|
Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. ABAU
Proba de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade: Proposta da Comisión para 2022
O exame consta de 6 preguntas de 2,5 puntos cada unha, das que poderá responder un MÁXIMO DE 4, combinadas como queira. Se responde máis preguntas das permitidas, só se corrixirán as CATRO primeiras respondidas.
TEXTO
Numerosos grupos de presión invisten centos de millóns de euros todos os anos para contrarrestar a evidencia científica sobre a situación. A ciencia do cambio climático ten máis de 150 anos e é, probablemente, a área máis estudada de todas cantas conforman a ciencia moderna. Con todo, a industria enerxética e os grupos de presión políticos, entre outros, levan 30 anos sementando a dúbida sobre o cambio climático onde non a hai. As últimas investigacións estiman que as cinco compañías petroleiras e de gas máis grandes do mundo dedican ao redor de 200 millóns de dólares ao ano ao mantemento de lobbies que controlan, atrasan ou impiden o desenvolvemento de políticas climáticas de obrigado cumprimento.
A negación organizada do cambio climático está contribuíndo ao estancamento na redución de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) ata desembocar no estado de emerxencia climática global no que nos atopamos. Como consecuencia, que os negacionistas se vallan de certos mitos (no mellor dos casos, noticias falsas; no peor, descaradas mentiras) para desautorizar á ciencia do cambio climático pode facer que as persoas do común non saiban a que aterse. A continuación expoñemos dous destes mitos e as probas científicas que os desacreditan.
1. O cambio climático non é máis que unha parte do ciclo natural
O clima da Terra nunca deixou de cambiar, pero o estudo da paleoclimatoloxía ou, o que é o mesmo,
os “climas antigos”, demostra que os cambios acontecidos durante os últimos 150 anos (desde o comezo da
Revolución Industrial) non poden ser naturais pola súa excepcionalidade. (…)
2. Os cambios débense ás manchas solares ou aos raios cósmicos
As manchas solares son rexións da superficie da estrela que albergan unha intensa actividade
magnética e poden ir acompañadas de erupcións solares. Aínda que estas manchas posúen a capacidade de
modificar o clima da Terra, desde 1978 os científicos están usando sensores en satélites para obter un rexistro
da enerxía solar que chega ao planeta e non observaron a existencia dunha tendencia ascendente, polo que
non poden ser a causa do quecemento global recente.
Mark Maslin. GCiencia. 27/09/2019 (adaptación)
PREGUNTA 1. Comprensión do texto de GCiencia
1.1. Indique, nunha liña como máximo, cal é o tema do texto. (0,5 puntos)
1.2. Localice no texto catro conectores textuais e indique o tipo. (1 punto)
1.3. Explique o significado que teñen no texto (en vermello) as seguintes palabras: “negación”, “emerxencia”, “mito”,
“desacreditar”. (1 punto)
PREGUNTA 2. Produción textual
2. Redacte un texto, no que exprese a súa opinión sobre o tema do artigo de GCiencia. (Extensión aprox. 250
palabras) (2,5 puntos)
PREGUNTA 3. Funcionamento da lingua (sobre o texto de GCiencia)
3.1. Segmente morfoloxicamente estas palabras do texto (en negro) e indique o valor de cada morfema: “invernadoiro”,
“negacionista”, “desenvolvemento”, “solares”. (1 punto)
3.2. Localice no texto catro palabras nas que aparezan os mesmos sons que os representados polas grafías que se subliñan nestas: peixe e exame; quero e queres. (1 punto)
3.3. Identifique a función sintáctica dos dous fragmentos subliñados no texto (sen analizar os seus compoñentes): centos de millóns de euros // As manchas solares. (0,5 puntos)
PREGUNTA 4. Lingua e sociedade
Escolla un dos dous apartados.
4.1. Analice esta viñeta, de xeito que inclúa na
explicación o significado técnico dos conceptos
“prexuízo”, “lingua dominante” e “lingua
minorizada”. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5
puntos)
4.2. Analice o seguinte gráfico sobre a lingua inicial en Galicia en función da idade (IGE, 2018) e sinale dúas posibles medidas de normalización en relación coa situación descrita.(Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)
PREGUNTA 5. Educación literaria
Contextualice o texto de Ánxel Fole na época correspondente e identifique e explique catro características do seu autor, recorrendo sempre a exemplos tirados do propio texto. Sinale dúas tendencias narrativas máis da mesma época, os seus autores máis representativos e dúas obras de cada un. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)
“Moitas veces ouvín decir que os lobos non atacan ás persoas. E isto non é certo. (…) Todos coñecedes coma min ó Emilio, o castrador de Rugando. Atendede ben e xa sabereis que é certo todo canto levo dito encol dos lobos. (…) Dous lobos grandismos fórono acompañando. Iban sempre de par dil, ás dúas maos. Cáseque parecían dous cas que foran con seu amo. Se il se paraba, tamén iles se paraban. Algunhas veces púñanselle diante. Entón, o capador guindáballes un coio.”
