CONQUERIR
O latín quaerere, que deu sen traballo de metamorfose o noso querer, tiña porén o significado de ‘buscar’. Houbo, xa que logo, unha mudanza semántica. Da mesma raíz ca querer viría logo a voz conquerir, que con resultados semellantes atopámola no catalán conquerir, no italiano conquidere, no francés conquérir, no provenzal conquerre ou mesmo, alén da romania, no inglés conquer. Teñen que ver co orixinario significado latino de querer no senso de ‘buscar por todas partes’. Por asociación. Busca quen quere. Xa dende o século XIX, no dicionario de Cuveiro Piñol (1876), e durante practicamente todo o século XX, ata o dicionario de Carré Alvarellos (1979), a forma conquerir, co significado de conquistar, foi recollida en todas as obras lexicográficas do idioma galego. Ademais, gozou de cultivo literario e foi asimilada polo pobo e neofalantes. Pero hoxe conquerir non se considera forma normativa, foi preterida pola compilación léxica oficial.
Así e todo, ademais dos bos amigos que ten noutras linguas, esta voz deixou dentro da nosa un amplo regueiro léxico: inquirir, inquisición, requirir, requisitoria ou cuestión. Tamén desta mesma raíz naceu exquisito, tanto no senso positivo de ‘distinguido’, igual ca é empregado no castelán, como no senso negativo de ‘repugnante’, como tamén se usa no portugués. E a pregunta é: non teremos sido algo exquisitos coa forma conquerir?
A pexa usábase para conquerir que a besta non saltase os muros
Verba seguinte: COSTUME // Verba anterior: CHAVE // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |