Ramón Nicolás
Foto: Ramón Nicolás, escritor e amigo de ogalego.eu

2º Bach. Lingua Galega e Lit. ogalego.gal Tema seguinte

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Lingua e sociedade, ABAU, tema 1. Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa repercusión nos usos.


Exame: 2 imaxes ou textos (escoller un) e pregunta sobre eles.

Ver como foi o exame en 2023


-Escoitar o texto camiñando, no deporte, cociñando...:

 


A función esencial dunha lingua é a de servir como medio de comunicación entre os membros dunha comunidade e pode concretarse (ou non) noutras máis específicas: función de identidade, familiar, laboral, local, institucional, cultural e internacional. Se nunha comunidade hai dúas linguas en contacto, estas reproducen a xerarquía social existente dentro dela: unha das linguas -a dominante- vai ocupando progresivamente os ámbitos da outra -a dominada- e provocando a súa substitución. A esta lingua dominada ou recesiva (que vai perdendo usos) chámaselle tamén lingua minorizada e é empregada unicamente nos ámbitos socioculturais máis baixos e ignorada ou desprezada nos máis elevados, dos que foi desprazada pola lingua dominante. O concepto de lingua minorizada é sociolingüístico e nada ten que ver co de lingua minoritaria que é só cuantitativo (cantos a usan?). Pode suceder que unha lingua minorizada sexa a maioritariamente falada na comunidade lingüística, ou pode que non.
Un dos moitos obstáculos no camiño da normalización é a vixencia de determinados estereotipos e prexuízos lingüísticos que pretenden transmitir a idea de que a lingua minorizada (o galego no noso caso) non é tan válida para o desenvolvemento como a hexemónica, polo que non ten futuro:
-o galego é propio do mundo rural
-o galego non serve para as matemáticas ou a informática
-o galego non serve para nada fóra do territorio
-o que hai que aprender é inglés e non galego
-o galego só o falan os nacionalistas
-o galego normativo é “inventado”
-o galego non ten sentido no mundo actual globalizado e con Internet

Que son falsas verdades e tamén se aplican noutros casos de linguas minorizadas, vexamos:
-o galego é unha lingua tan válida na cidade coma na aldea
-o galego serve para calquera ámbito: a Facultade de Matemáticas foi moito tempo das máis galeguizadas
-o galego ponnos en contacto con toda a comunidade de fala galego-portuguesa
-aprender o inglés non ten que ver con falar galego, non se opoñen, ademais os falantes bilingües aprenden mellor unha terceira lingua
-hai moita xente que non é nacionalista e fala galego
-o galego estándar está baseado na historia e nos idiomas latinos irmáns
-no mundo globalizado cómpre ter unha identidade propia e a Internet axuda á difusión do galego

Se non existisen estes prexuízos poderiamos falar dun bilingüismo harmónico entre as dúas linguas, unha convivencia pacífica na que cada quen fale o que lle apeteza e domine ben os dous idiomas. Esta solución pode hoxe darse en determinados falantes mais aínda semella utópica no conxunto da sociedade na que seguen vixentes os citados prexuízos lingüísticos.

Outros casos de linguas en contacto:
No caso europeo, case todos os Estados actuais son plurilingües (mesmo en Portugal é oficial o mirandés) e a coexistencia das diversas linguas dentro das comunidades pertencentes a eses Estados prodúcese no plano da diglosia (excepto en Suíza e Bélxica, pero só na teoría). Hai polo tanto grande cantidade de linguas minorizadas, pertencentes a comunidades que en moitos casos están divididas por fronteiras políticas, como o éuscaro ou o catalán, xa que non sempre os límites dunha comunidade lingüística ou dunha nacionalidade histórica coinciden cos dun Estado moderno. 
O status e o nivel de uso das diversas linguas minorizadas, case todas minoritarias tamén, son moi distintos: O gaélico irlandés, lingua oficial de Irlanda, sobrevive como lingua case “ritual”. O bretón, o occitano, ou o corso sofren historicamente, igual que o catalán e o éuscaro, os embates centralistas do Estado francés que, en certos momentos, chega mesmo a prohibir a súa fala. 
Consideración parecida merece o romanche na Suíza, e o sardo – lingua da illa de Sardeña - ou o friulano no Estado italiano.
É dentro do actual Estado español onde as linguas minorizadas (galego, catalán e éuscaro) gozan de maior status e son usadas en ámbitos impensables para as anteriores. 
O castelán, que en Galicia é a lingua de prestixio fronte en galego, en moitos lugares dos EE.UU é a lingua minorizada fronte ao inglés.


-Vídeo de Rosalía Fernández sobre a lingua


2º Bach. Lingue Galega e Lit. ogalego.gal Tema seguinte
2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.