Pilar Ponte
Foto: Pilar Ponte "A Profa", amiga de ogalego.eu

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Lingua e sociedade, ABAU, tema 3. O galego, lingua en vías de normalización.

-Escoitar o texto camiñando, no deporte, cociñando...:

 

O actual marco legal (Constitución do 78, Estatuto de Autonomía, Lei de Normalización Lingüística e Plan Xeral de Normalización Lingüística) senta as bases que poden conducir á recuperación e á normalización da lingua mais cómpre a intervención dos diferentes sectores sociais:
a) Acción institucional do poder político: Xunta, Concellos e Deputacións, elementos indispensables no proceso de normalización.
b) Acción colectiva non institucional: exercida por asociacións e colectivos (Mesa pola Normalización Lingüística...) xoga un papel importante fronte ás eivas e esquecementos dos integrantes do grupo anterior.
c) Acción individual. Supón un esforzo persoal e consciente para romper hábitos e condutas de desleixamento cara á situación social do idioma.
Nunca, desde a Idade Media, o galego dispuxo de tantas armas: oficialidade, mellora na consideración social, presenza no ensino e na cultura. Pero, nunca o perigo de substitución foi tan claro: ausencia de transmisión xeracional, presenza mínima nos medios de comunicación de masas... A cultura agraria e mariñeira, que foi a que mantivo a lingua, está a desaparecer; aínda que está a medrar unha nova adhesión noutros ámbitos.

Nas enquisas unha maioría é favorable ao uso do galego e veo positivamente. Mais segue existindo xente que o considera de segunda, sen interese para o futuro. Outros cren que é "a nosa lingua", que hai que promover o seu uso en todos os niveis, que é un valor engadido que nos sitúa no mundo dándonos unha identidade e achegándonos á comunidade de fala galego-portuguesa. 
Para uns a situación da lingua é óptima, a normalización clara e suficientemente. Para outros o futuro é moi escuro, non hai interese real pola normalización. Os datos do Instituto Galego de Estatística en 2019 son preocupantes para o galego cara á normalización do seu uso.

(286 palabras)

Cómpre personalizar a resposta para non reproducir exactamente o tema tal e como aquí figura: cambiar palabras, a orde, introducir algún dato novo, etc. Hai que evitar que o corrector se encontre cunha resposta igual a moitas outras.


Agárdase do alumnado unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa puntuación que se lle concede á pregunta e co tempo do que se dispón para o exame. Sería desexable unha extensión aproximada dunhas 200 ou 250 palabras. Ao se tratar dunha extensión breve para unha pregunta deste tipo, valorarase a capacidade para seleccionar e presentar a información máis relevante sobre o tema escollido, así como para evitar divagacións e xeneralidades.


Versión máis longa, 580 palabras, máis axeitada para unha redacción esquemática

O actual marco legal (Constitución de 1978, Estatuto de Autonomía, Lei de Normalización Lingüística e Plan Xeral de Normalización Lingüística) senta as bases que poden conducir á recuperación e á normalización da lingua mais cómpre a intervención dos diferentes sectores sociais:
a) Acción institucional do poder político.
Levada a cabo polas Administracións públicas de Galicia (Xunta, Concellos e Deputacións), elementos indispensables no proceso de normalización, por coherencia e por imperativo legal.
b) Acción colectiva non institucional.
Exercida por asociacións e colectivos (Nova Escola Galega, Asociación de Funcionarios da Administración pública, Mesa pola Normalización Lingüística, Pro Lingua, Queremos Galego ...) xoga un papel importante na recuperación lingüística fronte ás eivas e esquecementos dos integrantes do grupo anterior.
c) Acción individual.
Supón un esforzo persoal e consciente para romper hábitos e condutas de desleixamento cara á situación social do idioma. Esta acción resulta claramente insuficiente sen o apoio dos grupos anteriores.
Para conseguir o éxito destas accións, é necesario un proceso de dinamización co obxecto de favorecer comportamentos positivos cara ao idioma, implicando activamente a colectivos e individuos a través de medidas que promovan o uso da lingua e conciencien e sensibilicen os axentes sociais, producindo un cambio de actitude na sociedade.
O proceso está agora nun momento decisivo. Nunca, desde a Idade Media, o galego dispuxo de tantas armas: oficialidade, mellora na consideración social, presenza no ensino e na cultura (aínda que nos últimos anos están desaparecendo case todas as axudas oficiais). Pero, por outro lado, nunca o perigo de substitución foi tan claro: ausencia importante de transmisión xeracional, presenza mínima nos medios de comunicación de masas...
A cultura agraria e mariñeira, que foi a que mantivo a lingua, está a desaparecer; aínda que está a medrar unha nova adhesión noutros ámbitos. Pero esta corrente regaleguizadora non compensa a perda progresiva de falantes. Se esta dinámica continúa, a medio prazo, o galego pode converterse nunha lingua “ritual”. Só a lealdade lingüística, froito dun compromiso individual, pero tamén económico e social, poderá evitar que siga o proceso. Ademais a aposta pola lingua dos grandes poderes políticos e empresariais será un factor decisivo.

O galego xa está nas  aulas cun amplo coñecemento e uso do galego escrito. Mais a transmisión xeracional do idioma (de pais a fillos) nunca foi tan baixa. Que pensan os galegos? Nas enquisas unha maioría é favorable ao uso do galego e veo positivamente. Mais segue existindo xente que o considera de segunda, sen interese para o futuro -para que sirve el gallego?-, non paga a pena promover o seu uso. Outros cren que é "a nosa lingua", que hai que promover o seu uso en todos os niveis, que é un valor engadido que nos sitúa no mundo dándonos unha identidade e achegándonos á comunidade de fala galego-portuguesa. 
Así que poderiamos concluír que a conciencia lingüística na actualidade en Galicia é moi diversa. Para uns a situación da lingua é óptima, as autoridades apoian a normalización clara e suficientemente. Para outros o futuro é moi escuro, non hai interese real pola normalización. Hai moita xente que manifesta amar o galego e ten preocupación pola súa desaparición pero opina que non se debe impoñer o seu uso.

Segundo o Instituto Galego de Estatística en 2019 só 3 de cada 10 persoas fala sempre en galego, só un 16,88% das persoas escriben normalmente en galego, fronte ao 83,12% do castelán, un 63,81% da xente que fala sempre en galego cambia ao castelán na escrita. Son datos moi preocupantes para a normalización do galego.



Os consellos de Xosé Manuel Calvo para a cuestión nº 4:

O ideal sería que  levases un esquema estudado da casa, onde debes ordenar os contidos que vas desenvolver. A pregunta vale 2,5 puntos e é doado conseguir 1,50 puntos, mais é moi difícil conseguir 2,5 puntos cando nos piden 200/250 palabras (folio/folio e  medio aproximadamente). Nesta pregunta pódese perder máis por faltas de ortografía do que se  gaña por contidos. Esta cuestión non debería levarche máis de 10 minutos en ningún caso. Quen aspire a nota debe levala moi ben pensada, levar ben seleccionados os contidos fundamentais e non perderse en digresións O que non teña que pelexar por unhas décimas mesmo debería deixala para o final e , en función de como vaia de tempo, atreverse con ela.

OLLO: debes usar unha terminoloxía culta adecuada ao rexistro lingüístico. Non ter  claras as ideas e confundir, por exemplo, normalización con normativización, ou lingua maioritaria con maiorizada pode facer que a túa resposta sexa considerada errónea e  che sirva só para perderes puntos polas faltas de ortografía.


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.