Ánxel Fole, “Os lobos”, Á lus do candil (1953)
PREGUNTA 6. Educación literaria
Contextualice este poema na época correspondente. Destaque e analice dúas características do poema que permitan situar a súa autora nas novas tendencias deste xénero. Engada o nome doutras dúas voces poéticas representativas desta época e un poemario de cada unha. (Ext. aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)
Busquei no corazón
rescatei un poema
sen voz.
Tornouse esquecemento,
xa non doe.
E sigo viva...
nun oscilante mundo.
Asun Estévez, “Poema sen voz”, Medrar nas mans (2013)
Criterios de Avaliación do MODELO 1
PREGUNTA 1. Comprensión do texto de GCiencia
1.1. Indique, nunha liña como máximo, cal é o tema do texto. (0,5 puntos)
1.2. Localice no texto catro conectores textuais e indique o tipo. (1 punto)
1.3. Explique o significado que teñen no texto as seguintes palabras: “negación”, “emerxencia”, “mito”, “desacreditar”. (1 punto)
1.1. Valórase que o alumnado sexa quen de recoller nunha liña o tema principal do texto. Por exemplo:
- Este texto trata sobre os intereses económicos ocultos trala difusión de falacias sobre o cambio climático.
- Este texto persegue desmontar as mentiras sobre o cambio climático que difunden, no seu propio interese, os negacionistas.
- Este texto presenta probas científicas contra algunhas falacias sobre o cambio climático.
1.2. Hai varias posibilidades:
“Con todo”: contrastivo.
“Como consecuencia”: consecutivo.
“A continuación”: de ordenación ou organización.
“Pero”: contrastivo.
“Polo que”: consecutivo.
1.3. 0,25 puntos cada palabra adecuadamente definida. Se responde só cun sinónimo, 0 puntos.
PREGUNTA 2. Produción textual
2. Redacte un texto, no que exprese a súa opinión sobre o tema do artigo de GCiencia. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)
Valórase a capacidade para producir un texto argumentativo coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente.
Os 2,5 puntos desagregaranse do seguinte xeito:
1. Construción textual (contido e estrutura). Coherencia. 1 punto.
Valórase:
- 1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns), como a “orixinalidade gratuíta”. Débense evitar as paráfrases do texto.
- 1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, así como non introducir contradicións. O adecuado emprego dos signos de puntuación.
- 1.c) A organización da información e a súa división clara en parágrafos (exemplo: introdución, desenvolvemento, conclusións).
- 1.d) Uso pertinente de diversidade de conectores.
2. Adecuación léxico-gramatical e cohesión. 0,75 puntos.
Valórase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade (coloquialismos) e dos textos espontáneos e non planificados, como os que amosan un requintamento afectado, así como as palabras comodín. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos, é dicir, evitar as repeticións mediante o emprego dos procedementos de cohesión (gramaticais e léxico-semánticos).
Marcar e penalizar: coloquialismos, palabras comodín, repeticións...
Tamén se penalizarán cuestións de presentación e formato, como non subliñar os títulos das obras.
3. Corrección lingüística. 0,75 puntos.
Débense aplicar os mesmos criterios que na valoración lingüística xeral.
Observación: No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación de acordo cos criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta. Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.
PREGUNTA 3. Funcionamento da lingua (sobre o texto de GCiencia)
3.1. Segmente morfoloxicamente estas palabras do texto e indique o valor de cada morfema: “desenvolvemento”, “invernadoiro”, “negacionista”, “solares”. (1 punto)
3.2. Localice no texto catro palabras nas que aparezan os mesmos sons que os representados polas grafías marcadas nestas: peixe e exame; quero e queres. (1 punto)
3.3. Identifique a función sintáctica dos dous fragmentos subliñados no texto (sen analizar os seus compoñentes). (0,5 puntos)
3.1.
0,25 cada palabra correctamente segmentada e analizada. 0,10 p. se está ben segmentada e 0,15 p. se se indica o valor correcto dos morfemas (de todos eles; un valor mal por palabra xa supón 0 puntos).
0,25 - Des-envolv-e-mento: raíz (morfema léxico) + morfema flexivo (VT) + morfemas derivativos (prefixo e sufixo). Tamén se admite que non separen a VT e que si separen o en
0,25 - Invern-a- doiro: raíz (morfema léxico) + morfema flexivo (VT) + morfema derivativo (sufixo). Tamén se admite: inverna-doiro.
0,25 - Nega-cion-ista: raíz (morfema léxico) + morfemas derivativos (sufixos).
0,25 - Sol-ar-es: raíz (morfema léxico) + morfema derivativo (sufixo) + morfema flexivo (de número).
3.2. 0,25 cada palabra ben indicada. Propoñemos varias opcións para cada unha das palabras, aínda que o alumnado só ten que indicar unha.
Peixe = enerxética / emerxencia / deixou / paleoclimatoloxía…
Exame = expoñemos / excepcionalidade / existencia.
Quero = Calquera palabra con vogal medio-aberta: centos, ten, enerxética…
Queres = Calquera palabra con vogal medio-aberta: centos, ten, enerxética…
Con fin de verificar a pronuncia, tomamos como referencia: Xosé Luís Regueira (dir.): Dicionario de pronuncia da lingua galega. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega.
