ogalego.eu - ogalego.gal

Manuel Jabois

Manuel Jabois, homenaxe de ogalego.eu (Foto wikipedia)

Anxo González Guerra//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. ABAU


Proba de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade

Exames do curso 2019-2020


Xullo: Opción única

Setembro-Extraordinario: Opción única


XULLO 2020

LINGUA GALEGA E LITERATURA II

O exame consta de 7 preguntas de 2 puntos cada unha, das que poderá responder un MÁXIMO DE 5, combinadas como queira. Se responde máis preguntas das permitidas, só se corrixirán as 5 primeiras respondidas.

PREGUNTA 1. Comprensión do texto
1.1. Resuma brevemente a conversa desenvolvida neste fragmento da novela O ceo das reixas. (1 punto)
1.2. Explique o significado que teñen no texto as dúas expresións subliñadas: “estragaron a herdanza que lles deixaran”; “se queres pan, hai que prender o forno”. (1 punto)

— Fina…, como conseguiades que se vendese todo o que produciades? Cal era o segredo?
Hoxe chámanlle orgánico, antes era simplemente natural… Se as miñas burras pacen unha boa herba, terán un bo leite e eu un mellor xabón… Se as miñas churras teñen un millo sen químicos, os ovos saberán ao seu… Só é cuestión de lóxica… Moita xente da aldea deixouse embarullar polos contos dos sulfatos e demais trapalladas. Metéronlle pos ao leite, medicinas ás galiñas… e… O peor de todo: pensaban que a terra tiña que ser alimentada con cousas fabricadas por máquinas… Estragaron a herdanza que lles deixaran… Moita xentiña tivo que embaular as súas pertenzas e marchou para as cidades ou para outros países…, mentres nós seguiamos medrando… día tras día.
— Como mercadotecnia é fantástico, pero…, Fina, algún praguicida teriades que botarlle… Aínda que fose para o escaravello das patacas…
— Pois non! E iso era o segredo das nosas colleitas…
— Mentes!
— Para que…? pregúntolle-. Que gañaría con contarche unha mentira…?
— Enlearme… Non podes vivir no século XXI sen produtos químicos…
— Xa o comprobarás por ti mesma, Noelia… Chegará ese día… Agora non é o momento de entrar nun debate sen fin… As persoas pídenlle á terra producir sen esforzo, coma se fose maxia… e o conto non vai así… Se queres respecto, hai que gañalo; se queres pan, hai que prender o forno

Eli Ríos. O ceo das reixas.

PREGUNTA 2. Lingua e gramática
2.1. Segmente morfoloxicamente as seguintes palabras do texto de Eli Ríos e indique o valor de cada morfema: “embaular”, “países”, “mercadotecnia”, “praguicida”. (1 punto)
2.2. Analice sintacticamente o seguinte enunciado: Estragaron a herdanza que lles deixaran. (1 punto)

PREGUNTA 3. Produción textualHoxe chámanlle orgánico, antes era simplemente natural… Redacte un texto no que exprese a súa opinión sobre o tema da agricultura orgánica ou ecolóxica e a súa rendibilidade na sociedade actual. (Extensión aproximada 200-250 palabras) (2 puntos)

PREGUNTA. 4 Lingua e gramática
4.1. Escolla unha palabra do texto de Marcos Pérez que poida funcionar como hiperónimo e propoña tres posibles hipónimos pertencentes ao seu campo semántico. (1 punto)
4.2. Indique a clase de palabra das catro formas que subliñadas no texto. Copie en cada caso a oración na que están incluídas. (1 punto)

