Lucía Novas
Foto: Lucía Novas, poeta e amiga de ogalego.eu

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. ABAU. Educación literaria, tema 11. A prosa de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Prosistas e tendencias actuais máis relevantes.

-Escoitar o texto camiñando, no deporte, cociñando...:

 

Nesta nova etapa debemos destacar unha maior diversificación de estilos, de temas e de rexistros lingüísticos: guerra civil e posguerra, novela histórica, experimental, realista, humorística, intimista, ciencia ficción... E a novela negra que será a que maior éxito acade; as novelas de Domingo Villar Ollos de auga, A praia dos afogados, O último barco son éxitos actuais tanto en galego como na tradución castelá. O mesmo acontece con Pedro Feijoo: Os fillos do mar, Memoria da choiva, Os fillos do lume.

Ademais doutros autores xa estudados e que seguen publicando podemos sinalar:
*Carlos Casares comezou coa Nova Narrativa Galega, mais as súas mellores novelas son posteriores e de feitura máis clásica. Ilustrísima é unha breve novela na que un bispo de principios de século en Ourense se ve obrigado por unha sociedade retrógrada e fanática a condenar o cine contra a súa vontade. O sol de verán, publicada despois da súa morte, está narrada por unha muller, Helena, que lembra un amor imposíbel, afectada polo repentino suicidio de Carlos.
*Xosé Manuel Martínez Oca. Ten unha extensa obra de novelas e relatos curtos. Beiramar combina realismo con elementos do mítico popular galego
*Alfredo Conde, obra ampla. Destaca Xa vai o Griffón no vento: narra alternativamente dúas historias; unha que acontece na Compostela do s. XVI, no ambiente da Inquisición, e outra na Provenza actual.
*Xavier Alcalá: tivo moito éxito A nosa cinza: ofrece unha visión da infancia e da mocidade na xeración da posguerra.
*Carlos G. Reigosa, coñecido polas súas novelas detectivescas: Crime en Compostela. En Pepa a loba recrea a vida desta histórica muller.
*Darío Xohán Cabana, fortemente influenciado por Cunqueiro: construción sinxela, fusión de fantasía e realidade, reutilización da materia de Bretaña e da mitoloxía popular. Destaca Galván en Saor.
*Suso de Toro: obra extensa e variada. As súas primeiras obras (Polaroid) son libros fragmentarios, transgresores, con personaxes marxinais e múltiples voces narrativas. As posteriores son máis convencionais. A sombra cazadora: exitosa novela xuvenil de ciencia-ficción; relato iniciático e reflexión sobre o poder manipulador dos medios de comunicación.
*Manuel Rivas: o escritor actual máis coñecido. Comezou con libros de relatos, cheos de humor e lirismo Que me queres, amor?-; na novela O lapis do carpinteiro (1998) narra unha historia de amor ambientada na guerra civil e na posguerra. Os libros arden mal colleitou unha morea de premios.
*Antón Riveiro Coello: temática variada. As rulas de Bakunin: protagonista un vello loitador anarquista, desenvólvese ao longo de case todo o s. XX. Laura no deserto: unha das mellores novelas en galego.
*Xabier Quiroga. Creador de mundos de fición arredor de Monforte e a Ribeira Sacra: Atuado na braña.

Ademais, unha morea de autores e obras de calidade: Víctor Freixanes, Xesús Constela, Xosé Monteagudo -Todo canto fomos-, Manuel Lourenzo González, Xosé Ramón Pena, Manuel Portas ...

Nos últimos anos está a producirse un boom de narrativa de mulleres: protagonismo feminino, cuestionamento dos valores patriarcais e dos roles tradicionais, as relacións entre mulleres...Rosa Aneiros, Teresa Moure, María Reimóndez , Inma López Silva, Anxos Sumai...

Mención á parte merece a literatura infantil e xuvenil: Paco Martín -Das cousas de Ramón Lamote-, Marilar Aleixandre -A expedición do Pacífico-, Fina Casalderrey -O misterio dos fillos de Lúa-, Francisco Castro -Chamádeme Simbad-, Ramón Caride Ogando -Perigo vexetal-, Agustín Fernández Paz -o autor de máis éxito, Cartas de invernoAire negro-. E outros moitos (Ledicia Costas, Andrea Maceiras...) que levaron a nosa literatura xuvenil a unha altura nunca antes vista nin soñada. Tamén María Victoria Moreno: Anagnórise.
(579 palabras)


Cómpre personalizar a resposta para non reproducir exactamente o tema tal e como aquí figura: cambiar palabras, a orde, introducir algún dato novo, etc. Hai que evitar que o corrector se encontre cunha resposta igual a moitas outras.

Non se considerarán correctas as respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. Valorarase o tratamento, no tema escollido, dos seguintes elementos:
• Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias, etc.
• Información acerca dos principais autores/as dun período ou corrente. Esta non só debe facer referencia ás obras máis importantes senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores/as.
• Información acerca do que un grupo, autor/a ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Como extensión orientativa podemos establecer unhas 400 palabras, aproximadamente. Cómpre non obstante ter en conta que neste caso a extensión pode ser moi variable dependendo de que o alumnado opte por unha redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.


Versión máis longa (905 palabras):

Como característica desta nova etapa debemos destacar unha maior diversificación en todos os aspectos, de estilos, de temas e de rexistros lingüísticos:
a) Publícanse parte das novelas centradas na guerra civil e posguerra, case todas escritas moitos anos antes no exilio.
b) Narrativa histórica, con introdución de elementos fantásticos ou de aventuras
c) Narrativa de xénero: do oeste , ciencia-ficción , erótica. E novela negra (Carlos G. Reigosa...) que será a que maior éxito acade, as novelas de Domingo Villar Ollos de auga, A praia dos afogados, O último barco son éxitos actuais tanto en galego como na tradución castelá. O mesmo acontece con Pedro Feijoo: Os fillos do mar, Memoria da choiva, Os fillos do lume. Ou Arantza Portabales: Beleza vermella.
d) Narrativa experimental
e) Narrativa realista
f) Narrativa humorística
g) Narrativa fantástica, en boa parte influenciada por Cunqueiro
h) Narrativa intimista
i) Narrativa urbana e experimental
Ademais doutros autores xa estudados en temas anteriores e que seguen publicando podemos sinalar:
*Carlos Casares (1941-2002) comezou coa Nova Narrativa Galega, mais as súas mellores novelas son posteriores e de feitura moito máis clásica. A súa prosa é sinxela pero moi traballada, para resultar natural e interesar a un amplo número de lectores. Ilustrísima é unha breve novela na que un bispo de principios de século en Ourense se ve obrigado por unha sociedade retrógrada e fanática a condenar o cine contra a súa vontade. O sol de verán, publicada pouco despois da súa morte está narrada por unha muller, Helena, que lembra un amor imposíbel, afectada polo repentino suicidio de Carlos.
*Xosé Manuel Martínez Oca. Ten unha extensa obra de novelas e relatos curtos. En Beiramar, combina realismo con elementos do mítico popular galego
*Alfredo Conde, cunha ampla obra na que destacamos Xa vai o Griffón no vento: narra alternativamente dúas historias; unha que acontece na Compostela do s. XVI, no ambiente da Inquisición, e outra na Provenza actual.
*Xavier Alcalá: A novela que, ata o momento, gozou de maior éxito foi A nosa cinza na que nos ofrece unha visión da infancia e a mocidade da xeración da posguerra.
*Carlos G. Reigosa, coñecido principalmente polas súas novelas detectivescas: Crime en Compostela. En Pepa a loba recrea a vida desta histórica muller.
*Darío Xohán Cabana: O seu mundo narrativo está fortemente influenciado por Cunqueiro: construción sinxela, fusión de fantasía e realidade, reutilización da materia de Bretaña e da mitoloxía popular, Galván en Saor é a máis representativa. 
*Suso de Toro: Ten unha obra extensa e moi variada. As súas primeiras obras (Polaroid) son libros fragmentarios, transgresores, con personaxes marxinais, múltiples voces narrativas. As súas obras posteriores son máis convencionais. A sombra cazadora é unha exitosa novela xuvenil de ciencia-ficción, ao mesmo tempo que un relato iniciático e unha reflexión sobre o poder manipulador dos medios de comunicación.
*Manuel Rivas: É o escritor actual con maior proxección editorial e mediática, dentro e fóra das nosas fronteiras. As súas primeiras obras no campo da narrativa foron libros de relatos, cheos de humor e lirismo -Que me queres, amor?-; entre as novelas sobresae O lapis do carpinteiro (1998) onde narra unha historia de amor ambientada na guerra civil e na inmediata posguerra; ambas as dúas obras foron levadas con éxito ao cine. E entre outras, a monumental: Os libros arden mal, que colleitou unha morea de premios.
*Antón Riveiro Coello: cultiva unha temática moi variada (desde o xénero negro ata a evocación da infancia) nos moitos relatos e novelas publicados ata o momento. As rulas de Bakunin está protagonizada por un vello loitador anarquista e desenvólvese ao longo de case todo o s. XX. Laura no deserto é unha das mellores novelas dos últimos anos en galego.
*Xabier Quiroga. Un dos narradores máis interesantes dos últimos anos, creador de mundos de fición arredor de Monforte e a Ribeira Sacra: Atuado na braña, Zapatillas rotas, Izan o da saca.
Ademais, unha morea de autores e obras de calidade merecen ser citados. Víctor Freixanes (O triángulo inscrito na circunferencia), Xesús Constela (As humanas proporcións), Xosé Monteagudo (Todo canto fomos), Manuel Lourenzo González (O xardín das pedras flotantes), Xosé Ramón Pena (Para despois do adeus), Manuel Portas (Lourenço jograr) etc.

