Xurxo Ayán
Foto de Xurxo Ayán, arqueólogo galego, amigo de ogalego.eu

ogalego.eu - ogalego.gal son

Vitoria Ogando Valcárcel//Anxo González Guerra catedráticos de galego xubilados

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. ABAU


Proba de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade: exames de xullo, xuño e proposta anterior


Exame de xullo de 2021

O exame consta de 6 preguntas de 2,5 puntos cada unha, das que poderá responder un MÁXIMO DE 4, combinadas como queira. Se responde máis preguntas das permitidas, só se corrixirán as CATRO primeiras respondidas.

TEXTO

Durante o confinamento estrito pola Covid-19 da pasada primavera sucederon moitas cousas inéditas, como inédita foi unha situación de pandemia que, en menos de tres meses, tiña o mundo paralizado, recluído e atemorizado. Un dos fenómenos que máis me fixeron reflexionar foi o desexo colectivo esaxerado de facer cousas (limpar, facer exercicio, mercar por internet, facer sobremesas, entregarse á meditación, ver webinars ou darse unha enchenta da serie de moda) como se todo puidese reducirse a unha simple competición que exhibir nas redes sociais. Se estamos facendo continuamente algo seguimos respirando, estamos vivos. Somos, xa que logo, produtivos.

Si, o termo produtividade está aquí traído á mantenta. Ei, un momento! Pero... non estabamos confinados? Non era este o intre soñado para relaxarnos, estar coa parella, cos fillos e fillas, con nós mesmos, para dedicarnos en definitiva a todo aquilo que non podemos facer habitualmente? Por que utilizamos a mesma escala de valores da plusvalía para referírmonos a algo tan incuantificábel como a liberdade humana? Aquí se agocha, para min, un dos maiores logros do capitalismo como sistema: cando temos tempo de sobra, tempo libre, tempo sen ataduras, non sabemos que facer con el. Hai alienación maior? Unha forma de vida baseada nunha escravitude tan invisíbel como desexada, ten que ter éxito por natureza.

Son abondosos os estudos neurocientíficos e psicolóxicos que demostran a importancia do lecer e do non-facer-nada e mesmo do que entendemos por aburrimento para estimular a creatividade nos seres humanos. É algo ben coñecido no desenvolvemento dos cativos e cativas, por iso debe estimularse o xogo libre desde idades temperás, antes que calquera outra actividade. Pero tamén os adultos necesitamos momentos de desconexión mental que nos permitan limpar o lixo que acumulan as nosas cabeciñas e dar paso a todas esas ideas que, nalgún momento, poden transformarse en coñecemento. Cavilo nisto ao ler diversas reportaxes que analizan a importancia das formas de ser colectivas e dos valores compartidos no éxito ou fracaso das medidas adoptadas para frear o avance da pandemia.

Porén, a realidade é teimuda. Esta pandemia é algo máis que unha enfermidade respiratoria colectiva. Puxo de manifesto a nosa fraxilidade, as costuras do sistema, os pés de barro sobre os que se asentan as nosas idílicas vidas.

Laura Novelle. Nós Diario. 20/01/2021. (Adaptación)

PREGUNTA 1. Comprensión do texto

1.1. Propoña un título que resulte ilustrativo do tema que trata o texto. (0,5 puntos)
1.2. Elabore un esquema coas ideas principais e secundarias do texto. (1 punto)
1.3. Explique o significado que teñen no texto (en verde) as seguintes palabras e expresións: “inédita”, “produtividade”, “alienación”, “pés de barro”. Non son válidas as respostas só con sinónimos. (1 punto)

PREGUNTA 2. Lingua e gramática

2.1. No texto aparecen catro infinitivos marcados en letra vermella. Indique cal deles está conxugado e por que. Sinale tamén se os outros tres se poden conxugar ou non e explique os motivos. (1 punto)
2.2. Identifique a función sintáctica que desempeñan dentro da oración os catro fragmentos subliñados no texto. Non é necesario que analice os seus compoñentes. (1 punto)
2.3. Localice no texto cinco palabras nas que aparezan os mesmos fonemas que os subliñados nestas: baixo, léxico, cego, menos, onte. (0,5 puntos)

PREGUNTA 3. Produción textual

Redacte un texto no que exprese a súa opinión sobre o tema do texto. (Extensión aprox. 200- 250 palabras) (2,5 puntos)

PREGUNTA 4. Lingua e sociedade. Escolla e desenvolva un dos dous apartados:

4.1. O galego no primeiro terzo do século XX: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística. (Extensión aprox. 200-250 palabras) (2,5 puntos)

4.2. O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais, contexto histórico e situación sociolingüística. (Extensión aprox. 200-250 palabras) (2,5 puntos)

PREGUNTA 5. Literatura. Escolla e desenvolva un dos dous apartados:

5.1. A poesía entre 1936 e 1975: a Xeración do 36, a Promoción de Enlace, a Xeración das Festas Minervais. (Extensión aprox. 400 palabras) (2,5 puntos)

5.2. A prosa entre 1936 e 1975: os renovadores da prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas). (Extensión aprox. 400 palabras) (2,5 puntos)

PREGUNTA 6. Literatura. Escolla e desenvolva un dos dous apartados:

6.1. O teatro galego entre 1936 e 1975: a Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia.(Extensión aprox. 400 palabras) (2,5 puntos)

6.2. O teatro de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Dramaturgos, tendencias e compañías actuais máis relevantes. (Extensión aprox. 400 palabras) (2,5 puntos)


Criterios de avaliación CIUG, xullo 2021

Pregunta 1. Comprensión do texto.

1.1. (0,5 puntos)
Título do texto: valórase que o alumnado sexa quen de captar a esencia da temática do texto empregando o estilo dos titulares. Penalízanse títulos demasiado xenéricos.

1.2. (1 punto).
Valórase que o alumnado demostre capacidade para seleccionar a información máis relevante e xerarquizala. Debe expresala mediante un esquema; non se acepta un resumo

1.3. (1 punto).
0,25 puntos cada palabra adecuadamente definida. Se responde só cun sinónimo, 0 puntos.

Pregunta 2. Lingua e gramática.

2.1. (1 punto).
0,25 cada infinitivo ben analizado. Só puntuamos se xustifican a resposta (non abonda con contestar se si se poden conxugar ou non).
- Referírmonos: Está conxugado para explicitar o suxeito. Aínda que o suxeito do infinitivo coincide co do verbo principal (forma verbal conxugada), os dous verbos están a bastante distancia e o infinitivo vai precedido de preposición.
- Relaxarnos: Podería conxugarse, para indicar o suxeito, xa que non coincide co do verbo principal (era) e ademais vai precedido de preposición (para). Relaxármonos.
- Facer: Non se pode conxugar porque o suxeito do infinitivo é o mesmo que o do verbo principal (forma verbal conxugada), e o principal antecede ao infinitivo: non sabemos (nós) que facer (nós).
- Transfomarse: Non se pode conxugar porque forma parte dunha perífrase e poder é un verbo modal.

2.2. (1 punto).
0,25 cada función ben identificada.
- CCT: Durante o confinamento estrito pola Covid-19 da pasada primavera.
- SUXEITO: moitas cousas inéditas.
- CD: tempo de sobra.
- ATRIB.: abondosos.

2.3. (0,5 puntos).
0,1 cada palabra / fonema correcta.
Para evitar dúbidas, tomamos como referencia: Xosé Luís Regueira (dir.): Dicionario de pronuncia da lingua galega. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. http://ilg.usc.gal/pronuncia/
baixo = fixeron, desexo, esaxerado, exercicio, xa
léxico = reflexionar, exhibir, éxito, desconexión.
cego = medio-aberta. Exs.: pés, primavera, inédita, pandemia.
menos = medio-pechada. Exs.: tres, desexo, facer.
onte = medio-aberta. Exs.: poden, moda, logro, fenómenos.

Pregunta 3. Produción textual (2,5 puntos).

Valórase a capacidade para producir un texto argumentativo coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente.

Os 2,5 puntos desagregaranse do seguinte xeito:

1) Construción textual (contido e estrutura). Coherencia. 1 punto.