A axencia Arela Comunicación Sostible decidiu lanzar unha selección de pequenas tendas galegas que realizan vendas online. É un xeito de competir co black friday e, en xeral, coa dura competencia que exerce o gran comercio. Unha forma, tamén, de dar a coñecer a produción de calidade elaborada por profesionais locais, e de facilitar o contacto co consumidor final. Pensado, ademais, nas compras de Nadal e Reis.
Cos pés na Terra e os produtos na nube é o nome da páxina, que aparece dividida en seccións: agasallos, alimentación, artesanía, beleza, decoración, libros, mascotas, nenas e nenos, xardín, xogos... A web inclúe polo de agora un cento de tendas, pero continúa en actualización, incorporando novos comercios e produtos.
Dende Arela destacan que "as compras online e as tendas en liña forman parte do noso día a día como consumidores" e que na actualidade "os xigantes do comercio online captan a maior parte das compras na rede e os usuarios deixamos de comprar nas nosas tendas de proximidade porque consideramos que é máis rápido e fácil comprar en Amazon, AliExpress…".
"Queremos amosar que hai alternativas", din, subliñando que en Galicia hai empresas "que están traballando moi duro para ter visibilidade, con ideas moi boas e con produtos de gran calidade". E engade que "compartir esta listaxe de tendas en liña galegas, comprar e recomendar os seus produtos, tamén é defender o comercio local", pois "existe un tecido moi importante de pequenos e medianos e-commerce distribuídos por toda a xeografía galega, creando postos de traballo e contribuíndo ao futuro de lugares pequenos”.

Marcos Pérez Pena. Praza. 26/11/2019 (adaptación).

PREGUNTA 5. Produción textual
Redacte un texto no que expoña, de maneira argumentada, a súa opinión persoal sobre a viabilidade do pequeno comercio na actualidade. (Extensión aproximada 200-250 palabras) (2 puntos)

PREGUNTA 6. Lingua e sociedade.
Escolla e desenvolva un dos tres apartados:
6.1. Historia da normativización: a construción da variedade estándar, interferencias e desviacións da norma. (Extensión aproximada 200-250 palabras) (2 puntos)
6.2. O galego, lingua en vías de normalización. (Extensión aproximada 200-250 palabras) (2 puntos)
6.3. O galego no primeiro terzo do século XX: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística. (Extensión aproximada 200-250 palabras) (2 puntos)

PREGUNTA 7. Literatura.
Escolla e desenvolva un dos catro apartados:
7.1. A prosa do primeiro terzo do XX: as Irmandades e o Grupo Nós (narrativa, ensaio e xornalismo). (Extensión aproximada 400 palabras) (2 puntos)
7.2. A poesía entre 1936 e 1975: a Xeración do 36, a Promoción de Enlace, a Xeración das Festas Minervais. (Extensión aproximada 400 palabras) (2 puntos)
7.3. O teatro galego entre 1936 e 1975: a Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia. (Extensión aproximada 400 palabras) (2 puntos)
7.4. A prosa de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Prosistas e tendencias actuais máis relevantes. (Extensión aproximada 400 palabras) (2 puntos)


Criterios de avaliación ABAU

Pregunta 1
1.1. (1 punto).

Valórase que o alumnado redacte un resumo no que recolla as ideas principais do texto, con coherencia e cohesión.
1.2. (1 punto).
0,50 puntos cada expresión adecuadamente explicada.

Pregunta 2
2.1. (1 punto)
0,25 cada palabra correctamente segmentada e analizada.
0,10 p. se está ben segmentada
0,15 p. se se indica o valor correcto dos morfemas.
2.2. (1 punto)
1 punto desagregado da seguinte maneira:
Recoñecemento de funcións principais:
-0,25: CD
-0,25: que, pr. rel. de CD
-0,25: pronome de CI.
-0,25: Identificación de frases e clases de palabras (por cada unha mal identificada: -0,1).

