Ramona Giráldez
Foto: Ramona Giraldez, poeta e amiga de ogalego.eu

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Educación literaria, ABAU, tema 1. A poesía das Irmandades da Fala. Características, autores e obras representativas.


-Recomendan unhas 250 palabras e será valorada cun máximo de 2,5 puntos

-Nesta pregunta espérase unha resposta breve, pero redactada, non contestada de xeito esquemático.

-Isto é o complemento teórico, revisa os exames propostos no curso 2022 para ver como tes que responder (preguntas sobre un texto)


 

-Escoitar o texto camiñando, no deporte, cociñando...:

 

O século XX supón en Galicia o nacemento do agrarismo e do nacionalismo, a continuación da emigración e a aparición do movemento obreiro.
O movemento agrario é desde 1907 o auténtico revulsivo social da época. Destaca a Liga Agraria de Acción Gallega, dirixida por Basilio Álvarez.
En 1916 xorden na Coruña as Irmandades da Fala. O seu obxectivo máis inmediato é a defensa do idioma galego para recuperar a cultura.
Na poesía a entrada do século XX non supuxo un cambio no panorama literario galego senón que continuaron as liñas iniciadas no Rexurdimento.

O primeiro que marca timidamente o comezo de novos camiños é Antonio Noriega Varela, o máis destacado representante dunha xeración de transición: por unha parte acepta o popularismo, o costumismo e o sentido cívico dos predecesores, pero por outra podemos ver nel certos influxos do modernismo e da literatura portuguesa. 
Escribiu unha soa obra ampliada durante toda a súa vida: en 1904 o título é Montañesas; desde 1920, denominarase Do ermo. Hai nel dúas liñas:
Poesía costumista (coma no século XIX): descrición da vida rural, desde unha óptica conservadora que reacciona contra toda novidade e innovación porque desfigura a súa esencia enxebre. Tamén escribiu poesía cívica, relacionada co agrarismo e suprimida en edicións posteriores.
* Poesía lírica da montaña (=montañesa). Poética franciscana: tenrura e amor pola paisaxe montañesa, polos compoñentes máis humildes desa paisaxe e non polos máis grandilocuentes ou vistosos. Neste apartado encádranse 21 sonetos literariamente moito máis traballados.

Pero o poeta máis destacado da época é Ramón Cabanillas (1876-1959): O Poeta da Raza. Recolle a inquedanza de Rosalía, o celtismo de Pondal e a protesta de Curros introducindo elementos renovadores modernistas.

Etapas:
1. Etapa pregaleguista ou agrarista No Desterro (1913) e Vento Mareiro (1915). Nos dous libros altérnanse poemas de carácter intimista, costumista e agrarista (anticaciquil). Estes últimos, rabiosos e incendiarios, que mostran a súa solidariedade cos labregos na súa loita pola redención dos foros, son os máis coñecidos. Algúns poemas como Acción gallega ou A Basilio Álvarez chegan a ser verdadeiros símbolos populares e converten a Cabanillas en herdeiro natural de Curros. Hai tamén poemas costumistas de influencia modernista.
2. Etapa galeguista (ata 1920). O libro representativo é Da Terra Asoballada (1917). Cabanillas convértese no poeta civil de Galicia. A oposición xa non é cacique/labrego, senón Galicia/Castela.
3. Etapa mítica (1921-30). No 1926 escribe tres longos poemas narrativos: A espada EscaliborO  cabaleiro do Sant-Grial e O soño do rei Artur, que compoñen o libro Na Noite estrelecida. Cabanillas emprende unha actualización da materia de Bretaña, galeguizándoa e adaptándoa para conseguir unha mensaxe nacionalista. E unha reconstrución mítica do pasado. 
4. Etapa de posguerra (1950-59) Non escribe poesía entre 1930-1950. Os seus últimos libros son Da miña zanfona (1954) e Samos (1958), libros cheos de desenganos e morriña. Neste último, evocador e panteísta, Cabanillas recupera a súa maior altura poética.

