VERBAS

Por Espiñeira

COSTUME

Homógrafo no catalán costume, no portugués costume, ou no italiano costume, temos no galego costume. O costume. Proveñen todos estes termos do latín consuetudo ‘costume, hábito’. Pola súa beira, o francés costume adquiriu o significado de ‘traxe’, como tamén ocorre co alemán Kostüm e co inglés costume. Ademais, o inglés custom ten o sentido de ‘afacer’ e ‘seareiro’. Por iso agora está a usarse entre nós o anglicismo customizar, co significado de adaptar unha cousa ou produto ao gusto dunha persoa ou cliente. Custom-made é como se di en inglés ‘feito de encarga’.

Relacionado con este concepto tiña tamén o latín o adxectivo assuetus, que chegou a nós como asueto, literalmente ‘acostumado’. Malia este significado ‘acostumado’, o seu uso adquiriu o valor semántido de ‘día de vacación’ por se usar xeralmente asociado no sintagma festum assuetum, isto é, ‘festa acostumada’.

Di o refrán que “o costume fai lei e mata a lei”. Refírese ao costume como fonte normativa, norma consuetudinaria, que está por riba da lexislación. Quere dicir que o costume do pobo -quen máis ordena- ten que situarse por riba dos parlamentos e dos gobernos. Soberanía popular.

Costume

Era costume levar a pedra de afiar a gadaña metida nun corno con auga


Verba seguinte: COXA // Verba anterior: CONQUERIR // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com