3.3. 0,25 puntos cada función sintáctica ben identificada.
- “Centos de millóns de euros”: CD (complemento ou obxecto directo).
- “As manchas solares”: Suxeito.
PREGUNTA 4. Lingua e sociedade
4.1. Analice esta viñeta, de xeito que inclúa na explicación o significado técnico dos conceptos “prexuízo”, “lingua dominante” e “lingua minorizada”. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)
En Galicia, desde o punto de vista cualitativo, o castelán é a lingua dominante e o galego a minorizada, debido a que aquela segue tendo maior presenza en ámbitos de prestixio, como o xudicial, médico, administrativo, etc. Esta situación dábase en maior medida en séculos pasados, de xeito que o galego estaba totalmente marxinado de calquera ámbito formal, o que provocou o prexuízo segundo o cal o castelán era considerado a lingua da cultura e a riqueza e, en consecuencia, os galegofalantes, se querían acceder aos ámbitos de prestixio, tiñan que aprender o castelán. Isto deu lugar á norma social de que os galegofalantes se debían adaptar á lingua considerada superior, o castelán, mentres os castelanfalantes mantiñan a súa lingua en todo momento. Non facelo era considerado de mala educación, como se recolle na viñeta.
Coa chegada da democracia, recoñécese por fin o galego como lingua propia e cooficial de Galicia (Estatuto de Autonomía, 1981), o que supón que se empece a empregar xa en todos os ámbitos, iniciándose así o seu proceso de normalización. Polo tanto, hoxe en día todos os galegos e galegas teñen dereito a usar tanto o galego como o castelán, ambas as linguas xa se estudan na escola e, de feito, as porcentaxes de competencia e, sobre todo, de comprensión do galego son moi altas entre a poboación. En consecuencia, a norma social de cambiar ao castelán non ten ningún fundamento, senón que cadaquén pode manterse na lingua da súa preferencia, sen que isto sexa considerado falta de educación. No caso de adaptarse á lingua da persoa interlocutora, tanto se podería facer do galego ao castelán como á inversa. Ademais, comeza a darse o mantemento de cada falante na súa lingua, o que se coñece como conversas bilingües.
4.2. Analice o seguinte gráfico sobre a lingua inicial en Galicia en función da idade (IGE, 2018) e sinale dúas posibles medidas de normalización en relación coa situación descrita. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)
No gráfico observamos que a adquisición do galego como primeira lingua descende a medida que o fai a idade, de xeito que a diferenza entre o grupo máis novo e o de máis idade é superior ao triplo. Resulta máis preocupante aínda, que nas persoas máis novas (de 5 a 14 anos), o bilingüismo permanece igual, mentres que o castelán como lingua inicial aumenta considerablemente. En definitiva, cada vez son menos os nenos e nenas que aprenden a falar en galego como primeira lingua.
Unha posible medida de normalización sería unha campaña de publicidade dirixida ás familias, como é a campaña Apego, baseada no argumento de que un neno ou nena educado nunha familia galegofalante vai ser probablemente bilingüe, pois o castelán xa se aprende por outras vías fóra da familia. Tamén é importante incidir noutros ámbitos, como nos medios de comunicación, sobre todo a televisión e outros dispositivos audiovisuais (tableta, móbil, etc.). Polo tanto, unha segunda medida estaría destinada á creación e difusión de máis contidos en lingua galega adecuados para a infancia e mocidade. Neste sentido, destaca a campaña da Mesa pola Normalización Lingüística de creación dunha canle integramente en galego da TVG para o público máis novo.
PREGUNTA 5. Educación literaria:
5. Contextualice o texto de Ánxel Fole na época correspondente e identifique e explique catro características do seu autor, recorrendo sempre a exemplos tirados do propio texto. Sinale dúas tendencias narrativas máis da mesma época, os seus autores máis representativos e dúas obras de cada un. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)
“Moitas veces ouvín decir que os lobos non atacan ás persoas. E isto non é certo. (…) Todos coñecedes coma min ó Emilio, o castrador de Rugando. Atendede ben e xa sabereis que é certo todo canto levo dito encol dos lobos. (…) Dous lobos grandismos fórono acompañando. Iban sempre de par dil, ás dúas maos. Cáseque parecían dous cas que foran con seu amo. Se il se paraba, tamén iles se paraban. Algunhas veces púñanselle diante. Entón, o capador guindáballes un coio.” Ánxel Fole, “Os lobos”, Á lus do candil (1953)
Ánxel Fole é un dos renovadores da prosa de posguerra, cando, a partir da creación da editorial Galaxia (1950), se volve publicar literatura en lingua galega tras o silencio desde a Guerra Civil.
Fole cultivou a literatura e o xornalismo e, como escritor, centrouse no relato curto, principalmente ambientado na montaña luguesa (O Incio e O Courel). A súa narrativa insírese no marco do realismo popular e caracterízase polo emprego na escrita de técnicas tradicionais do conto oral, como as apelacións á persoa lectora e as referencias ao narrador (“todos coñecedes coma min…”). Trátase do tamén chamado por el “conto contado”. Así mesmo, reflicte nos seus textos a variedade dialectal do Courel (“dil, maos, cas, il, iles…”). Este naturalismo lingüístico retrata a lingua oral das zonas da montaña luguesa que describe. Os seus contos ambiéntanse, así, na Galicia rural (cans, lobos, coios), con personaxes propios deste contexto, como o castrador ou capador. Ademais, a temática responde tamén aos contos de medo tradicionais, como podemos ver neste caso na figura dos lobos como ameaza ante a soidade do home. A súa narrativa ten un valor etnográfico ao reproducir as crenzas e supersticións do mundo do rural galego daquela época.
Outras dúas tendencias narrativas deste mesmo período son:
- O realismo fantástico de Álvaro Cunqueiro, con obras como Merlín e familia ou As crónicas do Sochantre, nas que recrea mundos míticos e fantásticos, mesturados coa imaxinación colectiva do mundo popular.
- O realismo social de Eduardo Blanco Amor, centrado na vida das clases populares e no ambiente urbano. As súas obras máis representativas son A esmorga e Xente ao lonxe.
PREGUNTA 6. Educación literaria:
6. Contextualice este poema na época correspondente. Destaque e analice dúas características do poema que permitan situar a súa autora nas novas tendencias deste xénero. Engada o nome doutras dúas voces poéticas representativas desta época e un poemario de cada unha. (Ext. aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)
Estamos ante un poema de autoría feminina, que pon de manifesto a consolidación da muller na produción literaria nas últimas décadas, visibilizando de forma consciente o punto de vista feminino. Fronte á tendencia culturalista doutros períodos, esta nova poesía está caracterizada pola presenza dunha linguaxe máis próxima e accesible, así como por temáticas relacionadas co íntimo e o cotián. Neste sentido, búscase trasladar unha mensaxe clara e directa, evitando os artificios literarios superfluos.
Respecto ás características concretas do texto, observamos unha voz lírica en primeira persoa que remite a un eu íntimo e introspectivo, que se ispe ante a persoa receptora. Isto contribúe a que nos identifiquemos cos sentimentos desacougantes que transmite o poema. Ademais, os versos “rescatei un poema sen voz” introducen unha referencia metaliteraria e supoñen unha metáfora de significado múltiple, que se pode reinterpretar desde diversos puntos de vista, desde máis persoais ata vinculados a cuestións sociais, na liña da linguaxe simbólica.
Canto á segunda característica, podemos destacar, desde o punto de vista da forma, que o poema non segue ningún esquema compositivo tradicional nin presenta rima, pero si regularidades métricas: versos heptasílabos combinados con outros máis breves, todos eles de arte menor.
Outras voces poéticas representativas desta época poden ser Yolanda Castaño, coa súa obra O libro da egoísta, ou Olga Novo, con Nós nús.
Tanto na pregunta 4 como na 5 e a 6 espérase unha resposta breve, pero redactada, non contestada de xeito esquemático.
CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA
Ademais dos contidos de cada pregunta, tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, que se aplicará a todas as preguntas, excepto a 2.
Polo tanto, sobre a cualificación global poderase descontar ata un máximo de 2 puntos por erros.
Estes poderán ser:
- Moi graves: Desconto 0’2 puntos cada un. Solucións alleas ao estándar no nivel morfolóxico e sintáctico, por exemplo o uso de tempos compostos ou a incorrecta colocación dos clíticos. Tamén se considerarán faltas moi graves outro tipo de erros sintácticos, como por exemplo os anacolutos. A raíz dos comentarios do profesorado, modificamos o enunciado desta pregunta con respecto ao ofrecido o curso 1 pasado.
- Graves: Desconto 0’1 puntos cada un. Solucións alleas ao estándar no nivel léxico, por exemplo o emprego de formas como *silla, *hasta ou *random… Tamén se considerará falta grave a incorrecta acentuación diacrítica.
- Leves: Desconto 0’05 puntos cada un. Solucións ortográficas contrarias ao estándar vixente (b/ v, h, *ourense), acentuación non diacrítica, contraccións, etc. Cada dous erros deste tipo descontan, polo tanto, unha décima (0,1).
Unha palabra escrita incorrectamente de forma reiterada só se contabilizará unha vez. Isto non é aplicable á incorrecta colocación dos pronomes, ao emprego de tempos compostos nin á acentuación diacrítica.
O exame consta de 6 preguntas de 2,5 puntos cada unha, das que poderá responder un MÁXIMO DE 4, combinadas como queira. Se responde máis preguntas das permitidas, só se corrixirán as CATRO primeiras respondidas.
TEXTO
A perfección non existía.
De quen era a culpa de que ela non fose perfecta?
Non obstante, os seus seguidores non tiñan por que sabelo, Bieito sempre llo dicía. O que comezara como unha simple diversión había sete anos, colgando fotos súas nas redes co modeliño que levar tal ou cal día, agora era un traballo profesional pagado con centos e mesmo miles de euros por imaxe subida, se o patrocinador era potente. Nunca tivera as cifras moi claras; esas cousas sempre as levara el. O único que sabía era que ía case polo medio millón de seguidores.