Valórase:
1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns), como a “orixinalidade” gratuíta.
1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, así como non introducir contradicións.
1.c) A organización da información e a súa división en parágrafos (exemplo: introdución, desenvolvemento, conclusións).
1.d) Uso adecuado dos conectores.

2) Adecuación léxico-gramatical e cohesión. 0,5 puntos.

Valórase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade e dos textos espontáneos e non planificados como os que amosan un requintamento afectado, así como as palabras baúl. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos, é dicir, evitar as repeticións mediante o emprego dos recursos de cohesión.

- Marcar a penalizar: coloquialismos, palabras baúl, repeticións, abuso de anglicismos etc.

3) Corrección ortográfica e gramatical. 1 punto.

Valórase o correcto dominio da ortografía, dos signos de puntuación e da gramaticalidade das construcións sintácticas e das escollas morfolóxicas, desde o punto de vista do galego estándar.

Débense aplicar os mesmos criterios que na valoración ortográfica xeral.

Observación: No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación de acordo cos criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta. Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.

Pregunta 4. Lingua e sociedade (2,5 puntos).

Agárdase unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa propia puntuación da pregunta e co tempo de que se dispón para o exame. Valorarase a adecuada selección e presentación da información máis relevante sobre o tema escollido, evitando as divagacións e as xeneralidades pouco informativas. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

Preguntas 5 e 6. Literatura (2,5 puntos).

Valorarase a adecuada inclusión dos seguintes elementos sobre o tema escollido:
a) Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias...
b) Información sobre os principais autores dun período ou corrente. Esta información non só debe facer referencia ás principais obras senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores.
c) Información sobre o que un grupo, autor ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Non se considerarán correctas respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA

Ademais dos contidos de cada pregunta, tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, que se aplicará a todas as preguntas, excepto a 3.

Polo tanto, sobre a cualificación global poderase descontar ata un máximo de 2 puntos por erros.

Estes poderán ser:
Moi graves: Desconto 0’2 puntos c/u. Solucións alleas ao sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colocación dos clíticos...).
Graves: Desconto 0’1 puntos c/u. Solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y), acentuación diacrítica…
Leves: Desconto 0’05 puntos c/u. Solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Contraccións non realizadas.


Exame de xuño de 2021


O exame consta de 6 preguntas de 2,5 puntos cada unha, das que poderá responder un MÁXIMO DE 4, combinadas como queira. Se responde máis preguntas das permitidas, só se corrixirán as 4 primeiras respondidas.

TEXTO

A perfección non existía.

De quen era a culpa de que ela non fose perfecta?

Non obstante, os seus seguidores non tiñan por que sabelo, Bieito sempre llo dicía. O que comezara como unha simple diversión había sete anos, colgando fotos súas nas redes co modeliño que levar tal ou cal día, agora era un traballo profesional pagado con centos e mesmo miles de euros por imaxe subida, se o patrocinador era potente. Nunca tivera as cifras moi claras; esas cousas sempre as levara el. O único que sabía era que ía case polo medio millón de seguidores.

Colleu o móbil do estante e mergullouse na nata artificial, tapando os puntos estratéxicos do corpo. Aquí vese demasiado, aquí demasiado pouco. Así. Estirou o brazo e sorriu de xeito suxerinte. Había moito tempo que non se fotografaba polo simple pracer de facelo,sempre dirixida polas profesionais que controlaba Bieito. Fotógrafa, perruqueira, maquilladora… Había que darlle unha imaxe máis sofisticada ao blog, dicía el.

Puxo a cámara interna. As imperfeccións non tiñan importancia se ninguén sabía delas. Se medio millón de persoas dicían que eras perfecta, tanto tiña como te vises ti.

Sacou a foto e subiuna ao blog de inmediato. Seguramente algún diría que o fixera para anunciar a máscara de pestanas que provocaba a súa sensual caída de pálpebras, ou a pasta dentífrica branqueadora que facía que a perfecta dentadura reflectise a luz do flash. Mellor que pensasen iso que o que realmente se agochaba detrás: que deixara de ter control sobre a súa propia vida e que aquela pequena falcatruada lle lembraba que aínda podía facer algunha que outra cousa sen pedir permiso.

Antía Yáñez. Senlleiras.