Pregunta 3. (2 puntos).
Valórase a capacidade para producir un texto que sexa argumentativo, coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente. Os 2 puntos desagregaranse do seguinte xeito:
- 1) Construción textual (contido e estrutura): 0,7 puntos. Valorarase:
1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns) como a “orixinalidade” gratuíta.
1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, así como non introducir contradicións.
1.c) A organización da información: estruturación do texto (e.g., introdución, desenvolvemento, conclusións), argumentación, organización en parágrafos.
- 2) Adecuación léxico-gramatical: 0,6 puntos. Valorarase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade e dos textos espontáneos e non planificados como os que amosan un requintamento afectado. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos, é dicir, evitar as repeticións mediante o emprego dos recursos de cohesión.
- 3) Corrección ortográfica e gramatical: 0,7 puntos. Valorarase o correcto dominio da ortografía, dos signos de puntuación e da gramaticalidade das construcións sintácticas e das escollas morfolóxicas, desde o punto de vista do galego estándar. No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación consonte os criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta. Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.

4.1. (1 punto)
O hiperónimo: 0,25.
Cada un dos hipónimos propostos: 0,25.
Exemplos de posibles hiperónimos: os que se recollen no texto como exemplos das distintas seccións nas que aparece dividida a páxina web: agasallos, alimentacion, artesanía, beleza, decoración, mascotas, xogos… Pero pode ser outro, sempre e cando apareza no texto. Os hipónimos non teñen que aparecer no texto.

4.2. (1 punto) Cada “que” analizado correctamente: 0,25. Non se pide a función, polo tanto non se valora. Valorarase que distingan o pronome relativo da conxunción, polo que é necesario que copien parte da oración na que están incluídos, para saber a cal se refiren en cada caso (xa que este ano non están numeradas as liñas do texto). Tamén aceptamos que identifiquen os “que” por orde numérica de aparición no texto ou pola liña na que están. Pero non valoraremos os “que” non identificados.
- pequenas tendas galegas que realizan vendas online: pronome relativo.
- dura competencia que exerce o gran comercio: pronome relativo.
- Dende Arela destacan que “as compras online e as tendas…”: conxunción (subordinada).
- Queremos amosar que hai alternativas: conxunción (subordinada).

Pregunta 5. (2 puntos).
Aplicaranse os mesmos criterios expostos na pregunta 3.

Pregunta 6 (2 puntos).
Agárdase unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa propia puntuación da pregunta e co tempo de que se dispón para o exame. Valorarase a adecuada selección e presentación da información máis relevante sobre o tema escollido, evitando as divagacións e as xeneralidades pouco informativas. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

Pregunta 7 (2 puntos).

Valorarase a adecuada inclusión dos seguintes elementos sobre o tema escollido:
a) Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias…
b) Información acerca dos principais autores dun período ou corrente. Esta información non só debe facer referencia ás principais obras senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores.
c) Información acerca do que un grupo, autor ou época supuxeron na historia da literatura galega.
Non se considerarán correctas respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras.
A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA
Ademais dos contidos de cada pregunta, tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, polo que sobre a cualificación global se poderá descontar ata un máximo de 2 puntos por erros.

Estes poderán ser:
—Moi graves: Desconto 0’2 puntos c/u. Solucións alleas ao sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colocación dos clíticos…).
—Graves: Desconto 0’1 puntos c/u. Solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y), acentuación diacrítica...
—Leves: Desconto 0’05 puntos c/u. Solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica.
Estas penalizacións non se aplicarán sobre as preguntas 3 nin 5, pois xa van incluídas nas propias valoracións destas preguntas.


SETEMBRO 2020

LINGUA GALEGA E LITERATURA II

O exame consta de 7 preguntas de 2 puntos cada unha, das que poderá responder un MÁXIMO DE 5, combinadas como queira. Se responde máis preguntas das permitidas, só se corrixirán as 5 primeiras respondidas.

