Ramona Giráldez
Foto: Ramona Giraldez, poeta e amiga de ogalego.eu

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Educación literaria, ABAU, tema 1. A poesía das Irmandades da Fala. Características, autores e obras representativas.

-Escoitar o texto camiñando, no deporte, cociñando...:

 

O século XX supón en Galicia o nacemento do agrarismo e do nacionalismo, a continuación da emigración e a aparición do movemento obreiro.
O movemento agrario é desde 1907 o auténtico revulsivo social da época. Destaca a Liga Agraria de Acción Gallega, dirixida por Basilio Álvarez.
En 1916 xorden na Coruña as Irmandades da Fala. O seu obxectivo máis inmediato é a defensa do idioma galego para recuperar a cultura.
Na poesía a entrada do século XX non supuxo un cambio no panorama literario galego senón que continuaron as liñas iniciadas no Rexurdimento.

O primeiro que marca timidamente o comezo de novos camiños é Antonio Noriega Varela, o máis destacado representante dunha xeración de transición: por unha parte acepta o popularismo, o costumismo e o sentido cívico dos predecesores, pero por outra podemos ver nel certos influxos do modernismo e da literatura portuguesa. 
Escribiu unha soa obra ampliada durante toda a súa vida: en 1904 o título é Montañesas; desde 1920, denominarase Do ermo. Hai nel dúas liñas:
Poesía costumista (coma no século XIX): descrición da vida rural, desde unha óptica conservadora que reacciona contra toda novidade e innovación porque desfigura a súa esencia enxebre. Tamén escribiu poesía cívica, relacionada co agrarismo e suprimida en edicións posteriores.
* Poesía lírica da montaña (=montañesa). Poética franciscana: tenrura e amor pola paisaxe montañesa, polos compoñentes máis humildes desa paisaxe e non polos máis grandilocuentes ou vistosos. Neste apartado encádranse 21 sonetos literariamente moito máis traballados.

Pero o poeta máis destacado da época é Ramón Cabanillas (1876-1959): O Poeta da Raza. Recolle a inquedanza de Rosalía, o celtismo de Pondal e a protesta de Curros introducindo elementos renovadores modernistas.

Etapas:
1. Etapa pregaleguista ou agrarista No Desterro (1913) e Vento Mareiro (1915). Nos dous libros altérnanse poemas de carácter intimista, costumista e agrarista (anticaciquil). Estes últimos, rabiosos e incendiarios, que mostran a súa solidariedade cos labregos na súa loita pola redención dos foros, son os máis coñecidos. Algúns poemas como Acción gallega ou A Basilio Álvarez chegan a ser verdadeiros símbolos populares e converten a Cabanillas en herdeiro natural de Curros. Hai tamén poemas costumistas de influencia modernista.
2. Etapa galeguista (ata 1920). O libro representativo é Da Terra Asoballada (1917). Cabanillas convértese no poeta civil de Galicia. A oposición xa non é cacique/labrego, senón Galicia/Castela.
3. Etapa mítica (1921-30). No 1926 escribe tres longos poemas narrativos: A espada EscaliborO  cabaleiro do Sant-Grial e O soño do rei Artur, que compoñen o libro Na Noite estrelecida. Cabanillas emprende unha actualización da materia de Bretaña, galeguizándoa e adaptándoa para conseguir unha mensaxe nacionalista. E unha reconstrución mítica do pasado. 
4. Etapa de posguerra (1950-59) Non escribe poesía entre 1930-1950. Os seus últimos libros son Da miña zanfona (1954) e Samos (1958), libros cheos de desenganos e morriña. Neste último, evocador e panteísta, Cabanillas recupera a súa maior altura poética.

(479 palabras)


Cómpre personalizar a resposta para non reproducir exactamente o tema tal e como aquí figura: cambiar palabras, a orde, introducir algún dato novo, etc. Hai que evitar que o corrector se encontre cunha resposta igual a moitas outras.

Non se considerarán correctas as respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. Valorarase o tratamento, no tema escollido, dos seguintes elementos:
• Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias, etc.
• Información acerca dos principais autores/as dun período ou corrente. Esta non só debe facer referencia ás obras máis importantes senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores/as.
• Información acerca do que un grupo, autor/a ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Como extensión orientativa podemos establecer unhas 400 palabras, aproximadamente. Cómpre non obstante ter en conta que neste caso a extensión pode ser moi variable dependendo de que o alumnado opte por unha redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.


Versión máis longa, 604 palabras, máis axeitada para unha redacción esquemática:

O século XX supón en Galicia o nacemento do agrarismo e do nacionalismo, a continuación da emigración e a aparición do movemento obreiro.
O movemento agrario é desde 1907 o auténtico revulsivo social da época. Destaca a Liga Agraria de Acción Gallega (1912), dirixida por Basilio Álvarez; fortemente perseguida, vai esmorecer cara a 1915, mais esta presión social en contra dos foros consegue a lei de redención dos foros na Ditadura de Primo de Rivera en 1926.
En 1916 xorden na Coruña as Irmandades da Fala, que axiña se estenden por toda a Galicia. O seu obxectivo máis inmediato é a defensa do idioma galego para recuperar a cultura. No 1918 decláranse nacionalistas, mais no 1922 escindiranse nunha liña política e outra cultural, arredor desta nacerá a revista Nós.
Na poesía a entrada do século XX non supuxo un cambio no panorama literario galego senón que continuaron as liñas iniciadas no Rexurdimento, con autores como Leiras Pulpeiro ou Lugrís Freire.

O primeiro que marca timidamente o comezo de novos camiños é Antonio Noriega Varela (1869-1947). Podemos consideralo o máis destacado representante dunha xeración de transición ou “antre dous séculos”(Méndez Ferrín): por unha parte acepta o popularismo, o costumismo e o sentido cívico dos predecesores, pero por outra podemos ver nel certos influxos do modernismo e da literatura portuguesa. 
Escribiu unha soa obra ampliada durante toda a súa vida: en 1904 o título é Montañesas; desde 1920, denominarase Do ermo. O cambio de título marca un cambio de tendencia na súa obra, con dúas liñas:
poesía costumista (coma no XIX): descrición da vida rural, desde unha óptica conservadora que reacciona contra toda novidade e innovación porque desfigura a súa esencia enxebre. Tamén escribiu poesía cívica, relacionada co agrarismo e suprimida en edicións posteriores.
* poesía lírica da montaña (=montañesa). Poética franciscana: tenrura e amor pola paisaxe montañesa, polos compoñentes máis humildes desa paisaxe e non polos máis grandilocuentes ou vistosos. Neste apartado encádranse 21 sonetos literariamente moito máis traballados e lingüisticamente máis cultos; moi influenciados polos autores portugueses Antero de Quental e fundamentalmente o seu amigo saudosista Teixeira de Pascoaes.

Pero o poeta máis destacado da época das Irmandades é Ramón Cabanillas (1876-1959): O Poeta da Raza. Recolle a inquedanza de Rosalía, o celtismo de Pondal e a protesta de Curros (toda a nosa tradición)  introducindo elementos renovadores modernistas. Pódense distinguir catro etapas na súa obra:
1. Etapa pregaleguista ou agrarista No Desterro (1913) e Vento Mareiro (1915). De forma e temática do Rexurdimento (Rosalía e Curros), nos dous libros altérnanse poemas de carácter intimista, costumista e agrarista (anticaciquil). Estes últimos, rabiosos e incendiarios, que mostran a súa solidariedade cos labregos na súa loita pola redención dos foros, son os máis coñecidos. Algúns poemas como Acción gallega ou A Basilio Álvarez chegan a ser verdadeiros símbolos populares e converten a Cabanillas en herdeiro natural de Curros. Hai tamén poemas costumistas de influencia modernista.
2. Etapa galeguista (ata 1920). O libro representativo é Da Terra Asoballada (1917). Cabanillas convértese no poeta civil de Galicia. A oposición xa non é cacique/labrego, senón Galicia/Castela.
3. Etapa mítica (1921-30). No 1926 escribe tres longos poemas narrativos: A espada EscaliborO  cabaleiro do Sant-Grial e O soño do rei Artur, que compoñen o libro Na Noite estrelecida. Cabanillas emprende unha actualización da materia de Bretaña, galeguizándoa e adaptándoa para conseguir unha mensaxe nacionalista. É unha reconstrución mítica do pasado. 
4. Etapa de posguerra (1950-59). Non escribe poesía entre 1930-1950. Os seus últimos libros son Da miña zanfona (1954) e Samos (1958), libros cheos de desenganos e morriña. Neste último, evocador e panteísta, Cabanillas recupera a súa maior altura poética.



Os consellos de Xosé Manuel Calvo para a cuestión nº 5/6 (literatura):

Recomendan unhas 400 palabras e será valorada cun máximo de 2,5 puntos. Non debería ocuparche máis de 25 minutos e tamén deberías ser consciente de que algunha cuestión se pode desenvolver suficientemente en menos liñas ca outras que requiren máis espazo. Daquela tamén debemos facer a pre-escrita na casa e levar sabido un esquema persoal cos contidos que pensamos desenvolver, conscientes asemade de que aquelas exposicións que denoten unha reprodución puramente memorística poderían ser penalizadas ao igual que na sexta pregunta. O alumnado que aspire á puntuación máxima debe ter moi claro o que vai responder en cada unha das 12 cuestións en que se pregunta sobre a historia da nosa literatura no século XX. Ao contrario, aquel alumnado que non aspire a nota ou non leve ben preparadas estas cuestións teóricas podería ao final do exame, se lle sobrar tempo, elaborar unha redacción con aqueles contidos que recorde sabendo que hai autores e obras que poderían entrar en máis dunha das 12 cuestións propostas e, non deixando a pregunta en branco, optar a parte da súa puntuación.

OLLO: procura centrarte antes nas características xerais de contexto histórico, cultural e literario ca en pretender dar unha lista exhaustiva de autores e obras. De non ter seguridade, é preferíbel non citar unha obra nin atribuírlla a un autor indebidamente. Nalgún caso erros de vulto deste estilo, como confundir Cuevillas con Cabanillas, atribuírlle unha obra clásica de Castelao a outro autor e un moi longo etcétera, teñen penalizado  altamente a puntuación desta cuestión. Por outra parte, tamén sucede a miúdo que alumnado normalmente moi estudoso e de gran capacidade de memorización, por estenderse demasiado nesta pregunta, perde moito tempo e logo fai  moi ás presas o resto do exame coa conseguinte perda de precisión e castigo dobre na nota final.


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.