PREGUNTA 1. Comprensión do texto
1.1. Indique nunha liña como máximo o tema do texto. (0,5 puntos)
1.2. Elabore un resumo do texto no que recolla as súas ideas principais. (1 punto)
1.3. Propoña un adxectivo para describir a protagonista do texto e outro para describir a Bieito. Escolla un enunciado concreto do texto para xustificar a súa proposta. (1 punto)

PREGUNTA 2. Lingua e gramática
2.1. Analice sintacticamente: Nunca tivera as cifras moi claras. (1 punto)
2.2. Segmente morfoloxicamente e indique o valor de cada morfema: seguidores, artificial, imperfeccións, branqueadora. (1 punto)
2.3. Localice no texto tres palabras pertencentes ao mesmo campo semántico. Indique se aparece tamén o seu hiperónimo e, de non ser así, propoña un. (0,5 puntos)

PREGUNTA 3. Produción textual
Redacte un texto no que exprese a súa opinión sobre o tema do que trata Antía Yáñez neste fragmento da súa obra Senlleiras. (Extensión aprox. 200-250 palabras) (2,5 puntos)

PREGUNTA 4. Lingua e sociedade. Escolla e desenvolva un dos dous apartados:
4.1. O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais, contexto histórico e situación sociolingüística. (Extensión aprox. 200- 250 palabras) (2,5 puntos)
4.2. Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa repercusión nos usos. (Extensión aprox. 200-250 palabras) (2,5 puntos)

PREGUNTA 5. Literatura. Escolla e desenvolva un dos dous apartados:
5.1. A poesía das Irmandades da Fala. Características, autores e obras representativas. (Extensión aprox. 400 palabras) (2,5 puntos)
5.2. A poesía de vangarda. Características, autores e obras representativas. (Extensión aprox. 400 palabras) (2,5 puntos)

PREGUNTA 6. Literatura. Escolla e desenvolva un dos dous apartados:
6.1. A prosa do primeiro terzo do XX: as Irmandades e o Grupo Nós (narrativa, ensaio e xornalismo). (Extensión aprox. 400 palabras) (2,5 puntos)
6.2. O teatro do primeiro terzo do XX: Irmandades, vangardas e Grupo Nós. (Extensión aprox. 400 palabras) (2,5 puntos)

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

Pregunta 1. Comprensión do texto.

1.1. (0,5 puntos)

Tema do texto: valórase que o alumnado sexa quen de captar a esencia da temática do texto nunha única liña.

Por exemplo: A escravitude / dependencia / limitación de liberdade provocada pola exposición pública nas redes. // Presión sobre a propia imaxe debido aos estereotipos de xénero.

1.2. (1 punto).

Valórase que o alumnado redacte un resumo no que recolla as ideas principais do texto, con coherencia e cohesión.

1.3. (1 punto).

0,25 puntos cada adxectivo e 0,25 se escolleu adecuadamente o enunciado que o xustifique.

Por exemplo: - Bieito = manipulador. “sempre dirixida polas profesionais que controlaba Bieito”.

- Protagonista = dependente. “deixara de ter o control sobre a súa propia vida”

Pregunta 2. Lingua e gramática.

2.1. (1 punto).

(0,1) Suxeito elíptico en terceira persoa (ela).

(0,1 + 0,1) Nunca: adverbio ou frase adverbial en función de Complemento Circunstancial de Tempo.

(0,1) tivera: verbo en función de Núcleo do Predicado.

(0,1 + 0,1) as cifras: frase nominal (DET + NOMINAL) en función de Complemento Directo.

(0,1 + 0,3) moi claras: frase adxectiva (MOD + NÚCLEO) en función de Predicativo.

2.2. (1 punto)

0,25 cada palabra correctamente segmentada e analizada. 0,10 p. se está ben segmentada e 0,15 p. se se indica o valor correcto dos morfemas (de todos eles, de xeito que un valor mal por palabra xa supón 0 puntos).

0,25 - Segu-i-dor-es: raíz (morfema léxico) + morfema flexivo (VT) + morfema derivativo (sufixo) + morfema flexivo de plural.