Colleu o móbil do estante e mergullouse na nata artificial, tapando os puntos estratéxicos do corpo. Aquí vese demasiado, aquí demasiado pouco. Así. Estirou o brazo e sorriu de xeito suxerinte. Había moito tempo que non se fotografaba polo simple pracer de facelo, sempre dirixida polas profesionais que controlaba Bieito. Fotógrafa, perruqueira, maquilladora… Había que darlle unha imaxe máis sofisticada ao blog, dicía el.
Puxo a cámara interna. As imperfeccións non tiñan importancia se ninguén sabía delas. Se medio millón de persoas dicían que eras perfecta, tanto tiña como te vises ti.
Sacou a foto e subiuna ao blog de inmediato. Seguramente algún diría que o fixera para anunciar a máscara de pestanas que provocaba a súa sensual caída de pálpebras, ou a pasta dentífrica branqueadora que facía que a perfecta dentadura reflectise a luz do flash. Mellor que pensasen iso que o que realmente se agochaba detrás: que deixara de ter control sobre a súa propia vida e que aquela pequena falcatruada lle lembraba que aínda podía facer algunha que outra cousa sen pedir permiso.
Antía Yáñez. Senlleiras.
PREGUNTA 1. Comprensión do texto de Antía Yáñez.
1.1. Indique nunha liña como máximo o tema do texto. (0,5 puntos)
1.2. Elabore un resumo do texto no que recolla as súas ideas principais. (1 punto)
1.3. Propoña un adxectivo para describir a protagonista do texto e outro para describir a Bieito. Escolla un enunciado concreto do texto para xustificar a súa proposta. (1 punto)
PREGUNTA 2. Produción textual
2. Redacte un texto no que relate a súa experiencia coas redes sociais, tanto desde o punto de vista de consumidor como de produtor (Extensión aprox. 250 palabras). (2,5 puntos)
PREGUNTA 3. Funcionamento da lingua (sobre o texto de Antía Yáñez)
3.1. Analice sintacticamente: “Nunca tivera as cifras moi claras.” (1 punto)
3.2. Segmente morfoloxicamente e indique o valor de cada morfema: seguidores, artificial, imperfeccións, branqueadora. (1 punto)
3.3. Localice no texto tres palabras pertencentes ao mesmo campo semántico. Indique se aparece tamén o seu hiperónimo e, de non ser así, propoña un. (0,5 puntos)
PREGUNTA 4. Lingua e sociedade
Escolla un dos dous apartados:
4.1. Analice o texto da imaxe, indicando as principais características sociolingüísticas da época na que foi escrito (1942) e difundido. Explique as consecuencias deste período para os prexuízos lingüísticos cara ao galego. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)
4.2. Sitúe o seguinte texto na época correspondente e indique dúas características lingüísticas fundamentais do galego escrito nela, sempre a partir de exemplos do propio texto. Sinale brevemente un aspecto positivo e outro negativo da situación social do galego neste período (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)
Eu caraiterizaría aos homes do meu tempo preocupados polas cousas do esprito, dicindo qu’eramos -e somos- os auténticos vencidos da vida. (…) O probrema dos inadaptados é un dos grandes probremas das decadenzas. Hai nises tempos d’economía, de políteca e de ténica, unha chea de naturezas estremamente delicadas e coscentes, depositarias das mais depuradas esencias da cultura…
Vicente Risco, “Nós, os inadaptados”, Nós, 1933.
PREGUNTA 5. Educación literaria:
5. Contextualice o texto de Otero Pedrayo na época literaria correspondente e identifique e explique dúas características do seu estilo narrativo apoiándose no propio fragmento. Indique outros dous narradores máis destacados deste período e sinale unha obra de cada un deles. (Ext. aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)
Dona Rosiña vive e goberna no pazo da beiramar. Algúns pazos foran gastados, enteiriños, por don Xoán. Mais el sempre se reserva os mobles, e da montaña e da ribeira, dos pazos vendidos a disbarate, chegan retablos dourados de capelas, leitos taraceados, arcaces de fino labor, armas antigas, retratos de frades estáticos, de terribles señores, de donas de opulenta beleza como marmelos outonizos. No pazo de beiramar converxen todos os ríos da ascendencia de don Xoán, e don Xoán no medio dos preciosos mobles cre ser dono de todos os pazos herdados.
Ramón Otero Predrayo, “O fidalgo”, Contos do camiño e da rúa, 1932.
PREGUNTA 6. Educación literaria:
6. Analice dúas características deste poema que permitan situalo no seu movemento literario. Contextualíceo historicamente e indique outras dúas correntes poéticas da mesma época, así como un dos seus autores máis representativos e unha das súas obras. (Ext. aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)
No niño novo do vento
hai unha pomba dourada,
meu amigo!
Quén poidera namorala!
Canta ao luar e ao mencer
en frauta de verde olivo.
Quén poidera namorala,
meu amigo!
Ten áers de frol recente,
cousas de recén casada,
meu amigo!
Quén poidera namorala!
Tamén ten sombra de sombra
e andar primeiro de río.
Quén poidera namorala,
meu amigo!
Álvaro Cunqueiro. Cantiga nova que se chama Riveira (1933).
Criterios de Avaliación do MODELO 2
PREGUNTA 1. Comprensión do texto de Antía Yáñez.
