Pilar Ponte
Foto: Pilar Ponte "A Profa", amiga de ogalego.eu

ogalego.eu - ogalego.gal son Vitoria Ogando Valcárcel // Anxo González Guerra, catedráticos de galego xubilados

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Lingua e sociedade, ABAU, tema 3.

O galego, lingua en vías de normalización.


Exame: 2 imaxes ou textos (escoller un) e pregunta sobre eles.

Ver como foi o exame en 2023


-Escoitar o texto camiñando, no deporte, cociñando...:

 


O actual marco legal (Constitución de 1978, Estatuto de Autonomía, Lei de Normalización Lingüística e Plan Xeral de Normalización Lingüística) senta as bases que poden conducir á recuperación e á normalización da lingua mais cómpre a intervención dos diferentes sectores sociais:
a) Acción institucional do poder político.
Levada a cabo polas Administracións públicas de Galicia (Xunta, Concellos e Deputacións), elementos indispensables no proceso de normalización, por coherencia e por imperativo legal.
b) Acción colectiva non institucional.
Exercida por asociacións e colectivos (Nova Escola Galega, Asociación de Funcionarios da Administración pública, Mesa pola Normalización Lingüística, Pro Lingua, Queremos Galego ...) xoga un papel importante na recuperación lingüística fronte ás eivas e esquecementos dos integrantes do grupo anterior.
c) Acción individual.
Supón un esforzo persoal e consciente para romper hábitos e condutas de desleixamento cara á situación social do idioma. Esta acción resulta claramente insuficiente sen o apoio dos grupos anteriores.
Para conseguir o éxito destas accións, é necesario un proceso de dinamización co obxecto de favorecer comportamentos positivos cara ao idioma, implicando activamente a colectivos e individuos a través de medidas que promovan o uso da lingua e conciencien e sensibilicen os axentes sociais, producindo un cambio de actitude na sociedade.
O proceso está agora nun momento decisivo. Nunca, desde a Idade Media, o galego dispuxo de tantas armas: oficialidade, mellora na consideración social, presenza no ensino e na cultura (aínda que nos últimos anos están desaparecendo moitas das axudas oficiais). Pero, por outro lado, nunca o perigo de substitución foi tan claro: ausencia importante de transmisión xeracional, presenza mínima nos medios de comunicación de masas...
A cultura agraria e mariñeira, que foi a que mantivo a lingua, está a desaparecer; aínda que está a medrar unha nova adhesión noutros ámbitos. Pero esta corrente regaleguizadora non compensa a perda progresiva de falantes. Se esta dinámica continúa, a medio prazo, o galego pode converterse nunha lingua “ritual”. Só a lealdade lingüística, froito dun compromiso individual, pero tamén económico e social, poderá evitar que siga o proceso. Ademais a aposta pola lingua dos grandes poderes políticos e empresariais será un factor decisivo.

O galego xa está nas  aulas cun amplo coñecemento e uso do galego escrito. Mais a transmisión xeracional do idioma (de pais a fillos) nunca foi tan baixa. Que pensan os galegos? Nas enquisas unha maioría é favorable ao uso do galego e veo positivamente. Mais segue existindo xente que o considera de segunda, sen interese para o futuro -para que sirve el gallego?-, non paga a pena promover o seu uso. Outros cren que é "a nosa lingua", que hai que promover o seu uso en todos os niveis, que é un valor engadido que nos sitúa no mundo dándonos unha identidade e achegándonos á comunidade de fala galego-portuguesa. 
Así que poderiamos concluír que a conciencia lingüística na actualidade en Galicia é moi diversa. Para uns a situación da lingua é óptima, as autoridades apoian a normalización clara e suficientemente. Para outros o futuro é moi escuro, non hai interese real pola normalización. Hai moita xente que manifesta amar o galego e ten preocupación pola súa desaparición pero opina que non se debe impoñer o seu uso.

Segundo o Instituto Galego de Estatística en 2019 só 3 de cada 10 persoas fala sempre en galego, só un 16,88% das persoas escriben normalmente en galego, fronte ao 83,12% do castelán, un 63,81% da xente que fala sempre en galego cambia ao castelán na escrita. En 2021 por primeira vez na historia o castelán supera o galego como a lingua máis falada na Galiza. O número de mozos e mozas que fala español multiplica por catro aos que o fan en galego e das persoas menores de 20 anos case 8% recoñecen que non poder falar "nada" de galego e outro 22% di que o fala "con dificultade " (INE). E o galego fálase nas cidades galegas máis que o catalán en Barcelona ou o vasco en Bilbao, así que é posible normalizar o seu uso.

Son datos moi preocupantes para a normalización do galego.


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.