0,25 - Artifici-al: raíz (morfema léxico) + morfema derivativo (sufixo). Art-ifici-al: raíz (morfema léxico) + morfema derivativo (sufixo) + morfema derivativo (sufixo).

0,25 - Im-perfec-ción-s: prefixo (morfema derivativo) + raíz (morfema léxico) + morfema derivativo (sufixo) + morfemas flexivo de número.

0,25 - Branqu-ea-dor-a: branc (morfema léxico) + morfema derivativo (sufixo) + morfema derivativo (sufixo) + morfema flexivo de xénero.

2.3. (0,5 puntos).

As catro palabras teñen que estar correctamente escritas segundo o galego normativo (do contrario, non se contabilizarán).

0,25 por localizar as tres palabras do mesmo campo semántico (se só pon dúas: 0,1).

0,25 polo hiperónimo, adecuado ao campo semántico escollido.

Por exemplo: fotógrafa, perruqueira, maquilladora.

Hiperónimo: profesionais da imaxe.

Pregunta 3. Produción textual (2,5 puntos).

Valórase a capacidade para producir un texto argumentativo coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente.

Os 2,5 puntos desagregaranse do seguinte xeito:

1) Construción textual (contido e estrutura). Coherencia. 1 punto.

Valórase: 1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns) como a “orixinalidade” gratuíta. 1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, así como non introducir contradicións. 1.c) A organización da información e a súa división en parágrafos (exemplo: introdución, desenvolvemento, conclusións). 1.d) Uso adecuado dos conectores.

2) Adecuación léxico-gramatical e cohesión. 0,5 puntos.

Valórase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade e dos textos espontáneos e non planificados como os que amosan un requintamento afectado, así como as palabras baúl. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos, é dicir, evitar as repeticións mediante o emprego dos recursos de cohesión.

Marcar a penalizar: coloquialismos, palabras baúl, repeticións, etc.

3) Corrección ortográfica e gramatical. 1 punto.

Valórase o correcto dominio da ortografía, dos signos de puntuación e da gramaticalidade das construcións sintácticas e das escollas morfolóxicas, desde o punto de vista do galego estándar.

Débense aplicar os mesmos criterios que na valoración ortográfica xeral.

Observación: No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación de acordo cos criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta. Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.

Pregunta 4. Lingua e sociedade (2,5 puntos).

Agárdase unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa propia puntuación da pregunta e co tempo de que se dispón para o exame. Valorarase a adecuada selección e presentación da información máis relevante sobre o tema escollido, evitando as divagacións e as xeneralidades pouco informativas. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

Preguntas 5 e 6. Literatura (2,5 puntos).

Valorarase a adecuada inclusión dos seguintes elementos sobre o tema escollido:
a) Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias...
b) Información sobre os principais autores dun período ou corrente. Esta información non só debe facer referencia ás principais obras senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores.
c) Información sobre o que un grupo, autor ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Non se considerarán correctas respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA

Ademais dos contidos de cada pregunta, tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, que se aplicará a todas as preguntas, excepto a 3. Polo tanto, sobre a cualificación global poderase descontar ata un máximo de 2 puntos por erros. Estes poderán ser:

Moi graves: Desconto 0’2 puntos c/u. Solucións alleas ao sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colocación dos clíticos...).

Graves: Desconto 0’1 puntos c/u. Solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y), acentuación diacrítica…

Leves: Desconto 0’05 puntos c/u. Solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Contraccións non realizadas.


Proposta de exame para 2021


O exame consta de 6 preguntas de 2,5 puntos cada unha, das que poderá responder un MÁXIMO DE 4, combinadas como queira. O texto de referencia pode ser xornalístico ou literario.

TEXTO: “Falsos mitos sobre o cambio climático”

Numerosos grupos de presión invisten centos de millóns de euros todos os anos para contrarrestar a evidencia científica sobre a situación.

A ciencia do cambio climático ten máis de 150 anos e é, probablemente, a área máis estudada de todas cantas conforman a ciencia moderna. Con todo, a industria enerxética e os grupos de presión políticos, entre outros, levan 30 anos sementando a dúbida sobre o cambio climático onde non a hai. As últimas investigacións estiman que as cinco compañías petroleiras e de gas máis grandes do mundo dedican ao redor de 200 millóns de dólares ao ano ao mantemento de lobbies que controlan, atrasan ou impiden o desenvolvemento de políticas climáticas de obrigado cumprimento.

