VERBAS

Por Espiñeira

CEO

Disque se pode distinguir doadamente un parvo, abondaría con acenarlle cara o ceo e o parvo como pampo quedaría a mirar o dedo. Non vai ser tan doado. Aos cristiáns, musulmáns e xudeus, entre outros, están a sinalarlles decote o ceo. Aqueles que non apampan ollando o aceno que se lles fai co índice, os que disque non son parvos, miran cara o ceo. Así e todo, cristiáns, musulmáns e xudeus, entre outros, nunca ven o mesmo ceo e son quen de chegaren a matar e morrer por causa de cadansúa visión celestial. Non é tan doado.

O latín empregaba caelum para tanto para aludir á abóbada celeste como a morada dos deuses. Con este pouso semántico, en galego temos/vemos ceo, e ten/ven cel no catalán e ten/ven zeru no éuscaro. No romanés é cer. Son todos significantes cognatus, é dicir, nados da mesma orixe etimolóxica e ben parellos nas súas fasquías formais, aínda que os falantes poidan ter ben diferentes visións celestiais. Ver para crer, crer para ver.

Na lingua galega hai unha fermosa metáfora popular feita con esta verba e que non é causa de rifas: dise ceo da boca para referirse ao ‘padal’. Doutra beira, empréganse derivados como celeste e celestial, ou tamén cerúleo, pero non sempre se ten ben claro neste último caso o valor semántico que contén, valor certamente achegado ao senso dos outros termos. O cultismo cerúleo comparte a mesma base etimolóxica ca celestial ou celeste no caelum latino, aínda que veu por medio dunha forma interposta caeluleus. Non obstante, cerúleo adoita empregarse dun xeito impropio, como adxectivo que supostamente refire a cor da cera, baseando este uso nunha falsa etimoloxía que o fai derivar de cera.  Por iso cómpre clarexar que relativo a cera temos o adxectivo céreo, non cerúleo. Cerúleo en por si nada ten que ver coa cor da morte senón coa cor da vida, eterna, meu ceo.

Ceo

Ceo con arco da vella


Verba seguinte: CHAGA // Verba anterior: CELA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com