Nos últimos anos desta etapa está a producirse un boom de narrativa de mulleres (como sucedera pouco antes na poesía) que aínda sendo moi variada posúe algúns trazos comúns: protagonismo feminino, cuestionamento dos valores patriarcais e dos roles tradicionais, as relacións entre mulleres... Rosa Aneiros, Teresa MoureHerba moura ambientada no s. XVI en Suecia e Ámsterdam-, María Reimóndez -O club da calceta, trata sobre a condición feminina na sociedade actual a través de seis protagonistas moi diferentes-, Inma López Silva, Anxos Sumai.

Mención á parte merece a literatura infantil e xuvenil (frecuentemente premiada fóra das nosas fronteiras). Algúns dos seus autores, aínda que ningún deles se dedica en exclusiva a este xénero son: Paco Martín: - a máis lida, premiada e traducida de toda a súa obra é Das cousas de Ramón Lamote-, Marilar Aleixandre -A expedición do Pacífico-, Fina Casalderrey -O misterio dos fillos de Lúa-, Francisco Castro -Chamádeme Simbad, traducido a moitos idiomas-, Ramón Caride Ogando -Perigo vexetal-, Agustín Fernández Paz: o autor de máis éxito, traducido a moitos idiomas -Cartas de invernoAire negro-, María Victoria Moreno:Anagnórise. E outros moitos autores e autoras (Ledicia Costas -a que máis éxitos acada- Andrea Maceiras...) que levaron a nosa literatura xuvenil a unha altura nunca antes vista nin soñada.


Non se considerarán correctas as respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. Valorarase o tratamento, no tema escollido, dos seguintes elementos:
• Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias, etc.
• Información acerca dos principais autores/as dun período ou corrente. Esta non só debe facer referencia ás obras máis importantes senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores/as.
• Información acerca do que un grupo, autor/a ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Como extensión orientativa podemos establecer unhas 400 palabras, aproximadamente. Cómpre non obstante ter en conta que neste caso a extensión pode ser moi variable dependendo de que o alumnado opte por unha redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.



Os consellos de Xosé Manuel Calvo para a cuestión nº 5/6 (literatura):

Recomendan unhas 400 palabras e será valorada cun máximo de 2,5 puntos. Non debería ocuparche máis de 25 minutos e tamén deberías ser consciente de que algunha cuestión se pode desenvolver suficientemente en menos liñas ca outras que requiren máis espazo. Daquela tamén debemos facer a pre-escrita na casa e levar sabido un esquema persoal cos contidos que pensamos desenvolver, conscientes asemade de que aquelas exposicións que denoten unha reprodución puramente memorística poderían ser penalizadas ao igual que na sexta pregunta. O alumnado que aspire á puntuación máxima debe ter moi claro o que vai responder en cada unha das 12 cuestións en que se pregunta sobre a historia da nosa literatura no século XX. Ao contrario, aquel alumnado que non aspire a nota ou non leve ben preparadas estas cuestións teóricas podería ao final do exame, se lle sobrar tempo, elaborar unha redacción con aqueles contidos que recorde sabendo que hai autores e obras que poderían entrar en máis dunha das 12 cuestións propostas e, non deixando a pregunta en branco, optar a parte da súa puntuación.

OLLO: procura centrarte antes nas características xerais de contexto histórico, cultural e literario ca en pretender dar unha lista exhaustiva de autores e obras. De non ter seguridade, é preferíbel non citar unha obra nin atribuírlla a un autor indebidamente. Nalgún caso erros de vulto deste estilo, como confundir Cuevillas con Cabanillas, atribuírlle unha obra clásica de Castelao a outro autor e un moi longo etcétera, teñen penalizado  altamente a puntuación desta cuestión. Por outra parte, tamén sucede a miúdo que alumnado normalmente moi estudoso e de gran capacidade de memorización, por estenderse demasiado nesta pregunta, perde moito tempo e logo fai  moi ás presas o resto do exame coa conseguinte perda de precisión e castigo dobre na nota final.


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.