PREGUNTA 1. Comprensión do texto
1.1. . Elabore un esquema coas ideas principais e secundarias do texto. (1 punto)
1.2. Explique o significado que teñen no texto as seguintes palabras: “mito”, “negación”, “emerxencia”, “desacreditar” (en verde no texto). Non son válidas as respostas só con sinónimos. (1 punto)

“Falsos mitos sobre o cambio climático”

A ciencia do cambio climático ten máis de 150 anos e é, probablemente, a área máis estudada de todas cantas conforman a ciencia moderna. Con todo, a industria enerxética e os grupos de presión políticos, entre outros, levan 30 anos sementando a dúbida sobre o cambio climático onde non a hai. As últimas investigacións estiman que as cinco compañías petroleiras e de gas máis grandes do mundo dedican ao redor de 200 millóns de dólares ao ano ao mantemento de lobbies que controlan, atrasan ou impiden o desenvolvemento de políticas climáticas de obrigado cumprimento.

A negación organizada do cambio climático está contribuíndo ao estancamento na redución de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) ata desembocar no estado de emerxencia climática global no que nos atopamos. Como consecuencia, que os negacionistas se vallan de certos mitos (no mellor dos casos, noticias falsas; no peor, descaradas mentiras) para desautorizar a ciencia do cambio climático pode facer que as persoas do común non saiban a que aterse. A continuación expoñemos dous destes mitos e as probas científicas que os desacreditan.

1. O cambio climático non é máis que unha parte do ciclo natural.

O clima da Terra nunca deixou de cambiar, pero o estudo da paleoclimatoloxía ou, o que é o mesmo, os “climas antigos”, demostra que os cambios acontecidos durante os últimos 150 anos (desde o comezo da Revolución Industrial) non poden ser naturais pola súa excepcionalidade. (…)

2. Os cambios débense ás manchas solares ou aos raios cósmicos.

As manchas solares son rexións da superficie da estrela que albergan unha intensa actividade magnética e poden ir acompañadas de erupcións solares. Aínda que estas manchas posúen a capacidade de modificar o clima da Terra, desde 1978 os científicos están usando sensores en satélites para obter un rexistro da enerxía solar que chega ao planeta e non observaron a existencia dunha tendencia ascendente, polo que non poden ser a causa do quecemento global recente.

Mark Maslin. GCiencia. 27/09/2019 (adaptación).

PREGUNTA 2. Lingua e gramática
2.1. Segmente morfoloxicamente as seguintes palabras do texto de GCiencia e indique o valor de cada morfema: “desenvolvemento”, “invernadoiro”, “negacionista”, “solares” (en vermello no texto). (1 punto)
2.2. Identifique a función sintáctica que desempeñan dentro da oración os catro fragmentos subliñados no texto de GCiencia. Non é necesario que analice os seus compoñentes. ( (1 punto)

PREGUNTA 3. Produción textual. Redacte un texto, no que exprese a súa opinión sobre a cuestión do cambio climático. (Extensión aprox. 200-250 palabras). (2 puntos)

PREGUNTA. 4 Lingua e gramática
4.1. Localice no texto dúas palabras que pertenzan a un mesmo campo semántico. Indique o seu hiperónimo e engada dous termos máis dese mesmo campo. (1 punto)
4.2. Sinale a función sintáctica que desempeña a palabra Laura nos dous casos subliñados no texto e xustifique a súa resposta. (1 punto)

Sempre quixo ser bailarina de ballet, pero acabou de funcionaria de prisións. Non é que sufrise unha lesión ou que tivese a pelve estreita, ou que a distancia entre o xeonllo e a empeña lle impedise impulsarse e voar no escenario. A dicir verdade, o ballet dábaselle ben. Se cadra, mesmo podería bailar en calquera compañía do mundo se quixese, pero non quixo. Un día empezou a darlle preguiza e pouco despois parou de bailar. Nin sequera foi por nihilismo adolescente ou como acto de rebelión. Como diría ela moito tempo despois, foi só que lle pasaron as ganas. E tampouco sentiu que fose ningún drama parar. Sinxelamente, púxose a ser outra cousa.

É raro que alguén pense seriamente en ser funcionaria de prisións. As nenas, cando lles preguntas que queren ser de maiores, non van por aí contestando alegremente “funcionaria de prisións!”, e alardeando de vocación carceraria. No fondo, a ela educárona para ser algo fermoso, e por iso quixo ser bailarina durante tantos anos de infancia. Pero algo se torceu no inmenso aburrimento de tardes de ensaio ao ritmo de corcheas dun piano de estudio.

