Xosé Ballesteros, Manuela Rodríguez
Foto: Xosé Ballesteros e Manuela Rodríguez de Kalandraka, amigos de ogalego.eu

Tema anterior ogalego.gal Tema seguinte: Educación literaria

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Lingua e sociedade, ABAU, tema 6. O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

-Escoitar o texto camiñando, no deporte, cociñando...:

 

En 1978 apróbase a Constitución: cooficialidade de galego e castelán en Galicia. En 1981 o Estatuto de Autonomía: “a lingua propia de Galicia é o galego”. En 1983 a Lei de Normalización Lingüística: regula o seu uso nas diversas administracións e servizos.
O galego convértese na lingua oficial da administración autonómica, da Xunta de Galicia. O seu ensino é obrigatorio en Primaria e Secundaria, e algunhas materias máis deberán ser impartidas nesta lingua. No ensino universitario xa non rexen estas normas. En 2004 o Parlamento galego aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega: 445 medidas destinadas a potenciar o galego, que non se chegaron a desenvolver.
O galego é moi utilizado  nas actividades políticas, institucionais, universitarias e culturais. Mesmo parece que o seu uso comercial comeza a ser economicamente rendible e prestixia certos produtos. Hai moitas webs, foros, chats, blogs nos que é frecuente o galego. Temos en galego tradutores, correctores ortográficos, Android, Windows, Facebook, Twitter... As compañías de telefonía móbil xa ofertan terminais en galego.
Mais a perda do número de falantes segue acelerándose. Xa non é a lingua exclusiva no rural, e nas pequenas e grandes vilas, nas cidades, cada vez é máis minoritaria (Instituto Galego de Estatística en 2019).
Na busca dunha norma escrita, entramos na fase do galego estándar; vanse eliminando dialectalismos, arcaísmos e  hiperenxebrismos, ao tempo que se adapta á nova situación social (máis ámbitos de uso) e académica (vehículo para outras materias).
En 2014 o Galego ocupaba por número de falantes o posto 136 entre as linguas do mundo, o 49 por libros traducidos, o 37 por páxinas de Internet, o 26 por uso nas redes sociais. Está claro que se queremos, podemos!

(283 palabras)

Cómpre personalizar a resposta para non reproducir exactamente o tema tal e como aquí figura: cambiar palabras, a orde, introducir algún dato novo, etc. Hai que evitar que o corrector se encontre cunha resposta igual a moitas outras.


Agárdase do alumnado unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa puntuación que se lle concede á pregunta e co tempo do que se dispón para o exame. Sería desexable unha extensión aproximada dunhas 200 ou 250 palabras. Ao se tratar dunha extensión breve para unha pregunta deste tipo, valorarase a capacidade para seleccionar e presentar a información máis relevante sobre o tema escollido, así como para evitar divagacións e xeneralidades.


Versión máis longa (563 palabras) máis axeitada para unha redacción esquemática:

No ano 1975 morre Franco e tres anos máis tarde as Cortes democráticas aproban a Constitución: cooficialidade de galego e castelán en Galicia. En 1981 no Estatuto de Autonomía, establécese que “a lingua propia de Galicia é o galego” e que “ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua”. No ano 1983 entrou en vigor a Lei de Normalización Lingüística, que regula o seu uso nas diversas administracións e servizos.
O galego convértese na lingua oficial da administración autonómica: da Xunta de Galicia e todas as súas Delegacións e do Parlamento. Con lixeiras excepcións a lexislación cúmprese. O seu ensino é obrigatorio nos niveis de ensino Primario e Secundario, onde se establece tamén que polo menos dúas materias máis deberán ser impartidas nesta lingua. No ensino universitario xa non rexen estas normas. En setembro de 2004 o Parlamento galego aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega: 445 medidas destinadas a potenciar o galego. En setembro de 2005 o Consello de Europa recomenda que en Galicia o ensino sexa “principalmente en galego”. No curso 2007-2008 entra en vigor o decreto que establece que en Primaria e ESO polo menos o 50% das materias sexan en galego. En 2010  un novo decreto reduce a presenza do galego no ensino ata un máximo do 50% e pretende introducir como lingua vehicular do ensino o inglés.
Cualitativamente está hoxe presente en ámbitos anteriormente impensables: é moi utilizado  nas actividades políticas, institucionais, universitarias e culturais. Mesmo parece que o seu uso comercial comeza a ser economicamente rendible e prestixia certos produtos. Cada vez un maior número de profesionais liberais o utiliza normalmente. Neste século XXI temos que ter en conta o seu uso na internet pois a lingua que quede fóra dela non ten futuro. Hai moitas webs, foros, chats, blogs nos que é frecuente o galego. Temos tradutores, correctores ortográficos en galego, ademais de Android, Windows, Facebook, Twitter... As compañías de telefonía móbil ofertan algúns terminais en galego.
Mais a perda do número de falantes segue acelerándose. Nos últimos anos coñecéronse datos moi negativos que crearon unha grande repercusión na prensa. Todas as enquisas indican que o uso decrece segundo é menor a idade dos entrevistados (Instituto Galego de Estatística en 2019). Ata hai pouco tempo era a lingua exclusiva no ámbito rural, pero xa non o é. Nas pequenas e grandes vilas, así como nas cidades, cada vez é máis minoritaria.
Na busca dunha norma escrita, entramos na fase do galego estándar; ao haber un estudo sistemático da lingua pódese fixar con maior coñecemento unha norma culta, da que se van eliminando dialectalismos, arcaísmos e hiperenxebrismos, seguindo o camiño xa emprendido na etapa anterior, ao tempo que se adapta á nova situación social (máis ámbitos de uso) e académica (vehículo para outras materias).
En 2014 o Galego ocupaba por número de falantes o posto 136 entre as linguas do mundo, o 49 por libros traducidos, o 37 por páxinas de Internet, o 26 por uso nas redes sociais. Está claro que se queremos, podemos!

Mirando cara adiante, é a sociedade galega a responsable do futuro da súa lingua:
-Escoller un proceso de recuperación como están a facer en Cataluña e Euskadi grazas aos seus serios proxectos de normalización.
-Deixar que a lingua siga esmorecendo, perdendo falantes e mantendo o seu uso nas clases de galego e en determinadas situacións e funcións sociais.



Os consellos de Xosé Manuel Calvo para a cuestión nº 6:

O ideal sería que  levases un esquema estudado da casa, onde debes ordenar os contidos que vas desenvolver. A pregunta vale 2,5 puntos e é doado conseguir 1,50 puntos, mais é moi difícil conseguir 2,5 puntos cando nos piden 200/250 palabras (folio/folio e  medio aproximadamente). Nesta pregunta pódese perder máis por faltas de ortografía do que se  gaña por contidos. Esta cuestión non debería levarche máis de 20 minutos en ningún caso. Quen aspire a nota debe levala moi ben pensada, levar ben seleccionados os contidos fundamentais e non perderse en digresións O que non teña que pelexar por unhas décimas mesmo debería deixala para o final e , en función de como vaia de tempo, atreverse con ela.

OLLO: debes usar unha terminoloxía culta adecuada ao rexistro lingüístico. Non ter  claras as ideas e confundir, por exemplo, normalización con normativización, ou lingua maioritaria con maiorizada pode facer que a túa resposta sexa considerada errónea e  che sirva só para perderes puntos polas faltas de ortografía.


Tema anterior ogalego.gal Tema seguinte: Educación literaria
2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.