VERBAS

Por Espiñeira

CADEIRA

O grego kathédra tiña o significado primario de 'asento'; do grego pasou ao latín cathedra e dende o latín ao noso galego cadeira, que se mantén hoxe co mesmo significado. Temos, polo tanto, no termo cadeira un vestixio léxico, herdeiro da culta tradición grecolatina. Pódese perder hogano pola presión que exerce no seu lugar o castelanismo silla? Naturalmente, non. Aquí o que foi a Castilla non perdeu a silla; perdeu a cadeira o que non saíu de Ribeira.

Do latín sella temos o derivado sela; e non silla, que non existe en galego, castelanismo innecesario, bárbaro. Sela é o asento que se pon no cabalo ou na bicicleta, é dicir, un asento cativo e polo xeral incómodo. Nada que ver con cadeira.

O certo é que o galego, e por suposto tamén o galego de alén-Miño, o portugués, conservan o significado orixinario de cathedra na forma cadeira ‘asento’. E con parellos resultados pódense mencionar cadira no catalán, kadira no éuscaro, ou cadiera no provenzal; con maiores mudanzas formais derivou a mesma etimoloxía cathedra no francés, onde chegou a chaire e chaise e por esa vía chegou o inglés chair.

Da fasquía culta da forma cátedra, romanceada na nosa cadeira, falan en por si os derivados catedral ‘lugar onde ten o trono o bispo’ e, por extensión, ‘igrexa principal ou sé dunha diocese’, e catedralicio ‘relativo a catedral’. Hai que ver a fastosidade que chegou a atinxir o asento. Sen ir máis lonxe, a Catedral de Santiago de Compostela, senlleira na súa impoñente arquitectura, aínda que non única porque en Galicia temos outras catro máis: as de Ourense, Lugo, Tui e Mondoñedo, e iso sen contarmos as da praia máis relixiosa e catedralicia do mundo.

Ex cathedra emprégase literalmente co significado ‘dende a cátedra’, en alusión á cadeira de San Pedro, dende a que estiman os crentes católicos que o Papa fala dun xeito infalible. Despois este latinismo cru popularizouse na expresión “falar ex cátedra” que adoita empregarse para ridiculizar a quen usa un ton afectado e maxistral ou pretendidamente infalible. E catedrático, orixinado xa no latín cathedraticum, distingue a aquel que ensina dende a súa cátedra, desta volta xa sen infalibilidade.

Esta cátedra chegou mutatis mutandis, mudando o que houbo que mudar, á forma cadrís. Do asento en si, cátedra, por metonimia, é dicir, por relación de contigüidade semántica, chegou a denominarse aquela parte do corpo humano que toma máis contacto co asento ao pousar nel, alí onde a espalda perde o seu casto nome, os cadrís. Se cadra este cadril puido terse formado a partir dun derivado adxectival *cadeiril. Isto é unha hipótese. O que non é hipótese é que Almanzor, xeneral do califato de Córdoba e mandatario de Al-Andalus, saqueou a catedral de Santiago de Compostela no ano 997 e mandou aos prisioneiros cristiáns cargar coas campás ata Córdoba. Almanzor ou al-Mansur é sobrenome que significa ‘o Vitorioso’, e non é de estrañar este alcume polo poderío que ostentou despois de asasinar ata o seu propio sogro para chegar ao goberno. Así se escribe a historia para uns. Bo foi que en 1236 Fernando III conquistou Córdoba, converteu a mesquita en catedral e mandou aos prisioneiros musulmáns cargar coas campás de volta para Compostela. Por esta e outras fazañas, o Papa Gregorio Nono, infalible coma todos os papas, alcumouno dun xeito ben sobranceiro: “Atleta de Cristo” e “Campión Invito de Xesucristo”. Logo foi canonizado e elevado a santidade como Fernando III o Santo. Así se escribe a historia para outros.

Roubáronnos a catedral. Roubarannos a cadeira?

Cadeira

Semella unha cadeira, é un barrelo ou berce para cativos


Verba seguinte: CAN // Verba anterior: BO // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com