(479 palabras)


Versión máis longa, 604 palabras,

O século XX supón en Galicia o nacemento do agrarismo e do nacionalismo, a continuación da emigración e a aparición do movemento obreiro.
O movemento agrario é desde 1907 o auténtico revulsivo social da época. Destaca a Liga Agraria de Acción Gallega (1912), dirixida por Basilio Álvarez; fortemente perseguida, vai esmorecer cara a 1915, mais esta presión social en contra dos foros consegue a lei de redención dos foros na Ditadura de Primo de Rivera en 1926.
En 1916 xorden na Coruña as Irmandades da Fala, que axiña se estenden por toda a Galicia. O seu obxectivo máis inmediato é a defensa do idioma galego para recuperar a cultura. No 1918 decláranse nacionalistas, mais no 1922 escindiranse nunha liña política e outra cultural, arredor desta nacerá a revista Nós.
Na poesía a entrada do século XX non supuxo un cambio no panorama literario galego senón que continuaron as liñas iniciadas no Rexurdimento, con autores como Leiras Pulpeiro ou Lugrís Freire.

O primeiro que marca timidamente o comezo de novos camiños é Antonio Noriega Varela (1869-1947). Podemos consideralo o máis destacado representante dunha xeración de transición ou “antre dous séculos”(Méndez Ferrín): por unha parte acepta o popularismo, o costumismo e o sentido cívico dos predecesores, pero por outra podemos ver nel certos influxos do modernismo e da literatura portuguesa. 
Escribiu unha soa obra ampliada durante toda a súa vida: en 1904 o título é Montañesas; desde 1920, denominarase Do ermo. O cambio de título marca un cambio de tendencia na súa obra, con dúas liñas:
poesía costumista (coma no XIX): descrición da vida rural, desde unha óptica conservadora que reacciona contra toda novidade e innovación porque desfigura a súa esencia enxebre. Tamén escribiu poesía cívica, relacionada co agrarismo e suprimida en edicións posteriores.
* poesía lírica da montaña (=montañesa). Poética franciscana: tenrura e amor pola paisaxe montañesa, polos compoñentes máis humildes desa paisaxe e non polos máis grandilocuentes ou vistosos. Neste apartado encádranse 21 sonetos literariamente moito máis traballados e lingüisticamente máis cultos; moi influenciados polos autores portugueses Antero de Quental e fundamentalmente o seu amigo saudosista Teixeira de Pascoaes.

Pero o poeta máis destacado da época das Irmandades é Ramón Cabanillas (1876-1959): O Poeta da Raza. Recolle a inquedanza de Rosalía, o celtismo de Pondal e a protesta de Curros (toda a nosa tradición)  introducindo elementos renovadores modernistas. Pódense distinguir catro etapas na súa obra:
1. Etapa pregaleguista ou agrarista No Desterro (1913) e Vento Mareiro (1915). De forma e temática do Rexurdimento (Rosalía e Curros), nos dous libros altérnanse poemas de carácter intimista, costumista e agrarista (anticaciquil). Estes últimos, rabiosos e incendiarios, que mostran a súa solidariedade cos labregos na súa loita pola redención dos foros, son os máis coñecidos. Algúns poemas como Acción gallega ou A Basilio Álvarez chegan a ser verdadeiros símbolos populares e converten a Cabanillas en herdeiro natural de Curros. Hai tamén poemas costumistas de influencia modernista.
2. Etapa galeguista (ata 1920). O libro representativo é Da Terra Asoballada (1917). Cabanillas convértese no poeta civil de Galicia. A oposición xa non é cacique/labrego, senón Galicia/Castela.
3. Etapa mítica (1921-30). No 1926 escribe tres longos poemas narrativos: A espada EscaliborO  cabaleiro do Sant-Grial e O soño do rei Artur, que compoñen o libro Na Noite estrelecida. Cabanillas emprende unha actualización da materia de Bretaña, galeguizándoa e adaptándoa para conseguir unha mensaxe nacionalista. É unha reconstrución mítica do pasado. 
4. Etapa de posguerra (1950-59). Non escribe poesía entre 1930-1950. Os seus últimos libros son Da miña zanfona (1954) e Samos (1958), libros cheos de desenganos e morriña. Neste último, evocador e panteísta, Cabanillas recupera a súa maior altura poética.


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.