Ana Cabaleiro
Foto: Ana Cabaleiro, escritora e amiga de ogalego.eu

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Educación literaria, ABAU, tema 12. O teatro de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Dramaturgos, tendencias e compañías actuais máis relevantes.

-Escoitar o texto camiñando, no deporte, cociñando...:

 

Podemos distinguir tres fases no teatro actual:
a) Formación de compañías profesionais (1978-1983). Grupos nacidos ao redor das Mostras de Ribadavia. Podemos destacar Sarabela Teatro, en Ourense, como compañía exitosa que segue en primeira liña na actualidade. No plano estético, as obras de intencionalidade política explícita ou alegórica van deixando paso a propostas máis diversificadas e máis complexas.
b) Institucionalización (1984-1991). Créase o Centro Dramático Galego (1984), primeira compañía pública, e convócanse diversos premios. Xorden novas compañías profesionais (Teatro do Morcego).
c) Desenvolvemento (ata a actualidade). Multiplícanse as compañías profesionais, aparecen outras de teatro alternativo ou experimental e ponse en funcionamento a Rede Galega de Teatros e Auditorios. No curso 2005/06 arranca en Vigo a Escola Superior de Arte Dramática.
Características comúns no teatro:
-O teatro crítico, comprometido coa realidade non vai ser tan directo e combativo como no final do franquismo senón que botará man do humor e a sátira para reflectir diferentes aspectos da nova realidade.
-A corrente lúdica maniféstase nas comedias de enredo, musicais...
-A culturalista, caracterizada polo xogo do “teatro dentro do teatro” e interrelación vida / escena; a intertextualidade con outros textos da dramaturxia universal e a adaptación de novelas galegas (A esmorga de Sarabela Teatro ou O club da calceta de Teatro do Morcego).
-Cobran cada vez maior relevancia as obras de carácter experimental.

Os Premios de Teatro María Casares, de periodicidade anual, foron creados en 1997 pola AAAG e todos os anos celebran un acto que serve de promoción da actividade teatral.
Entre os autores, ademais dos xa citados en temas anteriores que seguen publicando (Euloxio Rodríguez Ruibal, Manuel Lourenzo ou Roberto Vidal Bolaño), citaremos algúns:
*Manuel Guede Oliva. Tradutor e adaptador de autores clásicos (Molière, Shakespeare, Ibsen...) foi director do Centro Dramático Galego durante tres lustros, foi premio Álvaro Cunqueiro (o máis prestixioso en teatro) no ano 2006 cunha obra protagonizada por La Bella Otero.
*Joao Guisán Seixas. Características de toda a súa produción son a ironía e a personificación de elementos da escenografía.
*Xesús Pisón. Cunha obra moi extensa caracterizada pola axilidade da lingua e o logrado ritmo escénico, a súa temática é moi variada: desde a crítica social evolucionou a un teatro pesimista e cheo de amargura sobre as dificultades das relacións humanas. Ten tamén teatro infantil de carácter fantástico moi afastado desa visión pesimista.
*Quico Cadaval. Actor, contacontos, director e autor teatral.
*Cándido Pazó. Tamén actor, guionista, contacontos, director e autor teatral, é un dos máis orixinais, prolíficos e premiados da actualidade. Os seus textos potencian os monólogos ou diálogos que poñen en evidencia as ambicións, carencias e contradicións dos seres humanos. Fixo unha adaptación, Nano, da novela Tic-tac de Suso de Toro.
* Manuel Núñez Singala. O achado do Castro, Comedia bífida (representadas en multitude de ocasións)...
*Ademais, Henrique Rabuñal, Miguel Anxo Fernán-Vello, Gustavo Pernas (con moita obra publicada), Lino Braxe...
(473 palabras)


Cómpre personalizar a resposta para non reproducir exactamente o tema tal e como aquí figura: cambiar palabras, a orde, introducir algún dato novo, etc. Hai que evitar que o corrector se encontre cunha resposta igual a moitas outras.

