Bernardo Penabade
Foto: Bernardo Penabade, escritor e amigo de ogalego.euj

ogalego.eu - ogalego.gal son Vitoria Ogando Valcárcel // Anxo González Guerracatedráticos de galego xubilados

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Lingua e sociedade, ABAU, tema 2. Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións da norma.


Exame: 2 imaxes ou textos (escoller un) e pregunta sobre eles.

Ver como foi o exame en 2023


-Escoitar o texto camiñando, no deporte, cociñando...:

 


Todas as linguas presentan unha forte tendencia á diversidade, especialmente no plano oral. A existencia dunha variedade estándar -a que se usa nos ámbitos formais, a que se describe nas gramáticas- contribúe a frear esa dispersión.
O galego, lingua de reis e dos cancioneiros medievais, tardou en contar cunha variedade estándar, o que se coñece co nome de normativización lingüística: fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario que sirvan de modelos cultos a imitar.
A maioría das linguas romances fixeron este labor durante a Idade Media, cando o galego comezara xa a sufrir o proceso de minorización, convertida só na lingua oral do pobo, polo que a nosa lingua non emprendeu esa tarefa –imprescindíbel para a súa normalización social- ata o século XIX, cos autores do Rexurdimento.
Neste proceso de normativización podemos sinalar catro etapas:
a) Galego popularizante (ata fins do século XIX: Rosalía de Castro, Curros Enríquez...). Non existe realmente unha intención normativizadora (Eduardo Pondal foi o único autor consciente da súa necesidade), utilizan o galego oral no seu rexistro popular (o que se conservara na fala), cheo de vulgarismos, castelanismos e dialectalismos.
b) Galego enxebrizante (ata 1936: as Irmandades da Fala...). Os autores comezan a sentir a necesidade dunha norma escrita e inclinaranse por un modelo diferencialista, que marque distancias co castelán. As características máis salientábeis son:
- Busca dun galego supradialectal, non o dunha zona concreta.
- Eliminación de castelanismos, moi abundantes na fala.
- O portugués é de algunha maneira o seu modelo de lingua culta na escrita.
c) Galego protoestándar (ata fins dos anos 1970: autores que publican en Galaxia). Medra a conciencia da necesidade dun modelo culto que apoie a normalización do galego. Caracterízase sobre todo pola simplificación ortográfica (eliminación de apóstrofos, guións, acentos graves e cincunflexos) e pola ortografía inspirada no castelán.
d) Galego estándar (ata a actualidade). O mellor coñecemento lingüístico (grazas ás investigacións e estudos universitarios) axuda a atopar solucións apropiadas para as interferencias e desviacións que aparecían nas etapas anteriores. En 1982 a RAG (Real Academia Galega) e o ILG (Instituto da Lingua Galega) aprobaron as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, levemente reformadas en 2003, son a norma culta oficial vixente na actualidade
A oficialización dunha norma culta e estándar provocou en moitos falantes ao principio un certo rexeitamento ao consideraren a lingua da TVG, da Radio Galega e de outros medios como unha especie de "galego inventado, de laboratorio" co que non se sentían identificados. Mais toda lingua moderna ha de ter a súa norma culta que se usa nos rexistros máis formais, como o galego non a tiña polo seu uso unicamente oral foi necesario creala.
Nos últimos anos as ferramentas informáticas e a Internet supuxeron un importante avance na implantación da norma culta: correctores de lingua e dicionarios para procesadores de texto, navegadores, sistemas operativos (Android, Windows, Linux); tradutores automáticos, webs especializadas; cursos en liña; etc.
Ten unha longa tradición o reintegracionismo ou lusismo (AGLP, AGAL) partidario de que o galego retome as súas orixes uníndose en maior ou menor medida ao actual portugués, unha das figuras máis relevantes é Ricardo Carvalho Calero, autor do Día das Letras Galegas 2020.

As interferencias son o influxo dunha lingua sobre outra, frecuente en situacións de contacto lingüístico e que afectan maioritariamente á lingua máis débil, no noso caso é o castelán o que actúa sobre o galego. Aparecen en todos os planos da lingua. Algúns exemplos de castelanismos:

  • No plano fónico: Redución do sistema vocálico de 7 vogais a 5, eliminando a oposición entre semiabertas e semipechadas.
  • No plano morfolóxico: cambio de xénero de determinados substantivos (*o ponte, *a sangue), e, seguindo a norma castelá, confusión dos pronomes TE/CHE, uso de tempos verbais compostos.
  • No plano sintáctico: incorrecta colocación dos pronomes átonos.
  • No plano léxico é onde máis abundan e responden a diferentes motivacións: prevalencia da palabra coincidente co castelán (comprar por mercar), restrición do significado, adoptando a palabra castelá para a realidade de maior prestixio (billa / *grifo), substitución da forma galega pola castelá (*arcilla por arxila, *tenedor por garfo...)

Chamámoslle desviacións a aquelas voces que non se axustan á normativa, ben porque non pertencen ao nivel culto (vulgarismos: probe por pobre//, dialectalismos: irmao por irmán), ben por non seren palabras de uso actual (arcaísmos: vegada por vez), ben por seren inventos motivados indirectamente pola presión do castelán (hipergaleguismos: inconvinte por inconveniente).


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.