CHAGA
Chámaselle alótropo ou dobrete á derivación multiforme que ten orixe nunha mesma base morfolóxica. Para entendelo, mellor cun exemplo: do étimo latino collocare derivaron tanto a forma colocar como a verba colgar. Este fenómeno da ascendencia xenética común de pares terminolóxicos tense dado en moitos casos. Un deles é o do termo chaga que xunto con praga ten na súa orixe a mesma base morfolóxica latina, plaga ‘ferida, golpe’.
As formas galegas chaga e praga gardan relación con outras formas alóctonas -non autóctonas-; entre outras, coa chaga do portugués, a piaga do italiano, a palie do francés, a plague do inglés ou tamén a plaga homógrafa –que se escribe igual, aínda que a pronuncia difira, non homófonas- do romanés, do provenzal, do alemán ou do español. Adquiriron estas expresións en moitos dos idiomas mencionados o valor semántico de ‘praga, desdita colectiva’.
Con todo, é máis doado definir chaga ca praga. Unha chaga vese, moitas veces ata chega a sangrar. Praga ten, pola contra, un valor máis relativo. Unha praga é dende logo unha praga en calquera lugar, pero non sempre hai coincidencia na causa e o que acá pode ser beneficioso pode resultar danoso acolá. O coello ten por estes nosos pagos unha valoración positiva, como peza culinaria e aínda como símbolo da fertilidade. Ata as patas de coello se empregan como amuletos. Pero en Australia os coellos constitúen unha verdadeira praga, porque naquelas afastadas terras inzaron dun xeito tan incontrolado que hogano están a provocar graves perdas medioambientais e económicas. Adoita pasar cando se introducen especies alóctonas. Pasa cos seres vivos, Pasa coas linguas, seres vivos. En Australia combaten a praga de coellos con armas biolóxicas. A mixomatose é unha enfermidade vírica orixinaria dos coellos brasileiros que foi utilizada para combater os coellos en Australia, pero a enfermidade tamén acabou por chegar a Europa e, sen control, dicimou unha especie que entre nós non facía mal ningún. Unha praga.
Vaca con chaga nunha pata
Verba seguinte: CHAN // Verba anterior: CEO //TODAS AS VERBAS
2005-2024 |