ogalego.eu - ogalego.gal

Tamara Andrés
Foto: Tamara Andrés, escritora e amiga de ogalego.eu

Anxo González Guerra//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Educación literaria, ABAU, tema 4. O teatro do primeiro terzo do XX: Irmandades, vangardas e Grupo Nós.

-Escoitar o texto camiñando, no deporte, cociñando...:

 

Coas Irmandades da Fala o teatro deixa de ser un divertimento para converterse nunha arma política, reivindicativa. Diversifícase a oferta teatral: teatro histórico, social (denuncia da emigración e caciquismo), señorial (de pazo fidalgo), cómico, infantil e comedia burguesa. En 1919 a Irmandade da Coruña crea o Conservatorio Nazonal de Arte Galega, que fará máis de cen representacións por ano, e outras Irmandades organizan tamén as súas "agrupacións artísticas".
Os autores máis destacados son:
-Ramón Cabanillas. A man de Santiña: unha comedia en prosa na que por primeira vez as clases señoriais falan en galego. O Mariscal: escrito por iniciativa de Vilar Ponte, drama histórico en verso que nos presenta o mariscal Pero Pardo de Cela como abandeirado da oposición galega ao centralismo polo seu enfrontamento cos Reis Católicos.
-Armando Cotarelo Valledor. Hostia. Autor dunha variada obra destacando a traxedia histórica sobre a execución de Prisciliano.
-X. Quintanilla. Escribiu Alén para demostrar a universalidade da lingua galega, que en galego se poden tratar temas non galegos. O escenario físico é Nova York; o ambiente, unha sesión de espiritismo, aínda que a acción decorre no interior das personaxes.

O Grupo Nós non utilizou o teatro como arma política ou pedagóxica pero si lle deu un pulo extraordinario desde o punto de vista literario, facéndoo participar tamén das correntes europeas.
-Vicente Risco escribiu unha única peza teatral, O bufón de El Rei, drama simbolista que relaciona deformidade física e moral.
-Ramón Otero Pedrayo escribiu unha extensa obra teatral. As súas obras teatrais son máis apropiadas para a lectura que para a representación escénica.
*A lagarada é unha traxedia rural na que se evoca o poder demoníaco do viño. As forzas dominantes no drama son todas primitivas e elementais; os personaxes son populares, campesiños, vendimadores, cregos... retratados cun enfoque naturalista. Como contrapunto poético, introduce varias escenas líricas de carácter fantástico, onde os personaxes son as pipas da adega, a sombra dun arrieiro morto ou as fadas dos montes.
*Teatro de máscaras. Son 16 pezas a xeito de guións ou bocexos esquemáticos para pezas teatrais; o seu carácter esquemático e incompleto é compatible cunha concepción dramática moi moderna.
-CastelaoOs vellos non deben de namorarse (estreada en Bos Aires). Concibía o teatro como un espectáculo global, polo que adquiren unha grande importancia os artificios escenográficos (iluminación, decorados, máscaras dos personaxes...) e utiliza tamén outras artes, como a música. O motivo do vello namorado repítese tres veces, en tres versións diferentes, nos tres lances. En cada un hai un vello namorado, unha moza e un mozo rival. A morte intervén como personaxe para advertir aos vellos. Finaliza cun epílogo no que aparecen os tres vellos xuntos, mortos, no cemiterio para arrepentírense do seu namoramento e coñecer novas das súas mozas.

-Rafael Dieste é o autor teatral da Xeración dos vangardistas. A fiestra baldeira é unha comedia simbólica sobre a identidade (individual e colectiva). O ambiente é mariñeiro.
(481 palabras)


Cómpre personalizar a resposta para non reproducir exactamente o tema tal e como aquí figura: cambiar palabras, a orde, introducir algún dato novo, etc. Hai que evitar que o corrector se encontre cunha resposta igual a moitas outras.