Segundo a súa nai, estaba predestinada á beleza. Nos días de arrolos e plans, de desexos de futuro e de proxectos posíbeis para unha familia que aínda ía tardar moito en peitear cabelos brancos, os pais decidiron predestinar a Laura.

Foi arredor dos once anos e Laura non sabe por que lle pasou. Simplemente puxo as zapatillas con puntas, os quentadores de la por riba, o xersei fino de punto gris e o cabelo nun moño, mirouse no espello e pensou que aquelas trazas eran as máis aburridas do mundo. Pero aínda tivo que soportar anos de pasos de barra, de escordaduras nos pés, de comidas a base de leituga e de vídeos de Nureyev con bailarinas rusas que danzaban con cara de non sufrir xamais e que gozaban da sorte infinita de saber que o ballet clásico estaba pensado para a constitución física de mulleres que non eran latinas. Nin naqueles días nin despois entendeu Laura como a súa nai podía asumir tan alegremente que ela debía sufrir coa beleza como finalidade.

(Inma López Silva, Aqueles días en que eramos malas, adaptación)

PREGUNTA 5. Produción textual
Redacte un texto no que presente, en primeira persoa, un caso do mesmo tipo ao que lle aconteceu a Laura, en relación á súa vocación profesional (en calquera ámbito). (Extensión aprox. 200-250 palabras) (2 puntos)

PREGUNTA 6. Lingua e sociedade.
Escolla e desenvolva un dos tres apartados:
6.1. Historia da normativización: a construción da variedade estándar, interferencias e desviacións da norma. (Extensión aproximada 200-250 palabras) (2 puntos)
6.2. O galego, lingua en vías de normalización. (Extensión aproximada 200-250 palabras) (2 puntos)
6.3. O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais, contexto histórico e situación sociolingüística. (Extensión aprox. 200-250 palabras) (2 puntos)

PREGUNTA 7. Literatura.
Escolla e desenvolva un dos catro apartados:
7.1. A poesía das vangardas. Características, autores e obras representativas. (Extensión aproximada 400 palabras) (2 puntos)
7.2. O teatro do primeiro terzo do XX: Irmandades, vangardas e Grupo Nós. (Extensión aproximada 400 palabras) (2 puntos)
7.3. A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas. (Extensión aproximada 400 palabras) (2 puntos)
7.4. A poesía de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Poetas e tendencias actuais máis relevantes. (Extensión aprox. 400 palabras) (2 puntos)


Criterios de avaliación ABAU

Pregunta 1. Comprensión do texto.

1.1. (1 punto). Valórase que o alumnado demostre capacidade para seleccionar a información máis relevante e xerarquizala. Debe expresala mediante un esquema; non se acepta un resumo.

1.2. (1 punto). 0,25 puntos cada palabra adecuadamente definida. Se responde só cun sinónimo, 0 puntos.

Pregunta 2. Lingua e gramática.

2.1. (1 punto) 0,25 cada palabra correctamente segmentada e analizada. 0,10 p. se está ben segmentada e 0,15 p. se se indica o valor correcto dos morfemas (de todos eles; un valor mal por palabra xa supón 0 puntos).

-0,25 - Des-envolv-e-mento: raíz (morfema léxico) + morfema flexivo (VT) + morfemas derivativos (prefixo e sufixo).
-0,25 - Invern-a- doiro: raíz (morfema léxico) + morfema flexivo (VT) + morfema derivativo (sufixo).
-0,25 - Nega-cion-ista: raíz (morfema léxico) + morfemas derivativos (sufixos).
0,25 - Sol-ar-es: raíz (morfema léxico) + morfema derivativo (sufixo) + morfema flexivo (de número).

2.2. (1 punto) 0,25 puntos cada función sintáctica ben identificada.