1.1. Indique nunha liña como máximo o tema do texto. (0,5 puntos)
1.2. Elabore un resumo do texto no que recolla as súas ideas principais. (1 punto)
1.3. Propoña un adxectivo para describir a protagonista do texto e outro para describir a Bieito. Escolla un enunciado concreto do texto para xustificar a súa proposta. (1 punto)
1.1. Tema do texto: valórase que o alumnado sexa quen de captar a esencia da temática do texto nunha única liña. Por exemplo: A escravitude / dependencia / limitación de liberdade provocada pola exposición pública nas redes. // Presión sobre a propia imaxe debido aos estereotipos de xénero.
1.2. Valórase que o alumnado redacte un resumo no que recolla as ideas principais do texto, con coherencia e cohesión.
1.3. 0,25 puntos cada adxectivo e 0,25 se escolleu adecuadamente o enunciado que o xustifique.
Por exemplo:
- Bieito = manipulador. “sempre dirixida polas profesionais que controlaba Bieito”.
- Protagonista = dependente. “deixara de ter o control sobre a súa propia vida”. Aquí admitimos tamén “influencer” (“ía case polo medio millón de seguidores”).
PREGUNTA 2. Produción textual
2. Redacte un texto no que relate a súa experiencia coas redes sociais, tanto desde o punto de vista de consumidor como de produtor (Extensión aprox. 250 palabras). (2,5 puntos)
Valórase a capacidade para producir un texto argumentativo coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente.
Os 2,5 puntos desagregaranse do seguinte xeito:
1. Construción textual (contido e estrutura). Coherencia. 1 punto. Valórase:
- 1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns), como a “orixinalidade gratuíta”. Débense evitar as paráfrases do texto.
- 1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, así como non introducir contradicións. O adecuado emprego dos signos de puntuación.
- 1.c) A organización da información e a súa división clara en parágrafos (exemplo: introdución, desenvolvemento, conclusións).
- 1.d) Uso pertinente de diversidade de conectores.
2. Adecuación léxico-gramatical e cohesión. 0,75 puntos.
Valórase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade (coloquialismos) e dos textos espontáneos e non planificados, como os que amosan un requintamento afectado, así como as palabras comodín. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos, é dicir, evitar as repeticións mediante o emprego dos procedementos de cohesión (gramaticais e léxico-semánticos).
Marcar e penalizar: coloquialismos, palabras comodín, repeticións...
Tamén se penalizarán cuestións de presentación e formato, como non subliñar os títulos das obras.
3. Corrección lingüística. 0,75 puntos.
Débense aplicar os mesmos criterios que na valoración lingüística xeral.
Observación: No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación de acordo cos criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta. Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.
PREGUNTA 3. Funcionamento da lingua (sobre o texto de Antía Yáñez)
3.1. Analice sintacticamente: “Nunca tivera as cifras moi claras.” (1 punto)
3.2. Segmente morfoloxicamente e indique o valor de cada morfema: seguidores, artificial, imperfeccións, branqueadora. (1 punto)
3.3. Localice no texto tres palabras pertencentes ao mesmo campo semántico. Indique se aparece tamén o seu hiperónimo e, de non ser así, propoña un. (0,5 puntos)
3.1.
(0,1 + 0,1) Nunca: adverbio ou frase adverbial en función de Complemento Circunstancial de Tempo ou Complemento Circunstancial de Negación.
(0,1) tivera: verbo en función de Núcleo do Predicado.
(0,1 + 0,1) as cifras: frase nominal (DET + NOMINAL) ou frase substantvia (DET + NÚCLEO), en función de Complemento Directo. Tamén se acepta sintagma en lugar de frase.
(0,1 + 0,4) moi claras: frase adxectiva (MOD + NÚCLEO) en función de Predicativo.
3.2.
0,25 cada palabra correctamente segmentada e analizada. 0,10 p. se está ben segmentada e 0,15 p. se se indica o valor correcto dos morfemas (de todos eles, de xeito que un valor mal por palabra xa supón 0 puntos).
0,25 - Segu-i-dor-es: raíz (morfema léxico) + morfema flexivo (VT) + morfema derivativo (sufixo) + morfema flexivo de plural.
0,25 - Artifici-al: raíz (morfema léxico) + morfema derivativo (sufixo). Art-ifici-al: raíz (morfema léxico) + morfema derivativo (sufixo) + morfema derivativo (sufixo). Art-i-fici-al: raíz (morfema léxico) + interfixo + raíz (morfema léxico) + morfema derivativo (sufixo).
0,25 - Im-perfec-ción-s: prefixo (morfema derivativo) + raíz (morfema léxico) + morfema derivativo (sufixo) + morfema flexivo de número.
0,25 - Branqu-ea-dor-a: raíz (morfema léxico) + morfema derivativo (sufixo) + morfema derivativo (sufixo) + morfema flexivo de xénero. Branqu-e-a-dor-a: raíz (morfema léxico) + morfema derivativo (sufixo) + vogal temática + morfema derivativo (sufixo) + morfema flexivo de xénero.
