:

6. Contextualice o poema na época correspondente e analice dúas das súas características máis representativas. Partindo deste poema como exemplo, explique o concepto de intertextualidade. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)

“PENÉLOPE”

DECLARA o oráculo:

«QUE á banda do solpor é mar de mortos,
incerta, última luz, non terás medo.

QUE ramos de loureiro erguen rapazas.
QUE cor malva se decide o acio.

QUE acades disas patrias a vindima.
QUE amaine o vento, beberás o viño.

QUE sereas sen voz a vela embaten.
QUE un sumario de xerfa polos cons.”

Así falou Penélope:

“Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A que tanto novelo e tanta historia?

EU TAMÉN NAVEGAR.»

Xohana Torres. Tempo de ría (1992).


CRITERIOS DE AVALIACIÓN LINGUA GALEGA E LITERATURA II (Cód. 02)

SÓ CORRIXIMOS AS CATRO PRIMEIRAS PREGUNTAS CONTESTADAS (e non riscadas). Se alguén contesta a 4.1 e a 4.2., só se corrixirá a primeira opción respondida.

Pregunta 1. Comprensión do texto de María Reimóndez.

1.1. (1 punto) Valórase que o alumnado redacte un resumo no que recolla as ideas principais do texto, con coherencia e cohesión.

1.2. (1 punto) 0,25 puntos cada palabra adecuadamente definida.

1.3. (0,5 puntos) 0,25 por cada palabra comodín (0,15 pola identificación e 0,10 por achegar como mínimo unha que a poida substituír nese contexto).

Exemplos: - “Cousas (2º parágrafo, 3ª liña)”: produtos.

- “Facer (3º parágrafo, 1ª liña)”: ofrecer.

- “Cousas (4º parágrafo, 1ª liña)”: pertenzas.

Pregunta 2. Produción textual (sobre o texto de María Reimóndez) (2,5 puntos). Valórase a capacidade para producir un texto de opinión coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente.

2,5 puntos desagregaranse do seguinte xeito:

1. Construción textual (contido e estrutura). Coherencia. 1 PUNTO.

Valórase:
- 1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns), como a “orixinalidade gratuíta”. Débense evitar as paráfrases do texto.
- 1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, así como non introducir contradicións. O adecuado emprego dos signos de puntuación.
- 1.c) A organización da información e a súa división clara en parágrafos (exemplo: introdución, desenvolvemento, conclusións).
- 1.d) Uso pertinente de diversidade de conectores.

2. Adecuación léxico-gramatical e cohesión. 0,75 PUNTOS.

Valórase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade (coloquialismos) e dos textos espontáneos e non planificados, como os que amosan un requintamento afectado, así como as palabras comodín. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos, é dicir, evitar as repeticións mediante o emprego dos procedementos de cohesión (gramaticais e léxico-semánticos).

3. Corrección lingüística. 0,75 PUNTOS.

Débense aplicar os mesmos criterios que na valoración lingüística xeral.

Observación: No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación de acordo cos criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta. Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.

Pregunta 3. Funcionamento da lingua (sobre o texto de María Reimóndez).

3.1. (1 punto). 0,25 por cada pronome ben identificado (0,15 pola análise morfolóxica + 0,1 pola análise sintáctica).

- Fascíname: Pronome persoal átono de primeira persoa singular. Funciona como CI ou CD (acéptanse ambas opcións).

- Non fose con eles: Pronome persoal tónico de terceira persoa plural. Funciona como termo dunha frase preposicional.

- Nós mesmas: Pronome persoal tónico de primeira persoa plural. Funciona como suxeito.

- Que me acompañan: Pronome persoal átono de primeira persoa singular. Funciona como CD.

3.2. (1 punto). Restamos 0,1 por cada palabra incorrecta. Son 15 en total, polo que, se teñen mal 10, xa é un 0.

Coa: contracción da prep. con + artigo a / dor: substantivo / do: contracción da prep. de + artigo o / retorno: substantivo / imposible: adxectivo / agora: adverbio / son: verbo / os: artigo / obxectos: substantivo / os: artigo / que: pronome relativo / gardan: verbo / a: artigo / súa: determinante posesivo / presenza: substantivo.

3.3. (0,5 puntos).

0,25 puntos por sinalar os dous hipónimos do hiperónimo escollido (se só ofrecen un correcto, 0,1).

