ogalego.eu
Álvaro Cunqueiro, homenaxe de ogalego.eu
Díaz Castro, Penélope
Os lobos, Ánxel Fole
qr
Foto: Álvaro Cunqueiro, autor do relato

Relato comentado para alumnado de Literatura Galega

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

Un conto do mestre Álvaro Cunqueiro para pasar o tempo na corentena do coronavirus. Tristán García.

Especial coronavirus


1. Vemos unha adaptación do conto na TVG:

 


2. Lemos o texto

Tristán García

Este Tristán do que conto nunca soubo por qué lle puxeran ese nome no sacramento do bautismo, nin coñecía a ninguén que se chamase coma el.
Un tío seu que traballaba como camareiro nun restaurante moi famoso de Lisboa, dicíalle que en Portugal coñecía a dous ou tres cabaleiros dese nome, e que todos eles eran moi ricos. Tristán foi cumprir o servizo militar a León, e alí un día, nun quiosco, mercou por dous reás “La verdadera historia de los amantes Tristán e Isolda”, cos namorados moi abrazados na portada do folletín. Ao fin ía saber quén fora aquel Tristán cuxo nome levaba. Cando chegou ao final da historia, coa morte de ambos namorados, Tristán García verteu unhas bágoas. E dende aquela deu en matinar que andando el polo mundo atopaba a unha muller chamada Isolda, e gustábanse, e facíanse noivos, e casaban, e vivían moi felices en Viana do Bolo, de onde Tristán era natural A todos os seus compañeiros do Rexemento de Burgos 38, preguntáballes se por un casual habería no seu pobo unha rapaza que se chamase Isolda. Nona había. Había algunha Isolina solta, pro Isolina non era o mesmo que Isolda. Tristán doíase de non dar con esa Isolda, porque se non a atopaba agora en León, onda había tanta familia, nona ía atopar en Viana do Bolo, traballando na terra. Un día mandouno chamar un sarxento chamado Recuero.
-Ti es ese que andas coa teima de atopar unha muller que se chame Isolda?
-Si señor.
-Pois en Venta de Baños hai unha viúda con ese nome.
-Nova ou vella?
-Qué sei eu! Coido que é churreira.
Tanto tiña metido no seu maxín o noso Tristán a novela famosa, que non puido dubidar de que aquela Isolda de Venta de Baños fose nova e fermosa. En todo caso, se era vella, tería unha filla ou unha sobriña que seguise no nome, e si era churreira como ela podía seguir co negocio en Ourense ou en Viana, onde xa era hora que deran nos bares chocolate con churros. Tivo Tristán un permiso, e cos vinte pesos que tiña aforrados tomou en León o tren para Venta de Baños. Xa naquel empalme preguntou pola churrería da Isolda. Estaba a churrería preto da estación. E a señora Isolda era aquela que estaba envolvéndolle uns churros a un señor cura. Era unha velliña de cabelo branco, fermosos ollos negros, a pel tersa, as mans moi graciosas pondo os churros no papel de estraza e esparexendo o azucre por derriba deles. Tristán dubidou entre falarlle ou non, pero xa levaba gastadas corenta e sete pesetas no billete de ida e volta.
-Bo día! Vostede é a señora Isolda?
-Servidora!, respondeulle a velliña, sorríndolle.
-É que eu son Tristán e viña a coñecela!
A velliña pechou os ollos, e agarrouse ao mostrador para non caer. Bágoas rodaban polas súas meixelas.
-Tristán! Tristán querido!, puido dicir ao fin. Toda a miña mocidade agardando a coñecer un mozo que se chamase Tristán! E como non viña, casei cun tal Ismael, que era de Madrid!
Tristán saudou militarmente, e despacio volveuse á estación a agardar o primeiro tren para León. Cando este chegou e Tristán subía ao vagón de terceira, apareceu a señora Isolda, con un paquete de churros. Doullo a Tristán e bicoulle a man. Non se dixeron nada.
Cousas así soio pasan nos grandes amores.

Os outros feirantes (1979), Álvaro Cunqueiro


3. -Un dos temas do conto é a historia de Tristán e Isolda. Buscamos información na Internet se non sabemos moito.

-Outro dos asuntos tratados é o servizo militar obrigatorio. Se coñecemos alguén que o fixera chamámolo para que nos contes "batalliñas" do seu servizo. Se non coñecemos, aquí temos un exemplo para lermos.


4.- Podemos ampliar información lendo un comentario literario do conto.