-0,25 a ciencia do cambio climático CD
-0,25 durante os últimos 150 anos CCT
-0,25 As manchas solares SUX.
-0,25 a causa do quecemento global recente ATRIB.

Pregunta 3. Produción textual (2 puntos). Valórase a capacidade para producir un texto que sexa argumentativo, coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente.

Os 2 puntos desagregaranse do seguinte xeito:

1) Construción textual (contido e estrutura). Coherencia: 0,7 puntos. Valórase:
1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns) como a “orixinalidade” gratuíta.
1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, así como non introducir contradicións.
1.c) A organización da información: estruturación do texto (e.g., introdución, desenvolvemento, conclusións), argumentación, organización en parágrafos.

2) Adecuación léxico-gramatical e cohesión: 0,6 puntos. Valórase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade e dos textos espontáneos e non planificados como os que amosan un requintamento afectado. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos, é dicir, evitar as repeticións mediante o emprego dos recursos de cohesión.

3) Corrección ortográfica e gramatical: 0,7 puntos.

Valórase o correcto dominio da ortografía, dos signos de puntuación e da gramaticalidade das construcións sintácticas e das escollas morfolóxicas, desde o punto de vista do galego estándar.

Débense aplicar os mesmos criterios que na valoración ortográfica xeral.

Observación: No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación de acordo cos criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta. Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.

Pregunta 4. Lingua e gramática.

4.1. (1 punto) -

Dúas palabras do mesmo campo semántico (que teñen que estar no texto): 0,25. Se só puxesen unha: 0,1.

- Hiperónimo: 0,25.

- Dous termos máis dese campo semántico: 0,25 por cada un.

Nesta pregunta, tanto no caso do hiperónimo como no dos termos que teñen que engadir, é obrigatorio o uso do galego normativo (en caso contrario, non se contabilizarán e daranse por incorrectas).

Exs.:

0,25
0,25
0,25
0,25
pelve e xeonllo corpo humano brazo perna
quentadores e xersei roupa pantalón camisa

4.2. (1 punto)

0,5 puntos cada caso. 0,25 a función e 0,25 a xustificación

Os pais decidiron predestinar a Laura CD 0,25 Substitución pronominal: predestinala. 0,25
entendeu Laura como a súa nai… SUX. 0,25 Concordancia con verbo en número e persoa: Laura entendeu / as nenas entenderon. Substitución por “ela”. 0,25

Pregunta 5. Produción textual (2 puntos).

Aplícanse os mesmos criterios expostos na pregunta 3, pero neste caso deben redactar un texto narrativo, non argumentativo. Se non o redactan en primeira persoa, como indica o enunciado: penalización de 0,25 puntos.

Pregunta 6. Lingua e sociedade (2 puntos). Agárdase unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa propia puntuación da pregunta e co tempo de que se dispón para o exame. Valorarase a adecuada selección e presentación da 0,25 0,25 0,25 0,25 pelve e xeonllo corpo humano brazo perna quentadores e xersei roupa p

información máis relevante sobre o tema escollido, evitando as divagacións e as xeneralidades pouco informativas. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

Pregunta 7. Literatura (2 puntos).

Valorarase a adecuada inclusión dos seguintes elementos sobre o tema escollido:
a) Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias...
b) Información acerca dos principais autores dun período ou corrente. Esta información non só debe facer referencia ás principais obras senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores.
c) Información acerca do que un grupo, autor ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Non se considerarán correctas respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA

Ademais dos contidos de cada pregunta, tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, que se aplicará a todas as preguntas, excepto a 3 e a 5. Polo tanto, sobre a cualificación global poderase descontar ata un máximo de 2 puntos por erros. Estes poderán ser:
Moi graves: Desconto 0’2 puntos c/u. Solucións alleas ao sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colocación dos clíticos...).
Graves: Desconto 0’1 puntos c/u. Solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y), acentuación diacrítica…
Leves: Desconto 0’05 puntos c/u. Solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica.


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.