0,25 puntos por sinalar outros dous cohipónimos presentes no texto, doutro campo semántico distinto ao anterior (se só ofrecen un correcto, 0,1)

Exemplos:

Hiperónimo do texto: obxectos. Hipónimos deste: maleta, adornos, elementos domésticos… (e calquera outro hipónimo que o alumnado engada).

Hiperónimo do texto: roupa. Hipónimos deste: pantalón, saia…

Cohipónimos presentes no texto: aceite, té, mel.

Lémbrese que nesta resposta só aceptamos palabras correspondentes á variedade estándar ou normativa da lingua.

Pregunta 4. Lingua e sociedade (2,5 puntos).

4.1.

1 punto por indicar e analizar o prexuízo lingüístico da viñeta.

Tratáse de restrinxir e reducir as posibilidades de uso dunha lingua a determinados ámbitos, debido a que esta lingua é percibida como menos prestixiosa e polo tanto indigna para ser empregada nestes usos “elevados”. No caso da viñeta, refírese en concreto a que unha lingua como o galego non se acepta para o estudo dunha ciencia como as matemáticas. Esta, polo tanto, só se podería levar a cabo a través da única lingua considerada válida para este fin: o castelán. En cambio, nestas situacións de desigualdade social, a lingua de menor prestixio si é admitida para certas funcións tamén prestixiosas, pero presentadas como inferiores ou de menor categoría, como pode ser o cultivo do xénero literario da poesía. De aí que, nos procesos de normalización lingüística, cando a lingua minorizada comeza a empregarse na escrita, sempre se inicia pola literatura e, dentro desta, pola lírica.

1 punto por sinalar dúas consecuencias derivadas deste prexuízo ao longo da historia.

A principal consecuencia é o afastamento dos usos públicos formais e escritos da lingua galega durante os séculos escuros, cando comeza o proceso de substitución lingüística do galego polo castelán, fronte ao que ocorría na Idade Media, onde o galego si se empregaba en todos os ámbitos, desde o literario ata os documentos notariais, de xeito que podemos afirmar que daquela era tanto a lingua do pobo como dos reis e a nobreza.

Outra posible consecuencia é a que observamos nos propios protagonistas do Rexurdimento, que reivindicaban a lingua galega, pero ao mesmo tempo levaban a cabo os seus discursos públicos formais en castelán (como o que realiza Manuel Murguía na inauguración da Real Academia Galega).

Do mesmo xeito, neste período os escritores e a escritora máis recoñecidos eran poetas, mentres que cómpre esperar ao primeiro terzo do século XX e ao Grupo Nós, para encontrar novela moderna en lingua galega.

0,5 puntos por explicar se se mantén ou non na actualidade e argumentar a resposta a través dun exemplo concreto.

Na actualidade aínda persisten claras consecuencias deste prexuízo, como o feito de que a maioría da prensa diaria escrita en papel sexa publicada en castelán ou que a maior parte das veces que consultamos a carteleira de cine non se ofreza nin unha soa película na nosa lingua, a pesar de que a cinematografía galega sexa de alta calidade. Do mesmo xeito, podemos observar pegadas deste prexuízo no escaso uso que se realiza da nosa lingua no ámbito por exemplo da xustiza. Por último, resulta moi revelador do mantemento deste prexuízo que, tras 40 anos desde que se aprobou a Lei de Normalización Lingüística, estea prohibido por lei (Decreto 79/2010), en Galicia, impartir a materia de matemáticas en galego na Educación Primaria e Secundaria.

4.2.

1 punto por situar o texto na fase do proceso de normativización coñecido como popularizante, correspondente co Rexurdimento literario, época na que se comeza a escribir en galego despois do longo período dos séculos escuros e, por conseguinte, non existían nin dicionarios nin gramáticas, polo que a principal fonte era a propia lingua utilizada polo pobo.

1 punto por indicar dúas características (0,5 por cada unha delas).

Exemplos:
- Popularismos (tamén denominados vulgarismos), como naide, difícile (e paragóxico), probes ou pirmeiro (metátese consonántica)…
- Contraccións propias da oralidade, como pra.
- Castelanismos, como deseo, belleza, conocer…

0,5 puntos por explicar o mantemento dalgunhas destas características lingüísicas.

Estas características si que se manteñen na actualidade e teñen plena vixencia, sobre todo as contraccións propias da oralidade e os denominados castelanismos, pero só nas variedades coloquiais e orais da lingua. En efecto, hoxe en día contamos cunha variedade normativa (estándar) plenamente consolidada, destinada aos usos formais e escritos, polo que nestes xa non encontramos estes fenómenos, como si ocorría en cambio nos inicios do proceso de normativización do galego, moi tardío en comparación coas outras linguas do noso contorno, como portugués, español ou francés.

PREGUNTA 5. Educación literaria (2,5 puntos):

1 punto: Breve contextualización histórica

1 punto: Características literarias ben indicadas, con exemplos do texto (0,5 cada unha)

Exemplos:

- Animalización dos personaxes, co obxectivo de ridiculizalos e destacar características para deshumanizalos, como a avaricia, que se atribúe a Baldomero García, ao referirse ás sáus mans como “gadoupas” preparadas “para apaña-las cadelas”.

- Enumeracións, como as que se aprecian na descrición de Baldomero García.

- Selección de personaxes da burguesía como protagonistas literarios co fin de criticar esta clase social e mesmo ridiculizala.

- Humor negro, que observamos en "curtindo os sabañóns, enzoufado no aceite e no bacallao" para describir as penalidades polas que pasou este personaxe co que o narrador pretende que non empaticemos, así como na descrición de Baldomero "feito de cordas e sarmentos." Todo isto está na liña da procura dunha ridiculización destes protagonistas de orixe foráneo (comerciantes de orixe maragata): "viñera de Castela", "como os do charros de Salamanca”, co fin de afondar na súa fealdade, como representantes do materialismo, a falta de espírito e sabedoría. Atopamos así unha crítica á burguesía, xa non só por motivos socio-económicos, senón tamén estéticos.

0, 5 puntos: Outros dous autores desta mesma época e breve explicación dunha das súas obras (0,25 puntos cada un). Se só indican os nomes dos autores, 0,15 por cada un.

Exemplos:

- Otero Pedrayo: Os camiños da vida, Arredor de si

- Castelao: Cousas, Retrincos.

Dado que non se especifica que sexan autores de narrativa, tamén se admitirán poetas, como os das Vangardas ou Ramón Cabanillas.

PREGUNTA 6. Educación literaria (2,5 puntos):

1 punto: Breve contextualización histórica

1 punto: Características literarias ben indicadas, con exemplos do texto (0,5 cada unha)

Exs.:

- Corrente feminista, que reivindica a figura da muller e a súa visibilización e empoderamento, máis alá do papel tradicional que se lle outorgou moitas veces na propia literatura.

- Experimentalismo formal, que neste caso podemos observar no uso da segunda persoa así como no emprego de expresións coloquiais (“¿A que tanto novelo e tanta historia?”), co fin de provocar unha ruptura co lirismo, o que representa unha invitación á rebelión.

- Tamén podemos observar o experimentalismo formal no emprego das maiúsculas, que achegan o poema a un formato de documento administrativo de declaración, claramente evidenciado polo emprego dos "QUE", que introducen os versos na primeira parte. Ademais, o verso que pecha o poema está escrito integramente con maiúsculas, formato que contribúe a destacar a intervención directa en primeira persoa do eu lírico, como síntese desa declaración de liberdade plena.

0,5 puntos: Este poema é un claro exemplo de intertextualidade, xa que parte da figura da mitoloxía grega de Penélope, a muller de Ulises, unha das protagonistas do clásico da literatura grega A Odisea. Ademais, este mesmo personaxe aparece noutros poemas moi representativos da literatura galega, como é o caso do titulado “Penélope”, de Xosé María Díaz Castro.

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA

Ademais dos contidos de cada pregunta, tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, que se aplicará a todas as preguntas, excepto a 2. Polo tanto, sobre a cualificación global poderase descontar ata un máximo de 2 puntos por erros.

Estes poderán ser:

Moi graves: Desconto 0’2 puntos c/u. Solucións alleas ao sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colocación dos clíticos...).

Graves: Desconto 0’1 puntos c/u. Solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y), acentuación diacrítica…

Leves: Desconto 0’05 puntos c/u. Solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Contraccións non realizadas.

IMPORTANTE: Na liña de “iluminar” ben os exames e co fin de facilitar o proceso de revisión, recoméndase marcar as faltas de ortografía localizadas de acordo coa seguinte convención:

- Faltas leves: subliñadas. Exs.: corazon, silla, hasta.

- Faltas graves: rodeadas cun círculo/óvalo. Exs.: pe

- Faltas moi graves: inseridas nun rectángulo. Exs.: He comido Te botarei de menos

 

2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.