Non se considerarán correctas as respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. Valorarase o tratamento, no tema escollido, dos seguintes elementos:
• Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias, etc.
• Información acerca dos principais autores/as dun período ou corrente. Esta non só debe facer referencia ás obras máis importantes senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores/as.
• Información acerca do que un grupo, autor/a ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Como extensión orientativa podemos establecer unhas 400 palabras, aproximadamente. Cómpre non obstante ter en conta que neste caso a extensión pode ser moi variable dependendo de que o alumnado opte por unha redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.


Versión máis ampla (800 palabras) máis axeitada para unha redacción esquemática:

O teatro é o xénero menos cultivado da literatura galega, por dúas razóns fundamentais:
*A exclusión da lingua galega dos espazos públicos cultos debido á diglosia (e o teatro é un espectáculo social fundamentalmente burgués). 
*As sucesivas prohibicións de representar en linguas diferentes ao castelán.
A fonte do xuramento (1882) marca o inicio do teatro moderno; de temática case exclusivamente rural; de extensión breve, dominado polo costumismo, con diálogos choqueiros e personaxes tópicos.
Coas Irmandades da Fala o teatro deixa de ser un divertimento para converterse nunha arma política, reivindicativa. Diversifícase a oferta teatral: teatro histórico, social (denuncia da emigración e caciquismo), señorial (de pazo fidalgo), cómico, infantil e comedia burguesa. En 1919 a Irmandade da Coruña crea o Conservatorio Nazonal de Arte Galega, que fará máis de cen representacións por ano, e outras Irmandades organizan tamén as súas "agrupacións artísticas".
Pero aínda así, o teatro non tivo verdadeira tradición na nosa literatura, polas razóns xa expostas e porque axiña tivo que competir co cine.
Os autores máis interesantes son:
-Ramón CabanillasA man de Santiña (1921), no debut do Conservatorio, é unha comedia en prosa na que por primeira vez as clases señoriais falan en galego. En 1926 publicou O Mariscal, escrito por iniciativa de Vilar Ponte, drama histórico en verso que nos presenta o mariscal Pero Pardo de Cela como abandeirado da oposición galega ao centralismo polo seu enfrontamento cos Reis Católicos.
-Armando Cotarelo Valledor, dominador da técnica teatral, foi autor dunha variada obra destacando a traxedia histórica sobre a execución de Prisciliano, Hostia (1926). Toda a súa obra ten unha grande preocupación pola psicoloxía das personaxes e unha complexa construción teatral, decote cunha grande poetización e riqueza léxica.
-X. Quintanilla é autor de Alén (1921), escrita para demostrar a universalidade da lingua galega, que en galego se poden tratar temas non galegos: o escenario físico é Nova York, o ambiente: unha sesión de espiritismo, aínda que a acción decorre no interior das personaxes.

O Grupo Nós non utilizou o teatro como arma política ou pedagóxica pero si lle deu un pulo extraordinario desde o punto de vista literario, facéndoo participar tamén das correntes europeas. Con eles aparecen os primeiros elementos simbolistas e surrealistas, superando o realismo do anterior: a partir de agora non só van falar galego labregos e caciques, senón tamén fidalgos e princesas, bocois e sapos, pipotes e penedos, os santos do Pórtico da Gloria, os fantasmas ... etc.
1. Vicente Risco escribiu unha única peza teatral, O bufón de El Rei, drama simbolista que relaciona deformidade física e moral.
2. Ramón Otero Pedrayo escribiu unha extensa obra teatral, na que podemos destacar A lagarada (1928) e Teatro de Máscaras. As súas obras teatrais son máis apropiadas para a lectura que para a representación escénica.
-A lagarada (1928) é unha traxedia rural de fondo dionisíaco (relacionado co viño), na que se evoca o poder demoníaco do viño. As forzas dominantes no drama son todas primitivas e elementais; os personaxes son populares, campesiños, vendimadores, cregos... retratados cun enfoque naturalista. Como contrapunto poético, introduce varias escenas líricas de carácter fantástico, onde os personaxes son as pipas da adega, a sombra dun arrieiro morto ou as fadas dos montes.
-Teatro de máscaras (escritas no 1934 e publicado no 1975). Son 16 pezas a xeito de guións ou bocexos esquemáticos para pezas teatrais; o seu carácter esquemático e incompleto é compatible cunha concepción dramática moi moderna e allea ao teatro-texto tradicional, pois son obras que só acadan a súa plenitude e naturalidade a través da montaxe e da representación escénica.
3. Castelao estreou en 1941 (exilio, Buenos Aires), Os vellos non deben de namorarse comezada moitos anos antes. 
Non concibía o teatro como un simple texto senón como un espectáculo global, polo que adquiren unha grande importancia os artificios escenográficos (iluminación, decorados, máscaras dos personaxes...) e utiliza tamén outras artes, como a música.
O motivo do vello namorado repítese tres veces, en tres versións diferentes, nos tres lances. En cada un hai un vello namorado, unha moza e un mozo rival. A morte intervén como personaxe para advertir aos vellos. Finaliza cun epílogo no que aparecen os tres vellos xuntos, mortos, no cemiterio para arrepentírense do seu namoramento e coñecer novas das súas mozas.