Non se considerarán correctas as respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. Valorarase o tratamento, no tema escollido, dos seguintes elementos:
• Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias, etc.
• Información acerca dos principais autores/as dun período ou corrente. Esta non só debe facer referencia ás obras máis importantes senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores/as.
• Información acerca do que un grupo, autor/a ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Como extensión orientativa podemos establecer unhas 400 palabras, aproximadamente. Cómpre non obstante ter en conta que neste caso a extensión pode ser moi variable dependendo de que o alumnado opte por unha redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.


Versión máis ampla (755 palabras):

O cambio de réxime vivido á morte do ditador Franco conlevou unha mudanza radical no terreo literario, reorientando e diversificando a oferta. O mesmo sucede no teatro, no que se produce unha revitalización que nunca tivera na nosa historia literaria, mais de todos os xeitos continúa a ser “a irmá pobre” da literatura, gozando dunha posición inferior á poesía ou á narrativa.
Podemos distinguir tres fases no teatro actual:
a) Formación de compañías profesionais (1978-1983). Grupos nacidos ao redor das Mostras de Ribadavia emprenden a aventura de facer do teatro a súa profesión, superando polo tanto a fase de afeccionados na que debían vivir doutro traballo. Podemos destacar Sarabela Teatro, en Ourense, como compañía exitosa que segue en primeira liña na actualidade. No plano estético, as obras de intencionalidade política explícita ou alegórica van deixando paso a propostas máis diversificadas e máis complexas.
b) Institucionalización (1984-1991). O primeiro fito é a creación do Centro Dramático Galego (1984), primeira compañía pública dependente da Consellería de Cultura, ademais da convocatoria de diversos premios amparados por outras institucións públicas. Xorden ademais novas compañías profesionais (Teatro do Morcego, Cangas, 1989).
c) Desenvolvemento (ata a actualidade). Multiplícanse as compañías profesionais e aparecen outras de teatro alternativo ou experimental. Ponse en funcionamento a Rede Galega de Teatros e Auditorios (1996) o que permite unha oferta máis estábel e descentralizada e no curso 2005/06 arranca en Vigo a Escola Superior de Arte Dramática, primeiro centro oficial para o ensino e aprendizaxe teatrais.
Ao longo destes 30 anos van aumentando tamén as publicacións e coleccións de teatro, como os Cadernos da Escola Dramática Galega ou os Libros do Centro Dramático Galego publicados por Xerais, pero tamén neste campo o teatro é a “Cinsenta” da literatura.
Ao contarmos cunha oferta moi diversificada, é difícil atopar unhas características comúns a todo o teatro desta época, pero a maioría dos estudosos sinalan catro liñas que con frecuencia se entrecruzan: a crítica, a irónica, a lúdica e a culta. O teatro crítico, comprometido coa realidade non vai ser tan directo e combativo como no final do franquismo senón que botará man do humor e a sátira para reflectir diferentes aspectos da nova realidade. A corrente lúdica maniféstase nas comedias de enredo, musicais... Outra tendencia é a culturalista, caracterizada polo xogo do “teatro dentro do teatro” e interrelación vida / escena; a intertextualidade con outros textos da dramaturxia universal, que xa cultivara Cunqueiro e outros autores nos anos 50/60, volve ter vixencia e encontra un novo viveiro na adaptación de novelas galegas contemporáneas (A esmorga de Sarabela Teatro ou O club da calceta de Teatro do Morcego). E cobran cada vez maior relevancia as obras de carácter experimental.
Os Premios de Teatro María Casares, de periodicidade anual, foron creados en 1997 pola AAAG a fin de servir de estímulo e recoñecemento ao labor desenvolvido pola profesión teatral. Todos os anos celebran un acto que serve de promoción da actividade teatral.
Entre os autores debemos comezar por lembrar a boa parte dos que participaron nas Mostras de Ribadavia, como Euloxio Rodríguez Ruibal, Manuel Lourenzo ou Roberto Vidal Bolaño, auténticos “pais” do teatro actual e cuxa obra pertence maioritariamente a esta etapa. Aínda que é moi difícil facer unha selección dos autores máis (por non haber o suficiente distanciamento nin perspectiva histórica), citaremos algúns:
*Manuel Guede Oliva (1956). Tradutor e adaptador de autores clásicos (Molière, Shakespeare, Ibsen...) foi director do Centro Dramático Galego durante tres lustros, foi premio Álvaro Cunqueiro (o máis prestixioso en teatro) no ano 2006 cunha obra protagonizada por La Bella Otero.
*Joao Guisán Seixas (1957). Características de toda a súa produción son a ironía e a personificación de elementos da escenografía.
*Xesús Pisón (1954). Cunha obra moi extensa caracterizada pola axilidade da lingua e o logrado ritmo escénico, a súa temática é moi variada: desde a crítica social evolucionou a un teatro pesimista e cheo de amargura sobre as dificultades das relacións humanas. Ten tamén teatro infantil de carácter fantástico moi afastado desa visión pesimista.
*Quico Cadaval (1960). Actor, contacontos, director e autor teatral.
*Cándido Pazó (1960). Tamén actor, guionista, contacontos, director e autor teatral, é un dos máis orixinais, prolíficos e premiados da actualidade. Os seus textos potencian os monólogos ou diálogos que poñen en evidencia as ambicións, carencias e contradicións dos seres humanos. Fixo unha adaptación, Nano, da novela Tic-tac de Suso de Toro.
* Manuel Núñez Singala (1963). O achado do Castro, Comedia bífida (representadas en multitude de ocasións)...
*Ademais, Henrique Rabuñal, Miguel Anxo Fernán-Vello, Gustavo Pernas (con moita obra publicada), Lino Braxe...


