ogalego.eu
Basilio Álvarez
De catro a catro. Manuel Antonio
En pé, Ramón Cabanillas
qr
Imaxe: Basilio Álvarez por Castelao

Poema comentado para alumnado de Literatura Galega por Anxo González Guerra // Vitoria Ogando Valcárcel -ogalego.eu // ogalego.gal-

A BASILIO ÁLVAREZ

¡Sementador! O trigo dos beirales
mostra as espigas mestas e douradas,
e as segadoras fouces, afiadas,
teñen tráxico brillo de puñales.

O teu verbo, estalante nos pinales,
troca, ó chegar ás chouzas das valgadas,
os salaios das gorxas abafadas
en ruxidos guerreiros e triunfales

A aldea érguese co craror da aurora
agardando a siñal, e non sosega
en axexo de loita vingadora.

¡Xa a lus do sol do mediodía cega,
sementador! ¡Sementador, xa é hora
de da-lo berro e comenza-la sega!

Ramón Cabanillas

¡Sementador! O trigo dos beirales (beirais: arredores, franxas da beira) mostra as espigas mestas e douradas, e as segadoras fouces, afiadas, teñen tráxico brillo de puñales (puñais)

O teu verbo (palabra, oratoria), estalante (que estrala) nos pinales (piñeirais), troca, ó chegar ás chouzas (chozas) das valgadas (vales profundos), os salaios (lamentos, choros) das gorxas abafadas (con dificultades para respirar) en ruxidos guerreiros e triunfales (triunfais)

A aldea érguese co craror (
claridade) da aurora agardando a siñal (o sinal), e non sosega en axexo de loita vingadora.

¡Xa a lus (
luz) do sol do mediodía cega, sementador! ¡Sementador, xa é hora de da-lo berro e comenza-la (comezar) sega!

Comentario semántico.
LOCALIZACIÓN: Poema de R. Cabanillas, do seu 1º libro No desterro publicado na Habana e prologado polo mesmo Basilio Álvarez, a quen vai dedicado este poema. Este era un crego-orador nacido en Beiro que a principios de século que formou parte dun grupo de xentes que trataba de levantar o pobo para reivindicar melloras no campo. No ano 1910 fundou Acción Gallega, sociedade agraria reivindicativa. Na Habana anima a Cabanillas a facer unha poesía combativa, continuando así o labor de Curros, morto alí mesmo dous anos antes. Así o fixo, demostrándoo nesta poesía; mais no mesmo libro podemos atopar outros temas: intimista (que continuaría até a morte) e de corte modernista.
Neste poema, a simple vista, parece que se nos conta que o trigo xa está listo para ser segado, que xa é hora de comezar a seitura; ese sería o argumento superficial, mais nun nivel máis profundo o tema é ben diferente: estamos ante unha alegoría, unha imaxe continuada na que ao plano concreto (a sega), se lle sobrepón un plano abstracto (a loita anticaciquil); e esa elección de imaxes agrarias, ese xogo con dous campos semánticos tan diferentes, están plenamente acertados se temos en conta a personalidade de Basilio Álvarez, a quen vai dirixido: líder anticaciquil inmerso na loita agraria.
Non se distinguen partes neste soneto; ten unha estrutura gradual, in crescendo. O poeta, aparentemente, asume a función de bardo e incita ao líder para que dea a orde de ataque, e para iso escolle el mesmo un estilo oratorio, con apóstrofes directos a Basilio álvarez, concentrados ao comezo (como nun mitin, para chamar a atención) e ao final, moito máis intensos, pois é o momento álxido, o clímax do poema.
Estamos ante a descrición dun cadro estático, no momento xustamente anterior ao decisivo, cando todo está a piques de botarse a andar; os verbos case non indican movemento (mostra, teñen, agardando), aqueles que o expresan é mínimo, falan dunha situación de inquietude e tensa espera (érguese, non sosega) para finalizar con "xa é hora de comezar a sega",  pero aínda non comezou, polo tanto o movemento directo non aparece no poema.
Falábamos antes de dous campos semánticos interrelacionados, e que nos levan dun plano concreto a un plano abstracto: vexamos logo paso a paso como o autor nos vai levando gradualmente de un a outro.
Comeza o soneto cunha fermosa imaxe que Cabanillas dirixe ao seu amigo: "¡Sementador!", e chámalle así no momento da seitura, cando xa esa semente frutificou: así dános a entender que a situación actual é posíbel grazas ao labor pasado de B.A.: foi el quen co seu traballo conseguiu chegar ao momento da sega. A continuación temos, nos tres primeiros versos, unha serie de substantivos e adxectivos case todos concretos e referidos á agricultura, á sega, e só no último verso desta estrofa mudamos de campo semántico con esa imaxe que identifica as fouces con puñais, que ademais son tráxicos. É o primeiro indicio de que esa sega é metafórica e non real.
O segundo cuarteto poderiámolo considerar unha explicación da semente botada por B.A. e que avanza polo camiño da identificación da sega coa loita: a semente do líder, o que serviu para concienciar ao pobo, foi a súa oratoria, que troca os choros en berros guerreiros e triunfais; vemos tamén aquí un avance no paso da concreción á abstracción: hai menos termos concretos, rurais e comezan a abundar máis os abstractos: verbo, salaios, ruxidos, triunfales ... Ademais xa se produce explicitamente a mudanza de campos semánticos: troca os salaios en ruxidos guerreiros.
No primeiro terceto teremos a identificación plena e a abstracción total: non hai xa substantivos concretos, rurais e só aparecen os abstractos: xa sabemos que a aldea (=a Galiza rural) se levanta agardando a loita: estamos en condicións pois de afirmar que aquela sega da primeira estrofa é a loita de que agora se nos fala. E iso ábrelle o paso á última estrofa, a máis importante: despois de nos dicir que a Galiza leva xa moito tempo agardando (desde o craror da aurora até que cega a luz do sol do mediodía), Cabanillas pode volver tranquilamente á imaxe da sega coa seguridade de que os seus lectores entenderán perfectamente a mensaxe oculta.
Aínda que poderíamos pensar que este soneto é popular, dirixido directamente ás xentes, por esa identificación Loita=Sega, en realidade nada máis lonxe da verdade, pois a xente do campo naquel tempo nunca podería entendelo; este é un soneto culto, de corte intelectual no que Cabanillas fai, para intelectuais, unha exaltación do líder, pero nunca para animar a xente á loita; isto pódese explicar tamén desde o pensamento de Cabanillas: el en realidade nunca sentiu intimamente esta poesía combativa, fíxoa un pouco empurrado polas circunstancias, e de feito anos despois renegará dela e mesmo a excluirá da edición das súas Obras Completas; por iso entendemos a actitude do poeta: posto a facer un poema combativo, eloxia e exalta a figura do amigo, pero non chama el directamente á loita, no momento decisivo el afástase, non é un verdadeiro bardo que dea os ánimos necesarios que levarán ao triunfo: esa función corresponderalle a Basilio Álvarez.

(comentario en colaboración coa profesora María Xesús Fernández Lopo)

Escoitar Acción Gallega por Xernreira

2005-2017