A negación organizada do cambio climático está contribuíndo ao estancamento na redución de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) ata desembocar no estado de emerxencia climática global no que nos atopamos. Como consecuencia, que os negacionistas se vallan de certos mitos (no mellor dos casos, noticias falsas; no peor, descaradas mentiras) para desautorizar á ciencia do cambio climático pode facer que as persoas do común non saiban a que aterse. A continuación expoñemos dous destes mitos e as probas científicas que os desacreditan.

1. O cambio climático non é máis que unha parte do ciclo natural

O clima da Terra nunca deixou de cambiar, pero o estudo da paleoclimatoloxía ou, o que é o mesmo, os “climas antigos”, demostra que os cambios acontecidos durante os últimos 150 anos (desde o comezo da Revolución Industrial) non poden ser naturais pola súa excepcionalidade. (…)

2. Os cambios débense ás manchas solares ou aos raios cósmicos

As manchas solares son rexións da superficie da estrela que albergan unha intensa actividade magnética e poden ir acompañadas de erupcións solares. Aínda que estas manchas posúen a capacidade de modificar o clima da Terra, desde 1978 os científicos están usando sensores en satélites para obter un rexistro da enerxía solar que chega ao planeta e non observaron a existencia dunha tendencia ascendente, polo que non poden ser a causa do quecemento global recente.

Mark Maslin. GCiencia. 27/09/2019 (adaptación)

PREGUNTA 1. Comprensión do texto

1.1. Xustifique por que podemos afirmar que estamos ante un texto expositivo e asemade argumentativo. (0,5 puntos)

1.2. Elabore un esquema coas ideas principais e secundarias do texto. (1 punto)

1.3. Explique o significado que teñen as seguintes palabras: “mito”, “negación”, “emerxencia”, “desacreditar” (subliñadas no texto). Non son válidas as respostas só con sinónimos. (1 punto)

PREGUNTA 2. Lingua e gramática

2.1. Segmente morfoloxicamente as seguintes palabras do texto e indique o valor de cada morfema: “invernadoiro”, “negacionista”, “desenvolvemento”, “solares”. (1 punto)

2.2. Identifique a función sintáctica que desempeñan dentro da oración os catro fragmentos en vermello subliñado no texto. Non é necesario que analice os seus compoñentes. (1 punto)

2.3. Localice no texto dúas palabras nas que aparezan os mesmos fonemas que os subliñados nestas: peixe e exame. (0,5 puntos)

PREGUNTA 3. Produción textual

3. Redacte un texto, no que exprese a súa opinión sobre a cuestión do cambio climático. (Extensión aprox. 200-250 palabras) (2,5 puntos)

PREGUNTA 4. Lingua e sociedade.

Escolla e desenvolva un dos dous apartados:

4.1. Historia da normativización: a construción da variedade estándar, interferencias e desviacións da norma. (Extensión aprox. 200-250 palabras) (2,5 puntos)

4.2. Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa repercusión nos usos. (Extensión aprox. 200-250 palabras) (2,5 puntos)

PREGUNTA 5. Literatura.

Escolla e desenvolva un dos dous apartados:

5.1. A poesía das vangardas. Características, autores e obras representativas. (Extensión aprox. 400 palabras) (2,5 puntos)

5.2. A poesía entre 1936 e 1975: a Xeración do 36, a Promoción de Enlace, a Xeración das Festas Minervais. (Extensión aprox. 400 palabras) (2,5 puntos)

PREGUNTA 6. Literatura.

Escolla e desenvolva un dos dous apartados:

6.1. O teatro de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Dramaturgos, tendencias e compañías actuais máis relevantes. (Extensión aprox. 400 palabras) (2,5 puntos)

6.2. A poesía de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Poetas e tendencias actuais máis relevantes. (Extensión aprox. 400 palabras) (2,5 puntos)


CRITERIOS DE AVALIACIÓN

Pregunta 1. Comprensión do texto.