Non se considerarán correctas as respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. Valorarase o tratamento, no tema escollido, dos seguintes elementos:
• Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias, etc.
• Información acerca dos principais autores/as dun período ou corrente. Esta non só debe facer referencia ás obras máis importantes senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores/as.
• Información acerca do que un grupo, autor/a ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Como extensión orientativa podemos establecer unhas 400 palabras, aproximadamente. Cómpre non obstante ter en conta que neste caso a extensión pode ser moi variable dependendo de que o alumnado opte por unha redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.



Os consellos de Xosé Manuel Calvo para a cuestión nº 5/6 (literatura):

Recomendan unhas 400 palabras e será valorada cun máximo de 2,5 puntos. Non debería ocuparche máis de 25 minutos e tamén deberías ser consciente de que algunha cuestión se pode desenvolver suficientemente en menos liñas ca outras que requiren máis espazo. Daquela tamén debemos facer a pre-escrita na casa e levar sabido un esquema persoal cos contidos que pensamos desenvolver, conscientes asemade de que aquelas exposicións que denoten unha reprodución puramente memorística poderían ser penalizadas ao igual que na sexta pregunta. O alumnado que aspire á puntuación máxima debe ter moi claro o que vai responder en cada unha das 12 cuestións en que se pregunta sobre a historia da nosa literatura no século XX. Ao contrario, aquel alumnado que non aspire a nota ou non leve ben preparadas estas cuestións teóricas podería ao final do exame, se lle sobrar tempo, elaborar unha redacción con aqueles contidos que recorde sabendo que hai autores e obras que poderían entrar en máis dunha das 12 cuestións propostas e, non deixando a pregunta en branco, optar a parte da súa puntuación.

OLLO: procura centrarte antes nas características xerais de contexto histórico, cultural e literario ca en pretender dar unha lista exhaustiva de autores e obras. De non ter seguridade, é preferíbel non citar unha obra nin atribuírlla a un autor indebidamente. Nalgún caso erros de vulto deste estilo, como confundir Cuevillas con Cabanillas, atribuírlle unha obra clásica de Castelao a outro autor e un moi longo etcétera, teñen penalizado  altamente a puntuación desta cuestión. Por outra parte, tamén sucede a miúdo que alumnado normalmente moi estudoso e de gran capacidade de memorización, por estenderse demasiado nesta pregunta, perde moito tempo e logo fai  moi ás presas o resto do exame coa conseguinte perda de precisión e castigo dobre na nota final.


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.