CHAN
É ben doado percibir a substancial base semántica que subxace na parella plano e chan. Estas dúas palabras fan referencia en primeiro lugar a superficie e, aínda que se foron especializando e foron acadando diferentes usos e acepcións, comparten unha mesma fonte orixinaria no étimo latino planus.
É un exemplo de dobretes, dous termos irmáns que teñen unha ascendencia xenética común, o elemento celular no que se produciu de xeito paseniño unha sorte de mitose, unha xebra. Os dous derivados conservan a mesma substancial información hereditaria pero á súa vez foron adquirindo cadansúa propia identidade. Unha das formas resultantes considérase culta, o que dende a perspectiva da lingüística diacrónica -a que estuda os fenómenos da lingua no eixo do tempo- significa que non houbo metamorfose, que non se deron cambios formais significativos respecto ao étimo. O cultismo é, neste caso, a forma plano, semellante ao seu étimo do latín planus e, polo tanto, equivalente morfolóxico cos termos doutros idiomas como plain no inglés, plan no francés ou piano no italiano. Doutra beira, con notable mudanza formal acaecida ao longo do tempo, no camiño de transformación do latín en lingua neolatina, temos o resultado patrimonial ou popular, isto é, o termo evoluído ou mudado no chan do galego.
O proceso de bifurcación dunha liña evolutiva é moi frecuente nas linguas romances. Solitario e solteiro, célibe e ceibe, fabular e falar, área e eira, estrito e estreito, ... son algúns dos moitos exemplos de dobretes ou alótropos de uso común. Alén diso,nalgúns casos tamén se produciu unha terceira vía de descendencia. A carón das formas cultas e patrimoniais, áchanse outras que non veñen ser nin cultas nin patrimoniais, senón semi, medio, semicultas ou semipatrimoniais. De xeito que temos artigo a carón de artello e articulación; mágoa onda mácula e mancha; regra xunta rella e regular; ou pregar á beira de chegar e complicar. Entre plano e chan, a terceira vía deu pran. Úsase esta forma semiculta, medio latina medio romance, na locución adverbial “de pran” ‘abertamente’.
Lao-Tsé, discípulo de Confucio, seica deixou dito: “é doado borrar as pegadas; difícil, porén, é camiñar sen pisar o chan”. Lao-Tsé significa ‘vello mestre’ e del sábese hoxe tan pouco que mesmo se pon en dúbida se realmente ten existido. En calquera caso, atribúeselle a Lao-Tsé a fundación do taoísmo, alá contra os séculos VI ou IV a. C. Sexa como for, a filosofía de inspiración asiática deixou fortes pegadas na cultura occidental. Taoísmo vén de Tao, que de por parte vén representar algo así como o camiño ou a orde na que acontecen as cousas. Esta filosofía xerou a aparición de diversas escolas; entre elas, sobrancea unha moi nomeada, a escola zen. Zen é como se pronuncia en xaponés o vocábulo do sánscrito dhyana, que ten o significado de ‘meditación’, unha das claves esenciais no hinduísmo e no budismo. Pois ben, dhyana –o zen do xaponés- en chinés dise chan. Pois iso, meditación.
No souto as castañas dos castiñeiros caen no chan
Verba seguinte: CHAVE // Verba anterior: CHAGA // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |