Isaac Alonso Estraviz
Foto: Isaac Alonso Estraviz, escritor galego

ogalego.eu - ogalego.gal son Vitoria Ogando Valcárcel // Anxo González Guerra, catedráticos de galego xubilados

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Lingua e sociedade, ABAU, tema 5. O galego de 1936 a 1978: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.


Exame: 2 imaxes ou textos (escoller un) e pregunta sobre eles.

Ver como foi o exame en 2022


-Escoitar o texto camiñando, no deporte, cociñando...:

 


Cando comeza a guerra civil do 36 Galiza queda axiña baixo o dominio dos sublevados e iníciase unha forte represión xeneralizada. Algúns dos máis destacados galeguistas pagarano coa vida (Alexandre Bóveda, Ánxel Casal), outros con expedientes (Otero Pedrayo) ou cárcere (Carballo Calero) e os máis afortunados co exilio (Castelao).
Todo o esplendor anterior queda reducido ao silencio, e durante os primeiros anos da ditadura son os intelectuais do exilio americano os que manteñen viva a cultura galega creando editoriais, revistas, programas de radio: Florencio Delgado Gurriarán -Letras Galegas 2022-. A capital da cultura galega é agora Bos Aires con figuras como Castelao, Rafael Dieste, Luís Seoane, Blanco Amor... 
O galego convértese nunha lingua inferior, que só se utiliza coa familia ou cos amigos, pois o seu uso público podía supor a perda do traballo ou mesmo da liberdade, aínda que non estea legalmente prohibido.
A recuperación cultural iníciase lentamente ben avanzada a década dos 40: publicación de Cómaros Verdes no 1947, colección de poesía Benito Soto en 1949, pero será en 1950 cando un grupo de intelectuais (Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego -autor do Día das Letras Galegas 2023-, Otero Pedrayo) funda a editorial Galaxia que terá unha importancia capital para a recuperación da nosa cultura. Nela publicarán os seus libros Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro e escritores mozos como Méndez Ferrín e Carlos Casares.
Na década dos 60 xorden os partidos nacionalistas, clandestinos e minoritarios, e créanse asociacións culturais que loitan polo noso idioma e cultura e comeza a haber un certo recoñecemento ou polo menos tolerancia desde a esfera oficial:
* 1963: Celebración do Día das Letras Galegas.
* 1965: Creación da cátedra de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Santiago.
* Aparición de outras editoriais e revistas monolingües.
* 1974: TVE comeza a emitir en galego a media hora do programa Panorama de Galicia.
Pese a este proceso de recuperación de usos, o fenómeno de desgaleguización social avanza durante a etapa da ditadura franquista a un ritmo moito máis acelerado:
* A partir dos anos 60 aumenta o éxodo do campo á cidade, o que provoca un aumento da castelanización por imitación das clases altas ou medias.
* O ensino, cada vez máis universal desenvólvese exclusivamente en castelán.
* A Igrexa, na súa maioría utiliza o castelán e esta será a lingua da liturxia cando o Concilio Vaticano II (1963) abandone o latín.
* Os medios de comunicación de masas (sobre todo a radio e a televisión) son tamén en castelán.
Mais, malia todos os atrancos, o galego segue sendo, no ano 1975, a lingua maioritaria do país (75-80%).
No camiño de busca dunha norma culta, dámoslle a este período o nome de protoestándar: aumenta a conciencia da súa necesidade, e podemos caracterizalo polo desexo de simplificación ortográfica (eliminación de guións e apóstrofos) e de depuración léxica (rexeitamento de castelanismos, incorporación de neoloxismos e cultismos...).


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.