1.1. (0,5 puntos) O obxectivo é que o alumnado demostre que coñece a diferenza entre as dúas tipoloxías textuais e que sexa quen de aplicala na práctica a un texto concreto.

1.2. (1 punto). Valórase que o alumnado demostre capacidade para seleccionar a información máis relevante e xerarquizala. Debe expresala mediante un esquema; non se acepta un resumo.

1.3. (1 punto). 0,25 puntos cada palabra adecuadamente definida. Se responde só cun sinónimo, 0 puntos.

Pregunta 2. Lingua e gramática.

2.1. (1 punto) 0,25 cada palabra correctamente segmentada e analizada. 0,10 p. se está ben segmentada e 0,15 p. se se indica o valor correcto dos morfemas (de todos eles, de xeito que un valor mal por palabra xa supón 0 puntos).

0,25 - Des-envolv-e-mento: raíz (morfema léxico) + morfema flexivo (VT) + morfemas derivativos (prefixo e sufixo).

0,25 - Invern-a- doiro: raíz (morfema léxico) + morfema flexivo (VT) + morfema derivativo (sufixo).

0,25 - Neg-a-cion-ista: raíz (morfema léxico) + morfema flexivo (VT) + morfemas derivativos (sufixos).

0,25 - Sol-ar-es: raíz (morfema léxico) + morfema derivativo (sufixo) + morfema flexivo (de número).

2.2. (1 punto)

0,25 a ciencia do cambio climático CD

0,25 durante os últimos 150 anos CCT

0,25 As manchas solares SUX.

0,25 a causa do quecemento global recente ATRIB.

0,25 puntos cada función sintáctica ben identificada.

2.3. (0,5 puntos)

0,25 por cada palabra ben localizada.

Peixe = enerxética

Exame = existencia

Pregunta 3. Produción textual (2,5 puntos).

Valórase a capacidade para producir un texto que sexa argumentativo, coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente. Os 2,5 puntos desagregaranse do seguinte xeito:

1) Construción textual (contido e estrutura). Coherencia. 1 punto. Valórase:
1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns) como a “orixinalidade” gratuíta.
1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, así como non introducir contradicións.
1.c) A organización da información e a súa división en parágrafos (exemplo: introdución, desenvolvemento, conclusións).
1.d) Uso adecuado dos conectores.

2) Adecuación léxico-gramatical e cohesión. 0,5 puntos. Valórase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade e dos textos espontáneos e non planificados como os que amosan un requintamento afectado, así como as palabras baúl. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos, é dicir, evitar as repeticións mediante o emprego dos recursos de cohesión.

3) Corrección ortográfica e gramatical. 1 punto.

Valórase o correcto dominio da ortografía, dos signos de puntuación e da gramaticalidade das construcións sintácticas e das escollas morfolóxicas, desde o punto de vista do galego estándar. Débense aplicar os mesmos criterios que na valoración ortográfica xeral. Observación: No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación de acordo cos criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta. Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.

Pregunta 4. Lingua e sociedade (2,5 puntos).

Agárdase unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa propia puntuación da pregunta e co tempo de que se dispón para o exame. Valorarase a adecuada selección e presentación da información máis relevante sobre o tema escollido, evitando as divagacións e as xeneralidades pouco informativas. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

Pregunta 5. Literatura (2,5 puntos).

Valorarase a adecuada inclusión dos seguintes elementos sobre o tema escollido:
a) Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias...
b) Información sobre os principais autores dun período ou corrente. Esta información non só debe facer referencia ás principais obras senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores.
c) Información sobre o que un grupo, autor ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Non se considerarán correctas respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

Pregunta 6, igual que a 5

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA

Ademais dos contidos de cada pregunta, tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, que se aplicará a todas as preguntas, excepto a 3. Polo tanto, sobre a cualificación global poderase descontar ata un máximo de 2 puntos por erros. Estes poderán ser:

- Moi graves: Desconto 0’2 puntos c/u. Solucións alleas ao sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colocación dos clíticos...).

- Graves: Desconto 0’1 puntos c/u. Solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y), acentuación diacrítica…

- Leves: Desconto 0’05 puntos c/u. Solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Contraccións non realizadas.

 


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.