Rafael Dieste é o autor teatral da Xeración dos vangardistas. A fiestra baldeira (1927) é unha comedia simbólica sobre a identidade (individual e colectiva).
Un mariñeiro volve rico da emigración e encarga un retrato diante dunha ventá. O pintor quere situar como fondo da fiestra unha paisaxe mariñeira, símbolo do pasado humilde do retratado. A muller e a filla opóñense. O pintor continuará o cadro arrincando a fiestra. Así aparece a “fiestra baldeira” como símbolo da anulación da identidade individual e colectiva. Ao final o conflito resólvese coa aceptación da realidade e do pasado humilde.


Non se considerarán correctas as respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. Valorarase o tratamento, no tema escollido, dos seguintes elementos:
• Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias, etc.
• Información acerca dos principais autores/as dun período ou corrente. Esta non só debe facer referencia ás obras máis importantes senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores/as.
• Información acerca do que un grupo, autor/a ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Como extensión orientativa podemos establecer unhas 400 palabras, aproximadamente. Cómpre non obstante ter en conta que neste caso a extensión pode ser moi variable dependendo de que o alumnado opte por unha redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.



Os consellos de Xosé Manuel Calvo para a cuestión nº 7 (literatura):

Recomendan unhas 400 palabras e será valorada cun máximo de 2 puntos. Non debería ocuparche máis de 15/20 minutos e tamén deberías ser consciente de que algunha cuestión se pode desenvolver suficientemente en menos liñas ca outras que requiren máis espazo. Daquela tamén debemos facer a pre-escrita na casa e levar sabido un esquema persoal cos contidos que pensamos desenvolver, conscientes asemade de que aquelas exposicións que denoten unha reprodución puramente memorística poderían ser penalizadas ao igual que na sexta pregunta. O alumnado que aspire á puntuación máxima debe ter moi claro o que vai responder en cada unha das 12 cuestións en que se pregunta sobre a historia da nosa literatura no século XX. Ao contrario, aquel alumnado que non aspire a nota ou non leve ben preparadas estas cuestións teóricas podería ao final do exame, se lle sobrar tempo, elaborar unha redacción con aqueles contidos que recorde sabendo que hai autores e obras que poderían entrar en máis dunha das 12 cuestións propostas e, non deixando a pregunta en branco, optar a parte da súa puntuación.

OLLO: procura centrarte antes nas características xerais de contexto histórico, cultural e literario ca en pretender dar unha lista exhaustiva de autores e obras. De non ter seguridade, é preferíbel non citar unha obra nin atribuírlla a un autor indebidamente. Nalgún caso erros de vulto deste estilo, como confundir Cuevillas con Cabanillas, atribuírlle unha obra clásica de Castelao a outro autor e un moi longo etcétera, teñen penalizado  altamente a puntuación desta cuestión. Por outra parte, tamén sucede a miúdo que alumnado normalmente moi estudoso e de gran capacidade de memorización, por estenderse demasiado nesta pregunta, perde moito tempo e logo fai  moi ás presas o resto do exame coa conseguinte perda de precisión e castigo dobre na nota final.

2005-2018
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.