VERBAS

Por Espiñeira

CHAVE

No latín está a clavis, no galego temos a clave, e tamén outros derivados. Correspondentes destas son expresións doutras linguas como a portuguesa chave, a italiana chiave, a catalá clau, a provenzal clau, a francesa clé, a romanesa cheie etc. Ata o alemán chegan resoancias na forma de klavier, que ten o significado de clavicordio.
Chave en inglés é key, pero esta chave non é a que nós chamamos ‘chave inglesa’. Como se di en inglés? Pois nos EEUU adoita chamarse crescent wrench e no UK adjustable spanner. Curioso.

Como se pode apreciar,  tivo gran fertilidade a reprodución desta raíz, en principio tan só unha chaviña ou clave pequena; por vía patrimonial deu a forma chavella, literalmente ‘chave pequena’ pero cun uso especializado no ‘chavello ou peza de madeira que suxeita o xugo ao carro’; por vía semiculta deu caravilla ‘pecho tipo tarabelo’. Coma estes, atópanse resultados parellos no italiano cavicchia e caviglia, no provenzal cavilha, no francés cheville e tamén no inglés clavicle.

En por si chave é un termo verdadeiramente multiusos, unha navalla suíza da lingua, pluriempregado nos eidos máis diversos. Hai chaves de todos os tipos e chaves para todo. Chaves de ferraxaría, chaves de electricidade, chaves das artes marciais, chaves de artes gráficas, chaves de matemáticas, chaves de música, chaves de arquitectura...

Cando os cardeais se pechan para elixiren novo papa están a reunirse nun conclave, porque fan a reunión a porta pechada, ‘con chave’. E desta locución ‘con chave’ só hai un chanzo para chegar ao verbo conchavar, xa do latín conclavare, co significado de ‘pór xunto, pór de acordo’.

E perder a chaveta? Ten toda a fasquía de ser un italianismo, dunha forma dialectal do italiano ciavetta, diminutivo de chiave, que significa ‘peza que serve de pasador’. Por iso perder a chaveta vén ser o mesmo ca perder o control e polo xeral emprégase no senso de perder a cabeza.
Unha clave, cultismo, é na súa primixenia acepción un código secreto ou cifrado que reserva o acceso á comunicación só ao coñecedor da clave mesma. Acotío empregamos claves, para o correo electrónico, para o teléfono móbil, para os caixeiros automáticos ou para termos acceso a outras comunicacións. Afixéronnos a chamalas PIN, siglas de Personal Identification Number, o número de identificación persoal, pero en definitiva estes PIN non son máis ca unha forma moderna de claves.
O uso de claves seméllanos un feito moi moderno, pero en realidade xa vén de vello. O que en realidade foron cambiando son as ferramentas. Do escitalo que se usou en Esparta no século V a.C. ao DNI electrónico de hoxe só houbo unha mudanza tecnolóxica, pero fóra diso os dous sistemas tentan preservar informacións e facelas accesibles tan só a aqueles usuarios que teñen a clave. Da ocultación de mensaxes ou cifrado de textos, da codificación e das comunicacións en segredo ocúpase a criptografía. O DNIe baséase na criptografía asimétrica, ten dúas claves, unha pública e outra privada e o que se codifica cunha delas só se pode descifrar coa outra. Máis sinxelo, espartano, era o escitalo. Consistía nun pau ao que se enroscaba unha tira de coiro. Ao desenroscala do pau, a tira de coiro contiña unha serie de letras soltas sen ningún sentido. Só quen puidese volver a enroscar a tira no mesmo pau, escitalo, ou noutro da mesma forma e diámetro, sería quen de ler a mensaxe cifrada na tira de coiro.  O malo era se o escitalo se perdía. Vaia pau. Ter a tira de información e non ter a clave para poder lela. Cantas veces a perda de información había supor perder a guerra. Como para perder a chaveta.

Chave

Chaves


Verba seguinte: CONQUERIR // Verba anterior: CHAN // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com