3.3. As catro palabras teñen que estar correctamente escritas segundo o galego normativo (do contrario, non se contabilizarán).
0,25 polas tres palabras do mesmo campo semántico (unha mal, sería 0,1 e dúas mal 0).
0,25 polo hiperónimo, adecuado ao campo semántico escollido.
Por exemplo: fotógrafa, perruqueira, maquilladora. Hiperónimo: profesionais da imaxe / profesións.
PREGUNTA 4. Lingua e sociedade
4.1. Analice o texto da imaxe, indicando as principais características sociolingüísticas da época na que foi escrito (1942) e difundido. Explique as consecuencias deste período para os prexuízos lingüísticos cara ao galego. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)
Este texto escribiuse na ditadura (1939-1975), época na que as linguas de España diferentes do castelán estaban prohibidas e só esta tiña status de “lingua oficial”, como se recolle no cartel. Como consecuencia, as demais linguas quedaron relegadas aos usos privados, familiares e coloquiais, mentres o castelán era a única empregada nas funcións de prestixio social, como a administración, escola, medios de comunicación, política, etc. Isto provocou no imaxinario colectivo a asociación do castelán cos grupos sociais con maior poder, riqueza e cultura, de xeito que se creou o prexuízo segundo o cal o castelán representaba estes valores e o galego os contrarios. Así, só o feito de falar galego xa implicaba ser marcado como unha persoa pobre e inculta. De aí que no código da época, “ser caballero” supoñía falar a lingua “superior”, o castelán, ata o punto de que se consideraba vulgar e de mala educación falar galego. Por conseguinte, a mobilidade social implicaba tamén un cambio de lingua, do castelán ao galego. Ademais, este cartel intenta fomentar un sentimento patriótico vinculado de forma exclusiva ao castelán, de xeito que nega a pluralidade lingüística de España. Hoxe en día, aínda se manteñen algúns destes prexuízos que consideran o castelán por riba do galego e, ademais, quedan restos dos comportamentos derivados deles, como por exemplo pon en evidencia o feito de que aínda non aceptemos con normalidade as conversas bilingües. En efecto, cambiar do galego ao castelán cando o interlocutor é castelanfalante continúa a ser un comportamento frecuente, porque isto era o que marcaban as normas de “cortesía” e “educación” da época.
4.2. Sitúe o seguinte texto na época correspondente e indique dúas características lingüísticas fundamentais do galego escrito nela, sempre a partir de exemplos do propio texto. Sinale brevemente un aspecto positivo e outro negativo da situación social do galego neste período (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)
Eu caraiterizaría aos homes do meu tempo preocupados polas cousas do esprito, dicindo qu’eramos -e somos- os auténticos vencidos da vida. (…) O probrema dos inadaptados é un dos grandes probremas das decadenzas. Hai nises tempos d’economía, de políteca e de ténica, unha chea de naturezas estremamente delicadas e coscentes, depositarias das mais depuradas esencias da cultura…. Vicente Risco, “Nós, os inadaptados”, Nós, 1933.
Vicente Risco pertence ao Grupo Nós e é, xunto con Castelao e Otero Pedrayo, un dos creadores da narrativa moderna en lingua galega. Cronoloxicamente situámolos no primeiro terzo do século XX, período no que encontramos desde un punto de vista lingüístico un desexo de afastarse do castelán, polo que son moi habituais os hiperenxebrismos, como “probrema” (2ª liña), en lugar de “problema”, ou “coscentes” (4ª liña), en lugar de “conscientes”. Tamén se manteñen características máis propias do período anterior (Rexurdimento), como os vulgarismos. No texto: “esprito” (1ª liña), en lugar de “espírito”; “políteca”, en lugar de “política” (vacilación vocálica, 3ª liña); “ténica”, en lugar de “técnica” (eliminación do primeiro elemento dun grupo culto, 3ª liña). Ademais, podemos destacar o uso de apóstrofos, como en “qu’eramos”, co fin de reproducir as contraccións vocálicas propias da oralidade. Canto á situación social, neste período asistimos a un avance importante xa que se comeza a usar o galego en intervencións públicas orais, ademais de que se avanza tamén na súa normalización canto á extensión de xéneros literarios e tipos de textos escritos, labor no que destacan a Revista Nós (1920) e o Seminario de Estudos Galegos (1923). Porén, continúa a diminución de falantes e a distribución lingüística en función das clases sociais, vinculándose o castelán coas clases altas e o galego co campesiñado, a excepción destes grupos de intelectuais xa citados.
PREGUNTA 5. Educación literaria:
5. Contextualice o texto de Otero Pedrayo na época literaria correspondente e identifique e explique dúas características do seu estilo narrativo apoiándose no propio fragmento. Indique outros dous narradores máis destacados deste período e sinale unha obra de cada un deles. (Ext. aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)
“Dona Rosiña vive e goberna no pazo da beiramar. Algúns pazos foran gastados, enteiriños, por don Xoán. Mais el sempre se reserva os mobles, e da montaña e da ribeira, dos pazos vendidos a disbarate, chegan retablos dourados de capelas, leitos taraceados, arcaces de fino labor, armas antigas, retratos de frades estáticos, de terribles señores, de donas de opulenta beleza como marmelos outonizos. No pazo de beiramar converxen todos os ríos da ascendencia de don Xoán, e don Xoán no medio dos preciosos mobles cre ser dono de todos os pazos herdados.”
Ramón Otero Predrayo, “O fidalgo”, Contos do camiño e da rúa, 1932.
Otero Pedrayo inclúese no Grupo Nós (1920), que supuxo a modernización da prosa en lingua galega, co cultivo de todo tipo de rexistros (narrativa curta, novela, ensaio…), despois de que, na época anterior, o xénero protagonista do Rexurdimento fose a poesía. En cambio, no primeiro terzo do século XX, período ao que pertence este texto, os escritores pretenden estender o galego a todo tipo de textos escritos e empregalo tamén nas intervencións públicas orais. Neste obxectivo tamén desempeñou un importante papel o Seminario de Estudos Galegos (1923). O estilo narrativo de Otero Pedrayo caracterízase polas oracións longas, como podemos comprobar na segunda deste texto (catro liñas sen puntos), e as descricións moi coidadas con abundante adxectivación, trazo que tamén destaca neste fragmento (“chegan retablos dourados de capelas, leitos taraceados, arcaces de fino labor, armas antigas, retratos de frades estáticos, de terribles señores, de donas de opulenta beleza”). Ademais, a temática das súas obras xira arredor da decadencia da fidalguía galega, que queda patente no texto a través da perda dos pazos, símbolo desta clase social (“Algúns pazos foran gastados, enteiriños, por don Xoán”). Ao Grupo Nós tamén pertencen Castelao, con obras narativas tan relevantes como Cousas, Retrincos ou Os dous de sempre; ou Vicente Risco, do que destaca sobre todo O porco de pé.
PREGUNTA 6. Educación literaria:
6. Analice dúas características deste poema que permitan situalo no seu movemento literario. Contextualíceo historicamente e indique outras dúas correntes poéticas da mesma época, así como un dos seus autores máis representativos e unha das súas obras. (Ext. aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)
Este poema pertence ao primeiro terzo do século XX e, en concreto, ao movemento vangardista, que pretende romper coa poesía anterior e reivindica a arte pola arte, é dicir, a autonomía da arte e a súa finalidade puramente estética. Destacan as características da deshumanización da obra artística, o antirromanticismo e o antisentimentalismo. Aínda que en Galicia a única tendencia puramante vangardista é o creacionismo, temos influencias europeas doutros ismos como o cubismo, o futurismo e o surrealismo. Este texto en concreto inclúese na corrente denominada neotrobadorismo, que non é considerada unha vangarda plena, posto que non se pode falar dunha ruptura total coa tradición, pois os autores mantiveron unha proximidade ética coa realidade galega. O neotrabadorismo xorde pola difusión en Galicia da nosa lírica medieval. Caracterízase por recuperar a temática e os recursos paralelísticos propios da literatura trobadoresca medieval. Así, observamos que este poema é de temática amorosa pois expresa o desexo dun amor correspondido e nel aparece a palabra “amigo” coa acepción de namorado, marca de xénero das cantigas de amigo medievais. Ademais, presenta refrán, é dicir, a repetición dos últimos versos de cada estrofa, neste caso en orde alterna: “Quén poidera namorala! Meu amigo!”. Outras dúas correntes desta época, das vangardas propias da nosa literatura, son:
- Hilozoísmo, cuxo autor máis representativo é Amado Carballo e unha das súas obras Proel.
- Creacionismo, que ten como autor máis significativo a Manuel Antonio, co seu poemario De catro a catro.
Tanto na pregunta 4 como na 5 espérase unha resposta breve, pero redactada, non contestada de xeito esquemático.
CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA Ademais dos contidos de cada pregunta, tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, que se aplicará a todas as preguntas, excepto a 2.
Polo tanto, sobre a cualificación global poderase descontar ata un máximo de 2 puntos por erros.
Estes poderán ser:
- Moi graves: Desconto 0’2 puntos cada un. Solucións alleas ao estándar no nivel morfolóxico e sintáctico, por exemplo o uso de tempos compostos ou a incorrecta colocación dos clíticos. Tamén se considerarán faltas moi graves outro tipo de erros sintácticos, como por exemplo os anacolutos. A raíz dos comentarios do profesorado, modificamos o enunciado desta pregunta con respecto ao ofrecido o curso 1 pasado.
- Graves: Desconto 0’1 puntos cada un. Solucións alleas ao estándar no nivel léxico, por exemplo o emprego de formas como *silla, *hasta ou *random… Tamén se considerará falta grave a incorrecta acentuación diacrítica.
- Leves: Desconto 0’05 puntos cada un. Solucións ortográficas contrarias ao estándar vixente (b/ v, h, *ourense), acentuación non diacrítica, contraccións, etc. Cada dous erros deste tipo descontan, polo tanto, unha décima (0,1).
Unha palabra escrita incorrectamente de forma reiterada só se contabilizará unha vez. Isto non é aplicable á incorrecta colocación dos pronomes, ao emprego de tempos compostos nin á acentuación diacrítica.
2005-2024 |
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional. |