COMENTARIO DO RELATO

No volume III da súa Obra completa en galego Álvaro Cunqueiro inclúe unha especie de triloxía composta por  Escola de menciñeiros e fábula de varia xente  (1960),  Xente de aquí e de acolá (1971) e Os outros feirantes (1979). Son 113 breves retratos de personaxes populares con toda a aparencia de seres reais, aínda que os seus poderes ou aventuras se­xan de natureza marabillosa, relacionados coas crenzas da nosa cultura tradicional.
Na introdución a Os outros feirantes escribe: Este fato de retratos son continuación de outros que din fai uns anos no meu libro Xente de aquí e de acolá (...) Eu retrataba ao minuto nunha feira, na feira galega a esta xentiña de nós (palabras que ademais serven para explicar o título do libro).

Tristán García
O título xoga un papel importante no relato, concentra a esencia do contido. Xa no título está a dualidade presente en todo o relato: a fantasía e a realidade; o marabilloso e o vulgar que van acabar mesturándose. O nome de Tristán suxire algo diferente, o lector debe coñecer a historia medieval de Tristán para poder gozar completamente do relato, esa lenda céltica exemplo de amor puro e imposible. García é o apelido máis común en Galicia, o máis corrente. Así pois, un nome cabaleiresco, con resonancias literarias e un apelido anódino e do máis habitual.
Este Tristán do que conto nunca soubo por qué lle puxeran ese nome no sacramento do bautismo, nin coñecía a ninguén que se chamase coma el.
O narrador en 1ª persoa –coma se fose o propio autor- comeza a introdución cun deíctico, un determinante demostrativo para acercar a historia ao lector ao poñer ao protagonista como próximo ao narrador e tamén imitar o conto oral, como se el o coñecese. O protagonista pregúntase o por que do seu nome, un nome moi raro. Non hai presentación do personaxe nin descrición, o único importante é o nome.
Un tío seu que traballaba como camareiro nun restaurante moi famoso de Lisboa, dicíalle que en Portugal coñecía a dous ou tres cabaleiros dese nome, e que todos eles eran moi ricos.
Remata a introdución e comeza o desenvolvemento da historia. Introdúcese agora a emigración (a Portugal) para facer verosímil a especialidade dese nome. Nalgunhas comarcas galegas emigrou moita xente a Lisboa, cidade na que vivía moita e importante aristocracia. Desta maneira o nome comeza a ter o seu interese, nome de ricos nobres portugueses.
Tristán foi cumprir o servizo militar a León, e alí un día, nun quiosco, mercou por dous reás “La verdadera historia de los amantes Tristán e Isolda”, cos namorados moi abrazados na portada do folletín. Ao fin ía saber quén fora aquel Tristán cuxo nome levaba. Cando chegou ao final da historia, coa morte de ambos namorados, Tristán García verteu unhas bágoas.
E comeza a acción, valéndose doutro elemento realista, a obrigatoriedade do servizo militar nos varóns. Ao saír da casa e da súa terra por primeira vez a súa vida vai cambiar porque coñece a lenda de Tristán e Isolda os famosos namorados. Era moi común entre os soldados mercar este tipo de noveliñas nos quioscos para leren nas gardas e tempos mortos. Comeza a indentificación entre o Tristán-actual e o Tristán-medieval, por iso se emociona tanto coa lectura. Xa antes de o ler ao ver a portada sabe o mozo que se trata dunha historia de amor.
E dende aquela deu en matinar que andando el polo mundo atopaba a unha muller chamada Isolda, e gustábanse, e facíanse noivos, e casaban, e vivían moi felices en Viana do Bolo, de onde Tristán era natural A todos os seus compañeiros do Rexemento de Burgos 38, preguntáballes se por un casual habería no seu pobo unha rapaza que se chamase Isolda. Nona había. Había algunha Isolina solta, pro Isolina non era o mesmo que Isolda. Tristán doíase de non dar con esa Isolda, porque se non a atopaba agora en León, onda había tanta familia, nona ía atopar en Viana do Bolo, traballando na terra.
E a vida do mozo cambia radicalmente. A identificación coa historia lévao a unha nova vida marcada xa pola fantasía, por imaxinarse a el vivindo tamén unha marabillosa historia de amor con unha Isolda. Para que a historia sexa crible cítase o lugar de nacemento de Tristán pero cunha certa ironía, Viana do Bolo, un dos lugares máis afastados de Galicia. Cita o rexemento como facían todos os homes cando contaban as súas batalliñas do servizo militar. E segue o humor xogando cos nomes Isolda-Isolina e coa escasa posibilidade dunha Isolda labrega.
Un día mandouno chamar un sarxento chamado Recuero.
-Ti es ese que andas coa teima de atopar unha muller que se chame Isolda?
-Si señor.
-Pois en Venta de Baños hai unha viúda con ese nome.
-Nova ou vella?
-Qué sei eu! Coido que é churreira.

Cando xa se deixaba levar polo pesimismo, de pronto a situación dá unha reviravolta e faise realidade a existencia dunha Isolda. Remarca a verosimilitude ao citar polo apelido o mando militar, como facían sempre os mozos. Introduce agora o narrador o estilo directo nun diálogo que empeza serio e remata con humor, unha Isolda churreira, nada máis lonxe dunha moza nobre.
Tanto tiña metido no seu maxín o noso Tristán a novela famosa, que non puido dubidar de que aquela Isolda de Venta de Baños fose nova e fermosa. En todo caso, se era vella, tería unha filla ou unha sobriña que seguise no nome, e si era churreira como ela podía seguir co negocio en Ourense ou en Viana, onde xa era hora que deran nos bares chocolate con churros.
“o noso Tristán” outra vez, como ao inicio a proximidade co protagonista imitando o conto contado. A súa ansia de transcender a realidade, de evadirse ao marabilloso lévao a superar todos os impedimentos posibles. Volve o humor, a necesidade de ter churros en Viana. A forma verbal tería marca a a hipótese, o predominio do irreal.
Tivo Tristán un permiso, e cos vinte pesos que tiña aforrados tomou en León o tren para Venta de Baños. Xa naquel empalme preguntou pola churrería da Isolda. Estaba a churrería preto da estación. E a señora Isolda era aquela que estaba envolvéndolle uns churros a un señor cura. Era unha velliña de cabelo branco, fermosos ollos negros, a pel tersa, as mans moi graciosas pondo os churros no papel de estraza e esparexendo o azucre por derriba deles.
Datos concretos para facer o conto real: as cen pesetas, a estación de Venta de Baños que era moi coñecida porque alí paraban os trens que ían a Madrid xuntándose dúas vías e había tempo para tomar uns churros ou mantecadas. Os curas que pasaban a noite en xaxún para poder misar e logo almorzaban ben. Por iso é verosímil unha Isolda churreira en Venta de Baños.
Despois de moitos trazos imaxinarios, a palabra señora (Isolda) bate coa realidade. E unha vez atopada Isolda hai unha demorada e detallada descrición dela (que non hai en ningún momento de Tristán, xa que non nos interesa, chega co nome). Unha descrición dunha bela dama, como tiña que ser unha Isolda dun folletín, pero xa vella.
Tristán dubidou entre falarlle ou non, pero xa levaba gastadas corenta e sete pesetas no billete de ida e volta.
-Bo día! Vostede é a señora Isolda?
-Servidora!, respondeulle a velliña, sorríndolle.
-É que eu son Tristán e viña a coñecela!

A decepción de coñecer unha muller xa entrada en anos superada pola realidade de aproveitar os cartos gastados. De novo o estilo directo no diálogo para reforzar o momento álxido da narración, o encontro entre Tristán e Isolda, os heroes da historia.
A velliña pechou os ollos, e agarrouse ao mostrador para non caer. Bágoas rodaban polas súas meixelas.
Comeza o final narrado con moita emoción e sentimento. Mesmo cun hipérbato (bágoas rodaban) imitando os folletíns, as historias románticas porque iso é o que eles tentaban vivir, protagonistas dun amor imposible.
-Tristán! Tristán querido!, puido dicir ao fin. Toda a miña mocidade agardando a coñecer un mozo que se chamase Tristán! E como non viña, casei cun tal Ismael, que era de Madrid!
Exclamacións para reforzar a vehemencia do momento, de toda unha vida agardando ela tamén o seu Tristán. E o humor co contraste da realidade, un tal (un calquera), Ismael (nome non moi abundante), de Madrid (da capital, algo é algo)
Tristán saudou militarmente, e despacio volveuse á estación a agardar o primeiro tren para León. Cando este chegou e Tristán subía ao vagón de terceira, apareceu a señora Isolda, con un paquete de churros. Doullo a Tristán e bicoulle a man. Non se dixeron nada.
No desenlace segue a mestura da narración de grandes e emocionantes feitos:

coa realidade do máis corrente:

Cousas así soio pasan nos grandes amores.
E xa só quedaba o desenlace anticlimático, tan abundante nestes relatos de Álvaro Cunqueiro. Toda a tensión narrativa, toda a ilusión do protagonista, o seu mundo marabilloso queda resumido nesta irónica frase: eles tamén viviron unha ilusión como os medievais Tristán e Isolda, tamén os seus amores foron imposibles.
Coma noutros relatos das Semblanzas de Álvaro Cunqueiro, un personaxe anódino, corrente consegue grazas á fantasía converter a súa vida en algo marabilloso e extraordinario. E sempre coa complicidade do lector, que debe coñecer previamente a historia de Tristán e Isolda, esencial nestes pequenos contos.
Un comentario do conto en María Xesús Nogueira, Os outros feirantes, Álvaro Cunqueiro. Sotelo Blanco, p. 72.

2005-2024